Amosando publicacións coa etiqueta INNOVALAB. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta INNOVALAB. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2026

ÚLTIMAS

 


Estamos nas últimas e temos que recoñecelo: as últimas sesións, as últimas asembleas, as últimas enerxías…
Os nenos e nenas rebélanse, non teñen ganas de traballar e fánnolo saber de todos os xeitos posibles. Para sacar un pouco de rendemento hai que tirar de creatividade. Que queremos traballar comprensión lectora? Pois programamos xogos de mesa! Lemos como se prepara o taboleiro, consultamos as instrucións, aplicamos normas…
Sempre aprendemos xogando pero, en xuño, un pouquiño máis!!!

mércores, 10 de xuño de 2026

OBRADOIRO DE CÓMIC

 


A banda deseñada en galego é un sector creativo en auxe e moi recoñecido agora mesmo polo seu gran valor cultural.
Autores e autoras como Miguelanxo Prado ou Emma Ríos son proba irrefutable.
Buscando inspiración en grandes obras e artistas, o noso alumnado de 6º de primaria fixo as súas primeiras narracións combinando ilustración e texto.
Practicaron técnicas básicas de perspectiva, trazo, construción de personaxes…
Moi interesante o seu proceso creativo!

O OFICIO DE PRODUCIR

 


Os nenos e as nenas de 5º de primaria desfrutaron dunha actividade excepcional.
A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organizou a II Edición da xornada educativa “O Oficio de Producir”. O seu obxectivo é achegar ao alumnado ao audiovisual galego. Para nós, a actividade tivo o valor engadido de servir de exemplo dunha das profesións LÓVA máis difíciles de presentar: a produción.
Visitou a escola Silvia Fuentes, xefa de produción en películas como Matria. Mencionamos esta película porque apareceu no Retarte do mes de decembro, pero poderiamos nomear moitos máis traballos seus. Por exemplo “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño, premio Mestre Mateo a Mellor Documental.
Non podemos estar máis agradecidos e agradecidas pola súa visita!
Ademais de presentar de forma clara e amena o seu oficio, o de producir, transmitiu unha mensaxe fundamental: en Galicia faise cine, moi bo cine e temos profesionais marabillosos e marabillosas no sector. Hoxe valorámolxs moito máis no Feliciano Barrera!
De novo: GRAZAS

martes, 26 de maio de 2026

PREMIOS RETARTE


 

Como todas as cousas boas da vida (e as malas, afortunadamente) todo chega ao seu fin.
O Proxecto Retarte deunos grandes momentos este curso. Cada mes, un novo reto aparecía nas aulas do centro. Cada mes, unha oportunidade para investigar e descubrir parte da multitude de grandes artistas que temos nesta terra.
Música, pintura, arte, cine… non existe disciplina sen firma galega e o noso alumnado é agora un pouco máis consciente diso.
Onte entregamos uns pequenos agasallos a todas e todos os participantes no proxecto. Tamén repasamos o nome dxs protagonistas de cada mes e puidemos observar, con moito orgullo, como os nenos e nenas lembraban a maioría dos seus nomes.
Parabéns ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega por esta fermosa proposta!!!

LÓVA EN PRÁCTICAS



“Un Cofre Cheo de Paixón Compañía de Ópera” segue avanzando a pasos de xigante no desenvolvemento das distintas profesións LÓVA.
Para aprender a xestionar a presión que exerce o público estiveron a practicar co alumnado de educación infantil.
Seleccionaron os tres contos que máis lle gustaban a eles e elas cando cursaban a etapa: Cocorico, Os Tres Porquiños e Corre, Corre, Cabaciña.
Escribiron o guión, caracterizaron e interpretaron aos personaxes, procuraron os materiais necesarios… Os nenos e nenas de educación infantil desfrutaron moito co seu traballo.
Parabéns!!!

xoves, 21 de maio de 2026

PROXECTO: AQUÍ NON SE TIRA NADA!

 


En 5º de primaria están a aprender a aplicar as 3 R do Medio Ambiente: Reducir, Reutilizar e Reciclar.
Apropiáronse das caixas baleiras dos folios para crear caixóns de almacenamento para a aula de música. Parecen de deseño!
O máis importante é que aprenderon unha valiosa lección: Un obxecto non ten que ser novo para ser fermoso e práctico. Ademais, cando lle asignamos, como fixeron eles e elas, unha nova funcionalidade ou unha nova estética, estimulamos a creatividade e a capacidade de aprender “facendo”.
Bo traballo!!!

mércores, 20 de maio de 2026

BEGOÑÍSIMA

 


Este ano o Día das Letras Galegas, como xa sabedes, está dedicado á destacada escritora e activista Begoña Caamaño.
O alumnado de 2º de primaria investigou a súa biografía a través da canción “Begoñísima”, de Uxía e Malvela.
Por suposto, aproveitaron a ocasión para practicar a lectura e mellorar a súa comprensión. Como produto final: un divertido libro de pasatempos con actividades centradas en datos sobre a autora.
Bo traballo!!!

LETRAS GALEGAS 2026

 


En galego fala o mar, en galego fala a choiva, en galego fala a antiga casa de pedra… Que fale en galego a escola!
Pasamos o ecuador dunha semana dedicada ás nosas letras.
Co lema “O galego, unha lingua máis no mundo” inauguramos a exposición do libro “O principiño”, traducido a unha chea de linguas distintas. Moitas grazas á familia de Petra, Martin e Oliver, por prestarnos a súa colección. Coidarémola coma se fose nosa ou máis!
Unha das actividades estrela este curso foi a xornada de baile tradicional. Da man de Erica Iglesias todo o alumnado do centro puido aprender e practicar a nosa fermosa danza. Todo un éxito!!!

CORPUS NO COLE

 


Como aperitivo de unha das celebracións máis emblemáticas de Ponteareas, sempre programamos no colexio un MiniCorpus no que os máis pequenos e pequenas aprenden as técnicas básicas dos nosos alfombristas con máis experiencia: deseñar, debuxar, esfollar as flores…
Nesta ocasión foi o alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria o que participou na nosa pequena tradición. Nas imaxes podedes ver o resultado do seu bo facer.
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar esta fermosa actividade un ano máis!!!

venres, 8 de maio de 2026

SPRING ART

 


Corazóns, tulipáns, margaridas, paxaros e bolboretas enchen de luz e de cor fiestras e corredores no Feliciano Barrera.
Ás clases de Plástica Bilingüe chegou a primavera e fíxoo ao grande! Os nenos e as nenas de primaria exploran as súas habilidades manuais e creativas mentres aprenden novo vocabulario. O alumnado de 6º aproveitou tamén para crear os obxectos e a decoración necesaria para as súas exposicións na Feira das Ciencias de Ponteareas.
Hello, spring!!!

RetARTE MAIO

 


Último RetArte do curso!
Nesta ocasión non buscamos a unha, senón a dúas artistas galegas. Os seus nomes dámosvolos como pista: María e Sara.
Como se chaman cando actúan xuntas?
Respondede, como sempre, na caixa de correos de Leo León!

STREET DANCE

 


Un ano máis as danzas urbanas encheron o Feliciano Barrera de boa vibra.
Desde 4º de educación infantil ata 6º de primaria todo o alumnado tivo a oportunidade de mostrar as súas habilidades de improvisación e creación en equipo.
Por que practicar baile urbano na escola?
Porque aprender unha coreografía estimula a memoria e a atención. Porque o movemento harmónico do corpo pon a proba e favorece a coordinación e o equilibrio. Porque a danza permite a expresión de emocións a través do corpo….
E, para rematar, pero moi importante: porque é incriblemente divertido e liberador!!!
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar e financiar esta actividade!!!

mércores, 29 de abril de 2026

PROXECTO COMPETENCIAL: O OBXECTO MÁXICO

 


Se queres deseñar unha actividade que triunfe en educación infantil tes dúas opcións que nunca fallan: as mesturas que se poden amasar (canto máis sucias e pegañentas mellor) e os elementos da natureza (pedras, paus, follas, bichos…)
“O Obxecto Máxico” une ambas. Unha mestura de fariña, sal, auga e colorante que enmarca follas secas ou pétalos de flores recollidos na contorna escolar.
O resultado: un amuleto protector que cada neno e cada nena pode conservar na súa casa para lembrar que as cousas máis simples son case sempre as máis fermosas.

xoves, 23 de abril de 2026

LECTURAS COMPARTIDAS

 


Todo un clásico xa no programa de actividades do Feliciano Barrera cando se achega o día do libro!
Ao alumnado de 3º, 4º 5º e 6º de primaria asignóuselle un neno ou nena de infantil ou do primeiro ciclo de primaria como afillada ou afillado lector.
Na hora da lectura os padriños e madriñas escolleron un lugar agradable do patio e leron un conto ao seu encantado público. Toda unha semana para afondar nos intereses dos máis pequenos e pequenas e practicar a lectura en voz alta.
Propoñemos esta actividade cada ano porque SEMPRE, SEMPRE, SEMPRE, é todo un éxito!

ARTE GALEGA

 


O alumnado de 5º de primaria, na súa clase de Proxecto Competencial, estivo a investigar a obra de artistas galegos e galegas de diferentes disciplinas: pintura, arquitectura, música…
Para expoñer os resultados das súas investigacións crearon un lap book interactivo que todos os nenos e nenas poden consultar.
Dentro vídeo!!!

martes, 7 de abril de 2026

RetARTE: ABRIL


Novo reto para un novo mes!!!
Buscamos unha ceramista galega. A súa obra, de vibrante orixinalidade, lévanos a un mundo de soños cheo de tenrura e de imaxinación.
Xa sabedes de quen vos falo?

sábado, 28 de marzo de 2026

LAND ART INFANTIL

 


O Land Art emprega elementos da natureza na creación das obras artísticas.
En educación infantil fan arte con follas secas, piñas, ramas, area… Son obras efémeras, un refacho de vento ou unhas pingas de choiva fanas desaparecer. Por iso mesmo son tan fermosas!
Un exemplo perfecto de como os procesos creativos poden ser, polo menos, tan importantes como os produtos.

MÁIS ALÓ DA LECTURA

 


A lectura é unha das aprendizaxes máis complexas e fascinantes que se desenvolven ao longo da infancia.
Desde a relación entre letras e sons ata a comprensión de textos completos hai todo un mundo por descubrir.
No Feliciano Barrera entendemos a comprensión lectora como unha habilidade para a vida, máis que unha habilidade académica. Por iso traballamos con materiais reais que podemos necesitar en contextos cotiáns: folletos de supermercado, horarios dun cine, mapas…
Ler e comprender o que se le non é suficiente no contexto actual. A información debe ser procesada, analizada… Non é o mesmo un feito que unha opinión e a intención do autor ou a autora non sempre é clara. É tan boa como parece esa oferta? É este videoxogo adecuado para a miña idade? Chego ao cine se collo este autobús?
Ás capacidades de ler e comprender é necesario engadir as de reflexionar e cuestionar para que o proceso lector sexa completo!

mércores, 25 de marzo de 2026

ARTS: OUR FAVORITE WOMEN

 


Por fin chegou a primavera e, con ela, abríronse camiño nos corredores do colexio unhas flores moi especiais. Son comprensivas, son alegres, son divertidas, son fortes… e representan as mulleres que o noso alumnado considera máis importantes na súa vida. Teñen a sorte de poder contar con elas!
A súa pequena homenaxe!

ARTE MESOZOICA

 


Vese que os dinosauros de Guláns son máis fortes do normal e non se renden á extinción.
En educación infantil aínda podemos ver imaxes adornando portas e paredes co estilo colorido de Piet Mondrian. Uns cadros preciosos!
Tamén, detalle dunha das familias, os nenos e nenas decoraron dinosauros de pasta de modelar. Non sabedes o contentos e contentas que marcharon para casa o día que os levaron! Moitas grazas!!!