Amosando publicacións coa etiqueta . Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta . Amosar todas as publicacións

venres, 24 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Durante a SEMANA ADICADA AO LIBRO na biblioteca de Leo León houbo moita actividade: Leváronse a cabo APADRIÑAMENTOS LECTORES con moitísimo éxito.

Os nenos e nenas compartiron libros  durante o tempo de lectura pero non so eso, tanto padriños como apadriñados intercambiaron cartas, manualidades e tarxetas  feitas con moito agarimo e que de seguro serán un gran recordo.



xoves, 23 de abril de 2026

OS LIBROS TESOURO DOS NENOS E NENAS DO FELICIANO BARRERA POLA SEMANA DO LIBRO

Non hai maior tesouro que un bo libro. Xa o saben moi ben tódolos nenos e nenas do noso cole.

Pensaron no seu libro tesouro, ese co que disfrutan moito e que lerían milleiros de veces, reproduciron a portada e escribiron os datos do autor e ilustrador. 

Quedáronlles uns libros tesouro de moito valor ata que… chegaron os piratas!

Eses piratas axudantes da biblio de Leo León percorreron as aulas co seu cofre en busca dos  tesouros pero… tranquilos! Leváronos a bo recaudo. Atópanse na nosa biblioteca, agora si, tódolos tesouros están baixo vixilancia do mellor gardián de biblioteca, Leo León.



xoves, 16 de abril de 2026

A PEOR XOGADA

 


Non é necesario esperar o Día da Paz, nin á semana de actividades contra o acoso escolar, nin a ningunha outra data sinalada. A filosofía e cultura da non violencia debe fomentarse no día a día.
Os nenos e nenas de 6º de primaria cántannos en lingua galega e de signos que a violencia non é unha opción, que sempre é a peor xogada.
Colaboremos na prevención, detección e intervención en calquera tipo de violencia. A tarefa é demasiado grande para levar a cabo só no fogar ou só na escola!

COMO NACE A CIENCIA?

 


Grandes pensadores e pensadoras propuxeron diferentes pais e nais para a ciencia: a curiosidade, a experiencia, a imaxinación…
En 6º de primaria, sempre tan orixinais, atoparon unha nova proxenitora para o coñecemento científico: a preguiza.
Por que esforzarse tanto para inchar globos cando podes facelo empregando unha reacción química entre vinagre e bicarbonato de sodio? Razón non lles falta!
Podedes ver nas imaxes o proceso empregado no seu experimento, exemplo claro dunha boa aplicación do método científico.

sábado, 28 de marzo de 2026

MENTES NOVAS, IDEAS NOVAS

 


Onte o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu a visita dunha das dinamizadoras do grupo Mentes Novas.
Mentes Novas é un grupo de participación infantil e adolescente de Ponteareas. É unha canle fundamental para recoller as opinións e inquietudes dos máis novos e novas e darlles voz nas decisións que afectan á vida na nosa vila.
Agora teñen claro que é Mentes Novas, quen pode participar, que actividades organizan…
Tamén tiveron a oportunidade de participar nunha asemblea e propoñer melloras para espazos comúns, como A Freixa ou o Parque das Pombas.
Moitas grazas pola visita e pola vosa labor! Valoramos moito que o noso alumnado teña acceso a espazos de reflexión, creación e diálogo como os que propoñedes.

domingo, 22 de marzo de 2026

14 DE MARZO: DÍA DO NÚMERO PI

 


Seguro que moitos de vós non o sabiades (como eu ata fai cinco minutos) pero é certo: o número PI ten o seu propio día no calendario, o 14 de marzo.
En 6º de primaria aproveitaron a ocasión para descubrir e analizar o misterioso 3,1416 etc, etc, etc. Como? Nada de lapis, papel e complicados cálculos esta vez!
Con aros, cordas, xices e cintas métricas transformaron o patio cuberto nun laboratorio matemático e comprobaron como dividindo o perímetro dun círculo entre o seu diámetro sempre, sempre, sempre nos vai a dar 3,1416 e todos os decimais que queiramos engadirlle.
Experiencias sinxelas para comprender conceptos complexos. Bo traballo!!!

domingo, 15 de marzo de 2026

GUAAAUUUU!

 


Non hai mellor maneira de expresalo!
Onte visitáronnos Iris e Mónica, dúas voluntarias da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos. Con elas trouxeron á indiscutible protagonista do día, Lola, unha marabillosa cadeliña que, por certo, ESTÁ EN ADOPCIÓN e non pode ser máis adorable.
Iris e Mónica explicaron ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha chea de conceptos relacionados coa súa experiencia diaria: cales adoitan ser as causas do abandono de animais (causas, non xustificacións, que non existen!); a importancia da esterilización, especialmente no control de colonias de gatos; o lector de chip e as súas funcións…
Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa visita, pero tamén polo seu inmenso labor no coidado e protección dos animais. As tarefas do voluntariado de Os Biosbardos son innumerables: alimentación; hixiene de animais e dos espazos que ocupan; desprazamentos á clínica veterinaria ou a casas de acollida; recollida de animais sen fogar; control da medicación cando a necesitan; eventos para conseguir financiamento; organización de quendas e paseos; educación e socialización… Seguro que deixo algunha atrás. De novo: GRAZAS!!! Déixovos en ligazón á súa páxina web: protectoraosbiosbardos.org
Tamén temos que agradecer á nosa familia educativa todas as súas doazóns para a Asociación. Durante tres días recollemos innumerables achegas. MOITAS GRAZAS a todos e a todas!
Podemos dicir con orgullo que o Feliciano Barrera é un colexio amigo dos animais!

COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN OS BIOSBARDOS


5º e 6º de primaria seguen avanzando co Plan Proxecta: Protexe aos animais.
Nesta ocasión deixan atrás a teoría para pasar á acción. Organizaron unha recollida de alimentos, produtos de limpeza e outros artigos para a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos.
Podedes consultar a información no cartel que elas e eles mesmos deseñaron.
Grazas de antemán pola vosa colaboración!!!

venres, 13 de marzo de 2026

Semana da prensa

Esta semana traballamos con prensa en tódalas aulas. O alumnado traballou con xornais seleccionando noticias positivas, neutras e negativas desenvolvendo a sus comprensión e  espírito crítico. Ademáis inventaron titulares atendendo a mesma consigna: noticias positiva, negativas e neutras. 
Por último, engadimos un elemento lúdico xogando a verdadeiro ou falso coas noticias colgadas polos corredores do noso cole.








luns, 2 de marzo de 2026

Club de lectura "Cans lectores" de 6º de primaria.

1ª actividade do club de lectura "Cans lectores". 

Nel, o alumnado comparte os momentos máis divertidos do libro "Curriño", de Ledicia Costas.

Pronto volverán con máis actividades. 


 

sábado, 28 de febreiro de 2026

XOGADE: BÁDMINTON


 

Onte, venres 27 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º primaria asistiu a unha das súas datas favoritas de deporte escolar: a xornada de bádminton no Pavillón Álvaro Pino.
Organízaa o Club Bádminton Ponteareas e impártea Víctor que, como sempre, foi exemplar con todos os nenos e nenas; tanto cos do noso centro coma cos do CEIP Antonio Blanco, de Covelo, que tamén asistiron á xornada.
Ademais de aprender os fundamentos e regulamento básico do bádminton, os nenos e nenas participaron nun torneo clasificatorio para unha segunda fase, que se celebrará o 28 de marzo. Aproveito para dar os parabéns aos clasificados e clasificadas: Amber, Karina, Giulia, Dylan, Jorge e Enzo. Bo traballo!
Por último, agradecer ao Club Bádminton Ponteareas esta cita anual. Non faltaremos!

martes, 24 de febreiro de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR

 


Os nenos e as nenas de 6º asumiron unha responsabilidade máis no colexio, coma se tivesen poucas! Aceptaron ser padriños e madriñas lectoras do alumnado de infantil.
O certo é que se tomaron a súa labor moi en serio e fixeron un gran traballo de fomento da lectura.
Na selección de contos foron ao seguro con 4 clásicos cos que fallar resultaba imposible: Cocorico, Corre Corre Cabaciña, A Princesa do Caurel e Paco Papán.
Ademais de contar os contos con graza e entusiasmo, elaboraron murais, maquillaron aos pequenos e pequenas caracterizados das súas personaxes favoritas e impartiron un obradoiro de máscaras.
Parabéns, rapaces e rapazas, por un marabilloso traballo!
En educación infantil esperan con impaciencia a próxima actividade!!!

xoves, 19 de febreiro de 2026

SEXTO INFORMA DE NOVO


 

Volve o mellor xornalismo! Se queredes información veraz atopastes aos mellores xornalistas!
Este curso sexto de primaria engade dúas novidades ás súas tarefas informativas: só boas noticias e presentacións en directo a todo o alumnado.
Un gran traballo!
Por certo, non vos chivedes pero, coa noticia do lince ibérico, estes nenos e nenas conseguiron emocionar a máis dun e a máis de unha!

domingo, 1 de febreiro de 2026

TEATRO RADIOFÓNICO: A PANTASMA


Chega o esperado segundo episodio da nosa serie de teatro radiofónico: “A pantasma”
O alumnado de 6º de primaria creou o guión, os efectos de son e a ilustración desta obra de xénero difuso, por dicilo así.
Terror ou comedia? Subide o volume dos vosos dispositivos e decidídeo vós!
 

martes, 20 de xaneiro de 2026

ACTIVIDADE "O BOSQUE ATLÁNTICO"

 


O bosque atlántico é un dos máis diversos e ricos do planeta. Podemos atopalo en América do Sur e nalgunhas zonas de Europa como o norte de España, Portugal, Francia, Bélxica…
En Galicia aos bosques atlánticos chamámoslles fragas e temos algunhas que son marabillosas e mundialmente recoñecidas.
O venres pasado o alumnado de 5º e 6º de primaria asistiu a un Obradoiro de Educación Ambiental no que aprenderon a valorar a biodiversidade da nosa zona, que é impresionante. Tamén lles axudaron a recoñecer os beneficios das especies autóctonas respecto a especies invasoras.
O formato da actividade, que combinou exposición e xogo, resultou moi atractivo e ameno para todos e todas.
Moitas grazas pola visita!!!

venres, 16 de xaneiro de 2026

MALETA MARIÑEIRA

 


Despois dun mes navegando polas clases de 5º e 6º de primaria despediuse de nós a maleta mariñeira.
Foi un préstamo do CEIDA (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga). Contiña un mar de libros con información rica e variada sobre todo o relacionado co mar: fauna, fondos mariños, contaminación das augas…
Partiu a novas terras e atracará en novos portos pero, mentres estivo connosco, regalounos marabillosos momentos de lectura entre bancos de peixes e arrecifes de coral. Moitas grazas a O CEIDA por prestárnola todo este tempo!!!

DEPORTES DE RAQUETA

 


Sabedes o que é o pickleball? Se é que non, non vos preocupedes, a min acábanmo de explicar os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria.
Remataron o trimestre cunha xornada de deporte escolar no CPI de Mondariz que inclúia distintos deportes de raqueta: bádminton, tenis de mesa… e, por suposto, pickleball. Resulta que esta disciplina combina outras como o tenis de mesa ou o pádel sendo ideal para iniciarse nos deportes de raqueta. Fácil de aprender e moi accesible. Se os vosos propósitos de aninovo inclúen iniciar un novo deporte esta é unha gran opción!

sábado, 6 de decembro de 2025

3 DE DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE



Este curso, para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, en 6º de primaria levaron a cabo unha actividade realmente fermosa: un intercambio coa asociación ASPAMSIM.
ASPAMSIM é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada á mellora da integración social das persoas con discapacidade psíquica. Está en Cangas.
A titora de 6º, Laura, que coñece a asociación moi de preto, programou un enriquecedor intercambio. Os nenos e nenas de sexto escribiron cartas e fixeron debuxos que os usuarios e usuarias de ASPAMSIM recibiron con moita ilusión. A súa resposta foi un marabilloso vídeo no que nos mostran as súas instalacións, cóntannos os seus gustos, os seus desexos... Os noso nenos e nenas aprenderon moito escoitándoos e escoitándoas.
Non nos foi posible, pola súa duración, incluír o seu vídeo completo; pero convidámosvos a visitar as súas redes sociais e a súa web para coñecer mellor a asociación e, especialmente, aos seus usuarios e usuarias.
Grazas de corazón a ASPAMSIM por compartir esta experiencia connosco!!! 

 

xoves, 27 de novembro de 2025

Actividade do 25N na biblioteca escolar: flores que alzan a voz, A FLOR DO BO TRATO.


Este 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a Muller, a nosa biblioteca convertiuse nun espazo de reflexión, lectura e creación para todo alumnado do Centro a través dos libros, das palabras e o traballo cooperativo.


Propuxemos as seguintes lecturas por ciclos sobre a igualdade e convivencia: Nos tratamos bien de Lucía Serrano, Rosa Caramelo e Artur e Clementina de Adela Turín, Hai algo máis aburrido que ser unha princesa Rosa? De Raquel Díaz e O libro dos porcos de Anthony Browne.


Despois da lectura abriuse o diálogo sobre o significado de respeto, a igualdade ou os coidados. De seguido, cada grupo decidiu cinco frases sobre o traballado e escribíronse nunha man. Non era unha man calquera, senón  que esas mans convertiríanse en pétalos para formar a nosa flor do bo trato.


Con esta actividade buscamos fomentar valores de respeto, igualdade e exemplos de bo trato desde as idades máis temperás.



mércores, 19 de novembro de 2025

PLENO DA INFANCIA E DA ADOLESCENCIA

 


Onte celebrouse unha importante cita anual para nós: o Pleno da Infancia e da Adolescencia do Concello de Ponteareas.
Despois dun gran traballo de reflexión e de redacción chegou o momento da exposición. Anxo e Xoel, de 5º e 6º de primaria respectivamente, representaron ao centro explicando as propostas e ideas recollidas respecto a Dereitos Dixitais e outras cuestións que preocupan ao noso alumnado. Fixeron unha exposición realmente estupenda!
Eles tomáronse moi en serio a súa responsabilidade como representantes electos do Feliciano Barrera, agora tócanos aos adultos tomarnos en serio as súas opinións, propostas e reflexións.
Grazas ao Concello de Ponteareas por organizar esta actividade e por convidarnos un ano máis. Dar voz aos nenos e nenas é imprescindible para mellorar e seguir avanzando como comunidade.