Amosando publicacións coa etiqueta PROMOCIÓN DO BENESTAR EMOCIONAL. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PROMOCIÓN DO BENESTAR EMOCIONAL. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

 


En galego fala o mar, en galego fala a choiva, en galego fala a antiga casa de pedra… Que fale en galego a escola!
Pasamos o ecuador dunha semana dedicada ás nosas letras.
Co lema “O galego, unha lingua máis no mundo” inauguramos a exposición do libro “O principiño”, traducido a unha chea de linguas distintas. Moitas grazas á familia de Petra, Martin e Oliver, por prestarnos a súa colección. Coidarémola coma se fose nosa ou máis!
Unha das actividades estrela este curso foi a xornada de baile tradicional. Da man de Erica Iglesias todo o alumnado do centro puido aprender e practicar a nosa fermosa danza. Todo un éxito!!!

venres, 8 de maio de 2026

STREET DANCE

 


Un ano máis as danzas urbanas encheron o Feliciano Barrera de boa vibra.
Desde 4º de educación infantil ata 6º de primaria todo o alumnado tivo a oportunidade de mostrar as súas habilidades de improvisación e creación en equipo.
Por que practicar baile urbano na escola?
Porque aprender unha coreografía estimula a memoria e a atención. Porque o movemento harmónico do corpo pon a proba e favorece a coordinación e o equilibrio. Porque a danza permite a expresión de emocións a través do corpo….
E, para rematar, pero moi importante: porque é incriblemente divertido e liberador!!!
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar e financiar esta actividade!!!

domingo, 3 de maio de 2026

SOÑA NA HORTA

 


Que importante é o contacto coa natureza en educación infantil!
Remata o mes de abril e chega o momento no que os mestres e mestras damos un paso atrás e deixamos ensinar a outros: á terra, á auga, ao sol…
É o momento de poñer en marcha a horta no Feliciano Barrera!

luns, 2 de marzo de 2026

CARTAS DE AMOR

 


Hai canto tempo que non recibides unha carta? Refírome a unha carta persoal, non ás do banco ou á propaganda electoral.
E fai canto que non escribides unha?
Supoño que bastantes anos, e é unha mágoa!
Unha carta manuscrita é hoxe en día un tesouro. Pódese gardar nun cofre, pódese esconder se é que contén algún secreto... Onde se atesoura un correo electrónico?
En fin… cóntovos:
Os nenos e nenas de 5º de primaria escribiron cartas ás súas nais e pais. Os seus momentos favoritos, os seus recordos, os seus sentimentos…
Hai uns días leron as respostas e o momento foi máxico. Moitas bágoas, moitos ollos brillantes, moitas voces trémulas…
Non todos nin todas quixeron compartir o contido das súas cartas co grupo e ninguén lles pediu que o fixeran. Son súas, gardaranas sempre, xa sexa no seu agocho segredo ou no seu corazón.
Moitas grazas, familias, por participar!!! Escribistes unhas palabras realmente fermosas.

sábado, 31 de xaneiro de 2026

DAMOS LUZ AO ENFADO

 


En plástica bilingüe os nenos e nenas non só aprenden inglés e distintas técnicas plásticas; tamén aprenden a nomear e colocar as emocións nos seus termos e no seu lugar.
Nesta ocasión tocou dar espazo a unha emoción un pouco desagradable, pero tan válida como as demais: a ira. Que fai que nos enfademos? Que nos axuda a volver á calma? Todo iso ilustrado con belas metáforas: o día pode estar chuvioso, nubrado, de tormenta, nevado… pero un pouco máis cedo ou un pouquiño máis tarde acaba saíndo o sol!

xoves, 22 de xaneiro de 2026

EMOCIONANTE PROXECTO

 



Quen puidese entender a arte como os nenos e as nenas! As persoas adultas perseguimos a miúdo o sentido e a razón, e nesa procura perdémonos moitas cousas. Os máis pequenos e pequenas, pola contra, perciben con todo o corpo e confían na súa intuición.
Temos un claro exemplo diso no traballo dos nenos e as nenas de primeiro de primaria en Proxecto Competencial. Reproduciron a obra “Outono”, de Gustavo Torner, e propuxeron títulos alternativos. É esta unha obra moi abstracta que reflexiona sobre o ciclo vital e o paso do tempo. Demasiado complicada para nenos e nenas de 1º de primaria? Por suposto que non! Lede os títulos que puxeron ás súas réplicas e non teredes ningunha dúbida!




sábado, 10 de xaneiro de 2026

PEDRAS NO CAMIÑO



Que mala fama teñen as pedras! Nenos, nenas e pedras poden parecer, a priori, unha mala combinación; pero non é así no Feliciano Barrera.
En cuarto de primaria, se dás dúas pedras a cada neno e a cada nena, o que fan é arte. Concretamente, acompañar “Pizzicato”, de Léo Delibes.
Precioso exercicio no que ritmo, concentración e traballo en equipo son piares fundamentais. Bo traballo!

venres, 28 de novembro de 2025

SEGREDOS

 


Que estarán argallando en educación infantil? Preguntei, pero o único que me quixeron dicir é que "é algo para o medo"...
Observando con atención, cheguei a tres conclusións: Están a traballar a motricidade fina; están a traballar a concentración e están a traballar as emocións.
Se alguén ten unha idea, por favor que a comparta!
Seguirei investigando!

TertArte decembro

 

Aquí vai a pregunta para este mes.

Xa sabedes a resposta? Pois deixádea na caixa de correo de Leo León.



 

martes, 25 de novembro de 2025

UN DORMITORIO EN ARLÉS

 



Vincent van Gogh pintou tres versións do seu famoso cadro. Pintounas de diferentes cores, de diferentes tamaños... Aos nenos e ás nenas de educación infantil inspiroulles diferentes emocións tamén, pero unha predominou sobre as demais: a tristura. A nosa emoción do mes de novembro!
O proxecto "Emocións nas Artes" continúa avanzando no Feliciano Barrera. 
Despedimos novembro, despedimos a tristura.
Demos a benvida a decembro e, con el, á alegría!

mércores, 5 de novembro de 2025

AS EMOCIÓNS NAS ARTES


Hoxe temos o pracer de presentarvos o noso proxecto anual de centro: As Emocións nas Artes. 
Todos os programas do centro e moitas das achegas dos distintos equipos docentes virarán este curso ao redor deste ambicioso proxecto.
Biblioteca propoñerá unha emoción cada mes para a reflexión e a análise. En outubro foi o medo. En novembro... Se vedes o vídeo ata o final, saberédelo!
Os Proxectos de Inclusión Educativa e os de innovación, como Leo Lab e Art Lab, tamén se apoiarán nas artes para mellorar aspectos tan diversos como a convivencia, o benestar emocional ou a comprensión lectora. 
En fin, iniciamos un proxecto realmente emocionante (nunca mellor dito) que nos acompañará todo o curso. Esperamos que vós tamén o fagades.
Seguiremos informando!

RetArte. Novembro

 Chega Leo León cun novo reto para vós. Sabedes a resposta?

 

mércores, 1 de outubro de 2025

xoves, 19 de xuño de 2025

ACTO III: A VERDADE DETRÁS DUN NENO


Proxecto LÓVA: La ópera como vehículo de aprendizaje. 
Laura e María, de 6º de primaria, explican no vídeo, marabillosamente ben, en que consiste o proxecto. 
Rematada a presentación podedes desfrutar da ópera completa. 

 

luns, 9 de xuño de 2025

ACTO II: O COELLIÑO BRANCO

 


Coa súa representación do conto "O coelliño branco" os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria demostraron que unha imaxe vale máis que mil palabras. 
Que marabilloso traballo! Esperamos que o gocedes!

II ACTO: A CEBRA CAMILA

 


A estas alturas os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria non necesitan presentación. 
Gozade da súa fermosa interpretación de "A Cebra Camila"

domingo, 8 de xuño de 2025

II ACTO: O QUERER


Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, os nenos e as nenas de 5º de primaria fixeron unha fermosa homenaxe ás nosas cantareiras tradicionais. 
Sen amplificación de ningún tipo, sacaron peito para interpretar unha preciosa versión de "O querer", de Tanxugueiras.