A amizade, o amor, a natureza, os animais, os sentimentos... son algúns dos temas que os novos poetas e poetisas do Feliciano Barrera trataron nas súas obras cunha sorprendente sensibilidade. Escoitar recitar os seus poemas é todo un pracer. Tamén o concurso de relatos curtos amosan moitos valores, coma a amizade, a felicidade, a paz, a esperanza e o amor, incluso algunha historia de medo. Que gran traballo!
luns, 16 de maio de 2022
martes, 3 de maio de 2022
Sacapenas.
Todas as persoas temos as nosas penas ou preocupacións e, en moitos momentos, non sabemos ben como xestionalas. Os nenos e nenas de 2º de Primaria xa non teñen ese problema: deseñaron e fabricaron os seus propios bonecos "Sacapenas", para que garden polas noites tódolos seus pensamentos negativos e poder así durmir con tranquilidade. Que gran idea! A única dúbida que teñen é se, como Bieito, o neno do conto, terán que facer Sacapenas para os Sacapenas... Xa nos contarán!
luns, 2 de maio de 2022
Día dos Traballadores e traballadoras.
En Infantil, celebramos o Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras, 1 de Maio, escollendo a profesión que queren ser de maiores. Para iso, investigaron un pouco sobre as profesións, coma a de hostalería, que foi a preferida.
domingo, 1 de maio de 2022
Proxecto "O noso nome".
Quizais o noso nome sexa o primeiro realmente noso que temos cando chegamos ao mundo e as nosas familias escollérono con moitísimo agarimo para nós.
En 2º de Primaria, acabaron hoxe o proxecto sobre o seu nome e cada neno e nena da clase levou a casa un precioso libro con todo o aprendido. Que fermosas actividades!
sábado, 30 de abril de 2022
Como cambia o conto: Os 3 porquiños
Como cambia o conto! Pola semana do libro, en cada curso traballamos diferentes contos tradicionais en galego, variando e inventando algunhas partes do conto. En 4 e 5 anos decidiron cambiar o final do conto e este é o resultado.
Conto con monicreques: Eu son
O alumnado de 6º curso preparou, en "Contos con monicreques", a continuación do libro de "Eu vou comigo": o conto "Eu son". Nace para completar a mensaxe de empoderamento e autoestima, pero se configura xa non só como unha segunda parte, senón como un complemento necesario que despexa unha realidade ben complexa, atada por expectativas sociais e presións económicas.
Vivimos na sociedade da imaxe. pero a estética non o é todo. Nesta historia Martín vai cargando ese peso, o seu peiteado á moda, a roupa que o fan parecer máis guai e o encaixan no grupo dos mellores. Así vai cargando sobre os seu ombros máis e máis etiquetas, que lle permiten a aprobación dos demais, perdendo a identidade, anulándose e converténdose nun obxecto de consumo.
Descubre con este conto como recuperar e aceptar o propio "eu".
Conto con monicreques: Eu vou comigo
Para a Semana do libro, Contos con monicreques, o alumnado de 3º de Primaria, preparounos o conto "Eu vou comigo" de Raquel Díaz Reguera.
É unha lectura para educar en valores: “Eu vou comigo”, unha historia sobre a autenticidade e a autoestima. Non só para aceptarnos a nós mesmos, senón tamén para aceptar aos demais coas súas diferenzas. Traballar o respecto a un mesmo e aos demais, a empatía e a non deixar ninguén atrás.
Non é doado ser ti mesmo. Desde moi pequenos aprendemos a esquecer quen somos realmente para adaptarnos ao ideal que os demais teñen de nós, coa motivación de sentirnos queridos e aceptados.
Pero este camiño afástanos das nosas necesidades máis profundas e moitas veces fai que nos traizoemos a nós mesmos, xerando unha base de descontento, frustración e insatisfacción que contamina tódolos nosos actos. Non debemos esquecer que só se nos respectamos e nos aceptamos saberemos respectar e aceptar profundamente aos demais.
Conto con monicreques: O rei León
Tócalle a quenda ao alumnado de 5º de Primaria, dentro da nosa sección de "Contos con monicreques" da Semana do libro. Prepararon o teatro "O Rei León" baseado no libro de cómic que temos na biblioteca. Cóntanos a historia do Simba, un xoven león destinado a converterse en rei da sabana africana. A súa feliz infancia chega ao seu fin cando o seu malvado tío Scar logra matar o rei quedando co trono e obriga a Simba a fuxir a terras afastadas.
Unha historia que amosa valores como a solidariedade, a loita pola paz, o traballo en equipo e a unión familiar, que non debe perderse nunca e que convidan a transmitilos ás novas xeracións.
A vida é un ciclo e todo o mundo ten algo que aportar. Esa é a gran lección que Mufasa lle ensina a Simba sobre o ciclo da vida, e con esta sinxela idea promovemos o respecto, xa que ninguén debe considerarse mellor que outras persoas.
Din que "un amigo é un tesouro" e "O rei León" da boa conta diso. Inda que o longo da vida a soidade é inevitable, os amigos de verdade están aí para aconsellar e axudar ante calquera obstáculo. Quen vai negar a auténtica amizade entre Simba, Timón e Pumba, non?
O pasado pode doer pero hai que facerlle fronte, deixar de fuxir e aprender do pasado para que este non condicione o teu futuro.
Non esquecer quen é cada un, ser un mesmo e aproveitar todo o potencial que temos dentro.
A frase máis orixinal "Hakuna Matata": ningún problema debe facerte sufrir. A actitude positiva de Timón e Pumba é abrumadora, pero teñen razón, cando hai ocasión nas que o agobio pode con todo e, en vez de buscar solucións, encerrámonos en nós mesmos, para estes momentos, a alegría e a esperanza son a mellor compañía.
venres, 29 de abril de 2022
xoves, 28 de abril de 2022
A Xanela do Maxín
26 de abril. A semana do libro, estivemos a celebrala coa visita, na biblioteca do cole, de Celtia Figueiras, da compañía profesional de teatro "A Xanela do Maxín. Desfrutamos de contos marabillosos, con monicreques, enfeitizámonos co "Ula Lúa?" e "Os libros da titiriteira", adaptado ás diferentes idades dos pequenos e pequenas. Ademais agasallounos un exemplar do libro. Foi moi entretido e divertido. Moitas grazas pola túa visita, Celtia. Pasámolo moi ben.