luns, 22 de xuño de 2026

Recomendacións literarias para o verán

  O equipo de biblioteca recomenda estes fantásticos libros para toda a comunidade educativa.

Desexámosvos unhas felices vacacións







xoves, 18 de xuño de 2026

Club Os Curriños: AS NOSAS MASCOTAS


Xa chegamos a fin de curso, e tamén ao último reto deste club: presentar as nosas mascotas! Neste Padlet que creamos poderedes coñecer aos peludiños da nosa familia. Que importantes son nas nosas vidas, e que importante é coidalos!! 

Curriño tamén atopou o seu fogar. Que tal lle irá? Esperamos poder volver noticias del algún día. Adeus!!

mércores, 17 de xuño de 2026

ELECCIÓNS NO FELICIANO BARRERA

 


Non acabamos este curso e xa estamos a pensar no seguinte!!!
Convocamos eleccións entre todo o alumnado e o profesorado do centro para seleccionar o seguinte Proxecto Anual de Centro. As primeiras propostas saíron de cada aula. Non vos imos a mentir: houbo que pasalas pola peneira porque houbo de todo… de todo… de todo…
En fin, quedaron tres opcións: “Mitos e lendas”, “Protexemos o planeta” e “Animais e plantas de Galicia”.
Os nenos e nenas de 6º de primaria prepararon todo o proceso: deseñaron papeletas, construíron unha urna, elaboraron o censo e garantiron a transparencia de votacións e no reconto.
Cal será o o noso próximo proxecto?

ÚLTIMAS

 


Estamos nas últimas e temos que recoñecelo: as últimas sesións, as últimas asembleas, as últimas enerxías…
Os nenos e nenas rebélanse, non teñen ganas de traballar e fánnolo saber de todos os xeitos posibles. Para sacar un pouco de rendemento hai que tirar de creatividade. Que queremos traballar comprensión lectora? Pois programamos xogos de mesa! Lemos como se prepara o taboleiro, consultamos as instrucións, aplicamos normas…
Sempre aprendemos xogando pero, en xuño, un pouquiño máis!!!

X CAMPIONATO DE XADREZ FELICIANO BARRERA


Xa se disputou a final do X Campionato de Xadrez Feliciano Barrera.
Se queredes saber cal foi o resultado, pasádevos o venres que vén polo Festival de Fin de Curso, que será a entrega de premios.
Só vos damos unha pista: os dous diplomas gardaranse na mesma casa!

 

FAMILIAS NA ESCOLA: LEO A

 


Cando temos un problema e non o damos solucionado, o seu é pedir axuda aos expertos e expertas.
Que podemos facer co problema das avespas velutinas? O avó e a avoa de Leo A, de educación infantil, ensinaron ao noso atento alumnado a preparar trampas para esas pequenas invasoras.
Moitas grazas pola visita e polos prácticos consellos!!!

luns, 15 de xuño de 2026

A Vila Do Mañá




Neste último trimestre, o alumnado de terceiro e cuarto de primaria participaron na actividade da Vila Do Mañá da man de Post arquitectas. Trátase dun obradoiro de arquitectura, urbanismo e paisaxe dirixido a nenos e nenas en idade escolar.

O resultado final, un taboleiro xigante no noso patio cos lugares máis emblemáticos da nosa contorna.

SOMOS INTÉRPRETES

Hoxe recibimos as nosas profesións en Un Cofre Cheo De Paixón Compañía De Ópera.

Nós somos intérpretes : Marcos, Lara F, Lara P, Catalina e Amber.

O noso traballo será escribir o guión e interpretar a nosa ópera.


 

PRESENTACIÓN DE PROFESIÓNS

Xa temos as profesións da nosa compañía de ópera!

Somos André e Aleix de quinto e imos ser os produtores.

Ao longo do curso que ven imos dedicarnos a produción, rexedoría, información e comunicación.


SOMOS OS MÚSICOS DE UN COFRE CHEO DE PAIXÓN COMPAÑÍA DE ÓPERA.

Hoxe por fin sabemos as nosas profesións en UN COFRE CHEO DE PAIXÓN COMPAÑÍA DE ÓPERA. Somos Anxo, Pablo e Jorge e imos comprometernos a facer un bo traballo e axudar á compañía compoñendo as cancións e tocando a música en directo.



SOMOS DESEÑO VISUAL

Somos deseño visual de "Un Cofre Cheo De Paixón Compañía De Ópera", Dylan, Giulia e Ricardo.
Nós facemos a escenografía, para interpretar o que sucede, a iluminación, para iluminar nos momentos importantes, o vestiario e a caracterización, para que os interpretes se vexan mellor na obra.
O noso traballo consiste en que a xente desfrute e comprenda o que sucede no escenario.

xoves, 11 de xuño de 2026

RESPONDEMOS AOS CURRIÑOS!


Respondemos aos Curriños!

Recibimos carta dos nosos compis de Mondariz Balneario con preguntas para nós, así que puxémonos mans á obra para responderlles. Eles tamén nos enviaron as súas respostas, e parece que estiveron moi atentos durante a lectura!!

O libro está chegando a súa fin. Que pasará con Curriño?? Pronto o descubriremos, e tamén o reto final. Que intriga!!

mércores, 10 de xuño de 2026

OBRADOIRO DE CÓMIC

 


A banda deseñada en galego é un sector creativo en auxe e moi recoñecido agora mesmo polo seu gran valor cultural.
Autores e autoras como Miguelanxo Prado ou Emma Ríos son proba irrefutable.
Buscando inspiración en grandes obras e artistas, o noso alumnado de 6º de primaria fixo as súas primeiras narracións combinando ilustración e texto.
Practicaron técnicas básicas de perspectiva, trazo, construción de personaxes…
Moi interesante o seu proceso creativo!

FESTIVAL FIN DE CURSO 2026

 


Nais, pais, avós, avoas, tíos, tías, veciños, veciñas e demais membros da nosa extensa familia educativa: quedades formalmente convidados e convidadas ao noso pequeno, pero tamén grande, festival de fin de curso.
Anotádeo nas vosas axendas: Venres, 19 de xuño do 2026, ás 10:30h da mañá.
Se é que podedes ,non faltedes!!!

THEN EVERYBODY´D BE SURFIN...

 


Como xa dicían os Beach Boys alá polos anos 60:
“Se todo o mundo tivese un océano
entón todos estarían a surfear”
Os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria conquistaron o océano a semana pasada. Na súa excursión de fin de etapa bailaron ao ritmo das mareas, aprenderon a ler as palabras do vento, surfearon a onda como a vida, tal e como vén… Resumindo: algúns e algunhas foron capaces de poñerse de pé na táboa e non tragaron demasiada auga.
Todo un éxito a experiencia. Non houbo un momento para aburrirse: paintball, surf, sendeirismo pola costa…
Como sempre, un comportamento exemplar! Non podemos estar máis orgullosos e orgullosas do noso alumnado.

O OFICIO DE PRODUCIR

 


Os nenos e as nenas de 5º de primaria desfrutaron dunha actividade excepcional.
A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organizou a II Edición da xornada educativa “O Oficio de Producir”. O seu obxectivo é achegar ao alumnado ao audiovisual galego. Para nós, a actividade tivo o valor engadido de servir de exemplo dunha das profesións LÓVA máis difíciles de presentar: a produción.
Visitou a escola Silvia Fuentes, xefa de produción en películas como Matria. Mencionamos esta película porque apareceu no Retarte do mes de decembro, pero poderiamos nomear moitos máis traballos seus. Por exemplo “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño, premio Mestre Mateo a Mellor Documental.
Non podemos estar máis agradecidos e agradecidas pola súa visita!
Ademais de presentar de forma clara e amena o seu oficio, o de producir, transmitiu unha mensaxe fundamental: en Galicia faise cine, moi bo cine e temos profesionais marabillosos e marabillosas no sector. Hoxe valorámolxs moito máis no Feliciano Barrera!
De novo: GRAZAS

VISITA AO IES DE BARRAL 2026

 


Os nenos e nenas de 6º de primaria visitaron o que será o seu novo fogar escolar o curso que vén: o IES do Barral. Chegaron con moi boas impresións.
Elena, a orientadora, explicoulles con moita amabilidade cales son as materias optativas, as normas básicas, as funcións do que será o seu titor ou titora… Eles e elas tamén tiveron a súa quenda para falar de todo aquilo que lles preocupa e resolver as súas dúbidas.
Para rematar, antigo alumnado do centro ensinou as instalacións e contou experiencias dos seus primeiros pasos no instituto.
Esta visita é fundamental para unha transición amable entre a educación primaria e a secundaria. Moitos dos medos cos que os nenos e nenas enfróntanse á nova etapa desaparecen ou fanse algo máis pequenos. Grazas ao IES do Barral por organizala cada ano!

PROXECTO MUNDO BICHOS

 


Xa existía, en educación infantil, unha enorme fascinación por tódolos bichos que pasan por Guláns. Pero agora, despois da visita de Miguel, do Proxecto Mundo Bichos, multiplicouse por 10.
O amable biólogo, que nos visitou o mércores pasado, non veu só. Trouxo cangrexos de bosque, tarántulas, escorpións, bolboretas varias, saltóns xigantes…
Tivo toda a sesión ao alumnado pendente de cada unha das súas palabras e iso, en educación infantil ten moito mérito!
A experiencia foi marabillosa. Poder ver e soster na man tan incribles criaturas, é algo que os nosos pequenos e pequenas nunca esquecerán.

mércores, 3 de xuño de 2026

Temos noticias de Curriño!

Os nenos de segundo volveron a enfrentarse a un novo reto. Tiveron que escribirlles unha carta aos nenos de 2° do outro cole para facerlles preguntas sobre o libro. Estarían atentos??

A carta xa vai rumbo a Mondariz - Balneario. 

Agardamos pronto a súa resposta!