Amosando publicacións coa etiqueta . Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta . Amosar todas as publicacións

venres, 24 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Durante a SEMANA ADICADA AO LIBRO na biblioteca de Leo León houbo moita actividade: Leváronse a cabo APADRIÑAMENTOS LECTORES con moitísimo éxito.

Os nenos e nenas compartiron libros  durante o tempo de lectura pero non so eso, tanto padriños como apadriñados intercambiaron cartas, manualidades e tarxetas  feitas con moito agarimo e que de seguro serán un gran recordo.



xoves, 23 de abril de 2026

OS LIBROS TESOURO DOS NENOS E NENAS DO FELICIANO BARRERA POLA SEMANA DO LIBRO

Non hai maior tesouro que un bo libro. Xa o saben moi ben tódolos nenos e nenas do noso cole.

Pensaron no seu libro tesouro, ese co que disfrutan moito e que lerían milleiros de veces, reproduciron a portada e escribiron os datos do autor e ilustrador. 

Quedáronlles uns libros tesouro de moito valor ata que… chegaron os piratas!

Eses piratas axudantes da biblio de Leo León percorreron as aulas co seu cofre en busca dos  tesouros pero… tranquilos! Leváronos a bo recaudo. Atópanse na nosa biblioteca, agora si, tódolos tesouros están baixo vixilancia do mellor gardián de biblioteca, Leo León.



mércores, 25 de marzo de 2026

A AUGA É VIDA


O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria visitou este martes a ETAP e a EDAR, ambas as en Ponteareas.
Se estes nomes non vos din nada seguro que os nenos e nenas saberíanvolo aclarar moi ben: a ETAP é a Estación de Tratamento de Auga Potable e a EDAR é a Estación Depuradora de Augas Residuais.
Estes conceptos e moitos outros explicóunolos marabillosamente o amable persoal das estacións. Chegamos ao colexio sabendo moito máis sobre a importancia da auga, da súa limpeza, do seu coidado… Un paso adiante no desenvolvemento dunha maior conciencia medioambiental. Moitas grazas!!!
Tamén queremos agradecer ao Concello de Ponteareas a programación e financiamento da actividade. Esperamos poder seguir coñecendo máis segredos da nosa vila!

venres, 13 de marzo de 2026

Semana da prensa

Esta semana traballamos con prensa en tódalas aulas. O alumnado traballou con xornais seleccionando noticias positivas, neutras e negativas desenvolvendo a sus comprensión e  espírito crítico. Ademáis inventaron titulares atendendo a mesma consigna: noticias positiva, negativas e neutras. 
Por último, engadimos un elemento lúdico xogando a verdadeiro ou falso coas noticias colgadas polos corredores do noso cole.








venres, 5 de decembro de 2025

VISITA A DIVERSA

 


Onte o alumnado de educación infantil e primeiro e segundo de primaria visitou "Diversa": Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea. Foi no Teatro Afundación, en Vigo.
Resultou unha experiencia moi completa. No obradoiro STEAM e de sostibilidade "Universo Diverso" os nenos e as nenas crearon a súas propias criaturas fantásticas e secáronas cun simpático sistema de ventiladores que tiñan que montar e conectar.
A visita á exposición foi preciosa. Entre outras, recibimos tres chaves fundamentais na vida: a da natureza, a da imaxinación e a da diversidade. É posible que algún futuro ilustrador ou ilustradora atopase inspiración este día.
Por último, lembrade que estivemos en Vigo polo Nadal. É posible que non vísemos os doce millóns de leds, pero podo asegurarvos que vimos uns cuantos miles.
Por sorte, a choiva respectou o noso paseo pola rúa do Príncipe e a Porta do Sol e puidemos percibir con toda claridade que se achega o Nadal!!!

xoves, 27 de novembro de 2025

Actividade do 25N na biblioteca escolar: flores que alzan a voz, A FLOR DO BO TRATO.


Este 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a Muller, a nosa biblioteca convertiuse nun espazo de reflexión, lectura e creación para todo alumnado do Centro a través dos libros, das palabras e o traballo cooperativo.


Propuxemos as seguintes lecturas por ciclos sobre a igualdade e convivencia: Nos tratamos bien de Lucía Serrano, Rosa Caramelo e Artur e Clementina de Adela Turín, Hai algo máis aburrido que ser unha princesa Rosa? De Raquel Díaz e O libro dos porcos de Anthony Browne.


Despois da lectura abriuse o diálogo sobre o significado de respeto, a igualdade ou os coidados. De seguido, cada grupo decidiu cinco frases sobre o traballado e escribíronse nunha man. Non era unha man calquera, senón  que esas mans convertiríanse en pétalos para formar a nosa flor do bo trato.


Con esta actividade buscamos fomentar valores de respeto, igualdade e exemplos de bo trato desde as idades máis temperás.



luns, 3 de novembro de 2025

VISITA A BOMBEIROS E POLICÍA

 


Este curso estreamos as excursións sabendo que o éxito sería absoluto. Bombeiros e policía nunca fallan!
Os nenos e nenas de infantil, primeiro e segundo de primaria visitaron en outubro as súas instalacións en Ponteareas.
Puideron ver e tocar (un pouquiño) as súas ferramentas de traballo, subirse ao camión, poñerse o traxe ingífugo, vixiar as cámaras de seguridade do pobo... Todo iso cun trato, por parte do persoal, que non puido ser máis paciente e cariñoso.
Que importante é que os nenos e nenas saiban que estas persoas están para axudarnos cando as necesitamos!
Volvemos ao colexio cunha chea de pequenos e pequenas dicindo: "Eu de maior quero ser bombeira! Eu de maior quero ser policía!"
Moitas grazas por recibirnos con tanto agarimo!

luns, 26 de maio de 2025

O cancioneiro de Guláns nas letras galegas

 Este ano, o día das letras celebráronse ao grande na casa cultural da Avisoureira, onde puidemos gozar de 4 obras de teatro representadas polo alumnado de 3º e 4º de primaria, ademais de disfrutar moito coa copla "Río verde" interpretada por 5ª de primaria.

Ademais, os nenos e nenas de primaria, durante 3 días, na hora de lectura, cantaron as coplas recompiladas por eles mesmos coa axuda das súas familias para crear "O Cancioneiro de Guláns"





sábado, 24 de maio de 2025

TAREFA FINAL DE PATAS AMIGAS

Este ano os nenos  e nenas de infantil participamos no Plan Proxecta, Protexe ós animais. No desenvolvemento deste proxecto aprendemos moitas cousas sobre os animais, pero sobretodo aprendemos cómo coidar das nosas mascotas e neste conto, elaborado por todo o alumnado de infantil, queda claro.
Esperamos que vos guste tanto como nos gustou a nós facelo.

mércores, 21 de maio de 2025

PATAS AMIGAS: KITBULL

KITBULL: unha historia de amizade, loita e esperanza.

 

Na aula de 2º de Primaria tivemos a sorte de visualizar a emocionante curtametraxe Kitbull, unha creación de Pixar que, a través da animación, toca temas tan profundos como a amizade verdadeira, o maltrato animal e a importancia de dar unha segunda oportunidade aos animais abandonados.

A historia céntrase nun pequeno gatiño rueiro, desconfiado e independente, que vive nun vertedoiro, e un pitbull que sofre malos tratos e permanece encadeado nun patio, só e sen liberdade. A primeira vista, semella imposible que entre eles poida nacer unha relación de amizade, pero pouco a pouco, a través de situacións difíciles e cheas de emoción, van construíndo un vínculo baseado no respecto, na axuda mutua e no cariño. 

 

Durante a visualización traballamos varios obxectivos fundamentais:

1-  Identificamos as necesidades básicas dos animais de compañía: alimentación, cariño, atención         veterinaria, liberdade de movemento e compañía.

2- Reflexionamos sobre o que significa o abandono animal e as duras consecuencias que ten para os que o sofren.

3- Sensibilizámonos sobre a importancia de coidar o medio ambiente e respectar os dereitos dos animais.

4- Analizamos o papel que xogamos nós, como nenos e nenas, na loita contra o maltrato animal, a través da empatía, o coidado e a educación.

No conflito da historia, o gatiño ve como o pitbull sofre unha agresión do seu dono. Esa situación convérteo no heroe inesperado: perde o medo e achegase a axudar. Xuntos deciden escapar desa vida de sufrimento e atopar un novo comezo. Tras unha noite á intemperie, durmindo un xunto ao outro, son finalmente acollidos por unha persoa que lles ofrece un fogar verdadeiro e cheo de amor. 

 

Se ti tamén queres coñecer esta marabillosa historia, podes ver a curtametraxe completa a través desta ligazón: Kitbull - Pixar (YouTube)  

 

Despois do visionado, abrimos un espazo de diálogo onde reflexionamos sobre como podemos axudar aos animais abandonados. Algunhas propostas que xurdiron foron:

            -    Adoptar en lugar de mercar.

            -    Non abandonar nunca a un animal de compañía, porque eles tamén senten.

            -    Apoiar os refuxios e protectoras da nosa contorna.

            -    Denunciar situacións de maltrato animal.

            -    Educar desde pequenos no respecto e o coidado dos seres vivos.

Finalmente, elaboramos un mural colaborativo coas nosas investigacións sobre os recursos que existen para axudar aos animais sen fogar e recollimos acordos e ideas que nos comprometen a ser máis responsables e solidarios cos animais. 

Kitbull fíxonos rir, emocionarnos e, sobre todo, pensar. Porque unha historia contada con debuxos tamén pode cambiar miradas e sementar conciencia.

Aquí tedes unha mostrar do noso traballo: 



luns, 12 de maio de 2025

"As voces de Guláns"

 Este ano para conmemorar o día da muller e a semana da prensa, fixemos entre todos os nenos e nenas do cole un xornal,  cun montón de seccións.

- A editorial foi escrita polo alumnado de 6º de primaria.

- A sección de política polos nenos e nenas de 5º de primaria.

- Unha sección dedicada ás mulleres que cambiaron o mundo, escrita por 3º de primaria.

- Os nenos e nenas de 4º investigaron sobre as mulleres emprendedoras.

- A sección de deportes foi redactada polos nenos e nenas de 2º de primaria.

- Os divertidos pasatempos foron deseñados por 1º de primaria.

- E por último, cun traballo extraordinario, os nenos e nenas de infantil fixeron unha entrevista á profe Neli.

Desde a redacción deste xornal damos a noraboa a todos os nenos e nenas polo gran traballo e ao profesorado por facelo posible.




martes, 1 de abril de 2025

Semana da poesía no Ceip Feliciano Barrera

 Este ano, para conmemorar o día da poesía que tanto gusta no cole, celebramos un recital de poesía coa participación de Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria. Durante as horas de lectura de toda a semana puidemos gozar de moitos de preciosos poemas.



mércores, 12 de marzo de 2025

Cancioneiro de Guláns

Con tódalas coplas que recollemos polo día da lingua materna, fixemos un cancioneiro.

Está na biblioteca para que poidades lelo sempre que queirades.







xoves, 6 de febreiro de 2025

PATAS AMIGAS

 PATAS AMIGAS

Neste curso escolar os cativos e cativas de Infantil, 1º e 2º de Primaria participamos no Plan Proxecta "Protexe os animais" é un programa educativo que ten como obxectivo desenvolver a concienciación sobre o respecto e a protección dos animais domésticos.

Aquí deixamos unha pequena mostra dalgunhas actividades realizadas (fai clic na imaxe)



venres, 22 de novembro de 2024

Todas e todos contamos

O martes viu ao cole a asociación IgualArte.

Fixemos moitas actividades:

- Infantil tivo contacontos.

- 1º, 2º, 3º e 4º tiveron un teatro.

- 5º e 6º fixemos instrumentos oe tocamos. Tambores (que estaban feitos de caldeiros decorados) , maracas (feitas de bebibles cheos de arroz e decorados con papeis de cores brillantes ) e caixas chinesas.

Grazas por vir a ensinarnos a facer estes instrumentos tan chulos!!

Admiramos o voso traballo. 

Grazas por escoitarnos!!!!!

       




          

venres, 8 de novembro de 2024

Samaín


A semana pasada fixemos unha festa de Samaín. Sacamos ao patio os libros de medo, trouxemos cabazas pintadas e decoradas que daban moito medo e tamén fixemos maquillaxes terroríficas no patio.
Pasámolo xenial e desfrutamos moito desta celebración.



Magosto

O mércores viñeron oito chicos de Malí para celebrar con nós o magosto.

Xogaron con nós aos xogos do magosto e logo comemos castañas, xogamos ao fútbol e ao baloncesto cos oito rapaces de Malí. Tamén lles ensinamos un pouco o noso cole e practicamos algo de castelán e inglés.

Pasámolo xenial cos mozos de Malí e estamos desexando que volvan!

venres, 26 de maio de 2023

Curta de 2º Primaria: Sígueme.

 O alumnado de 2º de Primaria preparou unha curta do libro "Sígueme", coa técnica de Stop Motion. Unha adaptación do precioso conto, cheo de maxia, escrito por José Campanari e ilustrado por Roger Olmos. Unha historia de amor que non ten nada de raro.