Amosando publicacións coa etiqueta charlas e obradoiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta charlas e obradoiros. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de xuño de 2026

A Vila Do Mañá




Neste último trimestre, o alumnado de terceiro e cuarto de primaria participaron na actividade da Vila Do Mañá da man de Post arquitectas. Trátase dun obradoiro de arquitectura, urbanismo e paisaxe dirixido a nenos e nenas en idade escolar.

O resultado final, un taboleiro xigante no noso patio cos lugares máis emblemáticos da nosa contorna.

mércores, 20 de maio de 2026

CORPUS NO COLE

 


Como aperitivo de unha das celebracións máis emblemáticas de Ponteareas, sempre programamos no colexio un MiniCorpus no que os máis pequenos e pequenas aprenden as técnicas básicas dos nosos alfombristas con máis experiencia: deseñar, debuxar, esfollar as flores…
Nesta ocasión foi o alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria o que participou na nosa pequena tradición. Nas imaxes podedes ver o resultado do seu bo facer.
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar esta fermosa actividade un ano máis!!!

venres, 8 de maio de 2026

STREET DANCE

 


Un ano máis as danzas urbanas encheron o Feliciano Barrera de boa vibra.
Desde 4º de educación infantil ata 6º de primaria todo o alumnado tivo a oportunidade de mostrar as súas habilidades de improvisación e creación en equipo.
Por que practicar baile urbano na escola?
Porque aprender unha coreografía estimula a memoria e a atención. Porque o movemento harmónico do corpo pon a proba e favorece a coordinación e o equilibrio. Porque a danza permite a expresión de emocións a través do corpo….
E, para rematar, pero moi importante: porque é incriblemente divertido e liberador!!!
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar e financiar esta actividade!!!

sábado, 28 de marzo de 2026

CRUZ VERMELLA NA ESCOLA: O IDADISMO

 


O xoves pasado, todo o alumnado do centro, dividido en quendas ao longo da mañá, asistiu a un interesante obradoiro impartido por persoal de Cruz Vermella.
Nunha primeira parte explicaron a nenos e nenas en que consiste Cruz Vermella, que servizos ofrece e a que persoas, quen pode ser voluntario e voluntaria…
Na segunda parte trataron o tema principal da actividade: o idadismo. Este concepto engloba todos aqueles estereotipos, prexuízos e formas de discriminación baseadas na idade.
A sesión foi moi práctica. Nenos e nenas; empregando diferentes recursos como pesos, luvas ou lentes específicas para a actividade; sentiron nos seus propios corpos a sensación de pesadez, de rixidez nas articulacións, de dexeneración visual… que case sempre a idade avanzada trae consigo. Un marabilloso exercicio de empatía!
Pero a actividade non se centrou soamente nas limitacións de anciáns e anciás, senón en todo aquilo que poden facer, como deporte adaptado ás súas capacidades e, si, tamén, utilizar con autonomía as novas tecnoloxías. Como exemplo, o alumnado participou nunha vídeo chamada con Antonio, que lles demostrou sobradamente que ser unha persoa maior non implica non usar eficazmente as novas tecnoloxías en vida cotiá.
Moitas grazas a Cruz Vermella pola vosa visita. Desmontastes moitos prexuízos no Feliciano Barrera!!!

MENTES NOVAS, IDEAS NOVAS

 


Onte o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu a visita dunha das dinamizadoras do grupo Mentes Novas.
Mentes Novas é un grupo de participación infantil e adolescente de Ponteareas. É unha canle fundamental para recoller as opinións e inquietudes dos máis novos e novas e darlles voz nas decisións que afectan á vida na nosa vila.
Agora teñen claro que é Mentes Novas, quen pode participar, que actividades organizan…
Tamén tiveron a oportunidade de participar nunha asemblea e propoñer melloras para espazos comúns, como A Freixa ou o Parque das Pombas.
Moitas grazas pola visita e pola vosa labor! Valoramos moito que o noso alumnado teña acceso a espazos de reflexión, creación e diálogo como os que propoñedes.

domingo, 15 de marzo de 2026

GUAAAUUUU!

 


Non hai mellor maneira de expresalo!
Onte visitáronnos Iris e Mónica, dúas voluntarias da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos. Con elas trouxeron á indiscutible protagonista do día, Lola, unha marabillosa cadeliña que, por certo, ESTÁ EN ADOPCIÓN e non pode ser máis adorable.
Iris e Mónica explicaron ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha chea de conceptos relacionados coa súa experiencia diaria: cales adoitan ser as causas do abandono de animais (causas, non xustificacións, que non existen!); a importancia da esterilización, especialmente no control de colonias de gatos; o lector de chip e as súas funcións…
Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa visita, pero tamén polo seu inmenso labor no coidado e protección dos animais. As tarefas do voluntariado de Os Biosbardos son innumerables: alimentación; hixiene de animais e dos espazos que ocupan; desprazamentos á clínica veterinaria ou a casas de acollida; recollida de animais sen fogar; control da medicación cando a necesitan; eventos para conseguir financiamento; organización de quendas e paseos; educación e socialización… Seguro que deixo algunha atrás. De novo: GRAZAS!!! Déixovos en ligazón á súa páxina web: protectoraosbiosbardos.org
Tamén temos que agradecer á nosa familia educativa todas as súas doazóns para a Asociación. Durante tres días recollemos innumerables achegas. MOITAS GRAZAS a todos e a todas!
Podemos dicir con orgullo que o Feliciano Barrera é un colexio amigo dos animais!

luns, 2 de febreiro de 2026

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN


Hoxe a biblioteca de Leo León recibiu unha visita excepcional: o coñecido escritor e ilustrador Anxo Fariña.
En tres quendas establecidas ao longo da mañá ensinou a todos os nenos e nenas do colexio, desde 4º de infantil ata 6º de primaria, algúns dos segredos da súa profesión. Creación de personaxes, rostros máis expresivos a través dos ollos e da boca… Realmente inspirador!!!
Conta que ilustrou o seu primeiro libro con tan só 11 anos. Hoxe, grazas a el, tivemos no Feliciano Barrera ilustradoras e ilustradores aínda máis novos.
Grazas por todo, Anxo!!! Gardaremos as túas dedicatorias e consellos como ouro en pano!!!

sábado, 31 de xaneiro de 2026

PAZ 2026

 


No Feliciano Barrera celebramos o Día da Paz, unha vez máis, dando golpes. Non vos asustedes, que ten a súa explicación!
Da man do grupo Ecopercussion, que organiza obradoiros de percusión con materiais reciclados; deixámonos levar polo ritmo e a arte dos nosos guías para, todos e todas xuntas, crear música.
Como conseguen que 105 nenos e nenas toquen á vez e, por enriba, o pasen de marabilla? Pois con anos de experiencia e carretas de saber facer!
Fermoso final para unha semana na que as mensaxes de paz foron as grandes protagonistas: as pombas da paz dos máis pequenos e pequenas, os murais trilingües dxs maiores… Esperemos que as súas palabras cheguen lonxe porque, por desgraza, neste mundo fai falta aínda moita máis paz.

MÚSICA POLA PAZ

 


Como xa sabedes, a ANPA San Xulián organizou unha sesión formativa moi especial para este xoves, 29 de xaneiro, ás 16:30: Un obradoiro de EcoPercusión para familias. Podedes consultar a información no seu perfil ou no noso.
As persoas que vos animedes a asistir poderedes tocar con todo o alumnado o venres, 30 de xaneiro, ás 13:00h. De todos os xeitos, estades todos e todas convidados a desfrutar coa música en compañía da nosa familia educativa.
Esperámosvos!!!

martes, 20 de xaneiro de 2026

ACTIVIDADE "O BOSQUE ATLÁNTICO"

 


O bosque atlántico é un dos máis diversos e ricos do planeta. Podemos atopalo en América do Sur e nalgunhas zonas de Europa como o norte de España, Portugal, Francia, Bélxica…
En Galicia aos bosques atlánticos chamámoslles fragas e temos algunhas que son marabillosas e mundialmente recoñecidas.
O venres pasado o alumnado de 5º e 6º de primaria asistiu a un Obradoiro de Educación Ambiental no que aprenderon a valorar a biodiversidade da nosa zona, que é impresionante. Tamén lles axudaron a recoñecer os beneficios das especies autóctonas respecto a especies invasoras.
O formato da actividade, que combinou exposición e xogo, resultou moi atractivo e ameno para todos e todas.
Moitas grazas pola visita!!!

xoves, 13 de novembro de 2025

ESTRATEXIAS DE APRENDIZAXE. FORMACIÓN PARA FAMILIAS. ENAPAS.


Queres acompañar á túa filla ou ao teu fillo nos seus estudos de forma eficaz? Necesitas un pouco de axuda para facelo?
O martes 18 de novembro ás 16:30h tes unha cita no Feliciano Barrera!
A ANPA San Xulián, coa colaboración do CFR de Vigo, organizou unha charla para explicar dististas estratexias de aprendizaxe e como se poden aplicar no fogar. 
Anímadevos a vir!!!

 

xoves, 6 de novembro de 2025

PLENO INFANTIL NO CONCELLO DE PONTEAREAS

 


Nova sesión preparatoria para o Pleno Infantil no Concello de Ponteareas.
A temática, sen dúbida, xera debate; pero resulta fundamental a día de hoxe: Os nosos dereitos dixitais.
Alumnos e alumnas propuxeron distintas medidas como, por exemplo, a construción dun cíber como espazo seguro de dixitalización ou a creación, por parte do Concello, de aplicacións educativas que non supoñan riscos para os cidadáns e cidadás.
O alumnado de 5º e 6º de primaria segue avanzando na reflexión e na capacidade de poñer palabras ás súas ideas e necesidades.
Parabéns!

domingo, 26 de outubro de 2025

TDAH DE CERCA


Por se alguén non o ten aínda anotado na súa axenda, lembrámolo nós.
Paula Rodríguez; psicóloga experta en adolescencia, trastornos de conduta e outros ámbitos do desenvolvemento; ofrece mañá, 27 de outubro, unha charla formativa para familias no Feliciano Barrera. Grazas á ANPA San Xulián por organizala!
Fálase moito do Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade, pero coñécese pouco e compréndese menos. Se queredes información de primeira man, achegádevos mañá, ás 17:30, ao Feliciano Barrera!

 

martes, 21 de outubro de 2025

DIXITALIZACIÓN SEN LÍMITES

 



O xoves pasado os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria tiveron a última das catro sesións do programa Dixitalización sen Límites.
Os contidos do programa son, a día de hoxe, imprescindibles para unha formación integral do alumnado: conceptos básicos sobre tecnoloxía; identidade dixital; ciberacoso; vantaxes e perigos da intelixencia artificial; creación de contidos con distintas aplicacións; vídeo chamadas seguras...
Con actividades así é máis fácil iniciarse no mundo dixital con garantías e seguridade. 

domingo, 23 de marzo de 2025

A ZERO!

 


Luns e mércores a cero no Feliciano Barrera!
Os nenos e nenas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria gozaron esta semana dos obradoiros do Proxecto Ponte a Zero, Programa de Educación, Formación e Divulgación Ambiental sobre a Redución e Xestión dos Residuos da Provincia de Pontevedra.
Mediante dinámicas e xogos os nenos e nenas descobren a importancia de separar correctamente o lixo, de reciclar e reutilizar obxectos, do aproveitamento de materiais... e de todas aquelas pequenas / grandes accións cotiás que melloran a saúde do noso sufrido planeta.
Bo traballo!

martes, 4 de febreiro de 2025

FACENDO XABÓN

O luns 3 de febreiro, estivemos aprendendo e a falando sobre as tres R: reutilizar,  reciclar e reducir .

Foi una experiencia moi divertida e emocionante.

Aprendemos moito sobre produtos de limpeza e tamén aprendemos a facer xabón caseiro con  aceite usado.

Querémoslle dar as grazas a "Ponte a zero " por ser tan amables con nós, por facernos rir e por ensinarnos esas combinacións que poden poñer en perigo a nosa vida nuns segundos.

Moitas grazass!!!!



venres, 27 de decembro de 2024

NADAL EN PRÁCTICAS

 


Tiña que pasar! Non o queriamos admitir, pero ocorreu do todos os xeitos: ao mundo máxico e marabilloso dos elfos e das elfas chegou a burocracia!
Nun divertidísimo espectáculo, Noelia, ex alumna do colexio, explicounos o duro proceso que hai que superar para chegar a ser elfo ou elfa certificado. Pero mellor non facer spoiler, que seguro que vos apetece asistir ao espectáculo o xoves, 26 de decembro, en Ponteareas!
Como sempre, agradecemos á ANPA San Xulián a súa achega económica para poder traer o espectáculo ao centro. É unha de tantas cousas que nos poderiamos facer sen a vosa axuda!

mércores, 18 de decembro de 2024

Rede galega de promoción da saúde


O martes 10 de decembro, viñeron Marta e Iria a explicarnos cousas sobre a promoción de saúde.

Fixéronnos un test para ver cantas cousas sas faciamos ... a verdade é que non moitas, pero tampouco poucas.
 
Pasamos un tempo agradable con elas e aprendemos moito sobre os bos hábitos e a relación coa nosa saúde.

venres, 22 de novembro de 2024

Todas e todos contamos

O martes viu ao cole a asociación IgualArte.

Fixemos moitas actividades:

- Infantil tivo contacontos.

- 1º, 2º, 3º e 4º tiveron un teatro.

- 5º e 6º fixemos instrumentos oe tocamos. Tambores (que estaban feitos de caldeiros decorados) , maracas (feitas de bebibles cheos de arroz e decorados con papeis de cores brillantes ) e caixas chinesas.

Grazas por vir a ensinarnos a facer estes instrumentos tan chulos!!

Admiramos o voso traballo. 

Grazas por escoitarnos!!!!!

       




          

martes, 19 de novembro de 2024

ESCOLA DE FAMILIAS

 


Temos a sorte de ter no centro unha ANPA moi implicada en todas as actividades do centro.
Coa colaboración do CFR de Vigo, organizaron unha interesante charla: O papel da familia ante o acoso escolar.
Será na biblioteca do colexio, o venres 22 de novembro, ás 17:00 horas.
Non faltedes!!!