Amosando publicacións coa etiqueta Convivencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Convivencia. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2026

ELECCIÓNS NO FELICIANO BARRERA

 


Non acabamos este curso e xa estamos a pensar no seguinte!!!
Convocamos eleccións entre todo o alumnado e o profesorado do centro para seleccionar o seguinte Proxecto Anual de Centro. As primeiras propostas saíron de cada aula. Non vos imos a mentir: houbo que pasalas pola peneira porque houbo de todo… de todo… de todo…
En fin, quedaron tres opcións: “Mitos e lendas”, “Protexemos o planeta” e “Animais e plantas de Galicia”.
Os nenos e nenas de 6º de primaria prepararon todo o proceso: deseñaron papeletas, construíron unha urna, elaboraron o censo e garantiron a transparencia de votacións e no reconto.
Cal será o o noso próximo proxecto?

FAMILIAS NA ESCOLA: LEO A

 


Cando temos un problema e non o damos solucionado, o seu é pedir axuda aos expertos e expertas.
Que podemos facer co problema das avespas velutinas? O avó e a avoa de Leo A, de educación infantil, ensinaron ao noso atento alumnado a preparar trampas para esas pequenas invasoras.
Moitas grazas pola visita e polos prácticos consellos!!!

mércores, 10 de xuño de 2026

FESTIVAL FIN DE CURSO 2026

 


Nais, pais, avós, avoas, tíos, tías, veciños, veciñas e demais membros da nosa extensa familia educativa: quedades formalmente convidados e convidadas ao noso pequeno, pero tamén grande, festival de fin de curso.
Anotádeo nas vosas axendas: Venres, 19 de xuño do 2026, ás 10:30h da mañá.
Se é que podedes ,non faltedes!!!

THEN EVERYBODY´D BE SURFIN...

 


Como xa dicían os Beach Boys alá polos anos 60:
“Se todo o mundo tivese un océano
entón todos estarían a surfear”
Os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria conquistaron o océano a semana pasada. Na súa excursión de fin de etapa bailaron ao ritmo das mareas, aprenderon a ler as palabras do vento, surfearon a onda como a vida, tal e como vén… Resumindo: algúns e algunhas foron capaces de poñerse de pé na táboa e non tragaron demasiada auga.
Todo un éxito a experiencia. Non houbo un momento para aburrirse: paintball, surf, sendeirismo pola costa…
Como sempre, un comportamento exemplar! Non podemos estar máis orgullosos e orgullosas do noso alumnado.

VISITA AO IES DE BARRAL 2026

 


Os nenos e nenas de 6º de primaria visitaron o que será o seu novo fogar escolar o curso que vén: o IES do Barral. Chegaron con moi boas impresións.
Elena, a orientadora, explicoulles con moita amabilidade cales son as materias optativas, as normas básicas, as funcións do que será o seu titor ou titora… Eles e elas tamén tiveron a súa quenda para falar de todo aquilo que lles preocupa e resolver as súas dúbidas.
Para rematar, antigo alumnado do centro ensinou as instalacións e contou experiencias dos seus primeiros pasos no instituto.
Esta visita é fundamental para unha transición amable entre a educación primaria e a secundaria. Moitos dos medos cos que os nenos e nenas enfróntanse á nova etapa desaparecen ou fanse algo máis pequenos. Grazas ao IES do Barral por organizala cada ano!

sábado, 30 de maio de 2026

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 2026

 


Toda a vida preguntándonos se somos máis de monte ou de praia e resulta que non fai falta escoller: monte pola mañá, praia pola tarde! Así organizamos a excursión de fin de curso no Feliciano Barrera.
Comezamos a xornada no autobús, que aínda que non o pareza, é unha parte fundamental da viaxe.
Despois dun número moi razoable de “cando chegamos” e “falta moito”, conquistamos a alameda de Aldán para o almorzo e os primeiros xogos no parque.
Continuamos coa visita ao Bosque Encantado. Os monitores e monitoras tiñan preparado para nós un xogo de pistas cun obxectivo en común: ser os gardiáns e as gardiás do bosque.
Para o xantar regresamos á Alameda. Este curso, sen dúbida, as poupetas son tendencia.
Por fin, o momento máis esperado: xogos na praia, baños de mar (e de area, sabémolo)
Unha xornada marabillosa, ao máis puro estilo Feliciano: con espazo para a actividade intensa, pero tamén para o relax en contacto coa natureza. Todos e todas puideron desfrutar ao seu xeito!!!

xoves, 28 de maio de 2026

XOGADE: FÚTBOL SALA E BALONMÁN


 

O martes pechamos outro capítulo do curso 2025-2026: o deporte escolar. Pouquiño a pouquiño, capítulo a capítulo, imos rematando o libro…
Literalmente, estes partidos xogámolos na casa. Na pista da Avisoureira desfrutamos do fútbol sala e do balonmán con (non contra) o CPR Plurilingüe “A Inmaculada”. Despois compartimos un merecido descanso e xantar, que familias do centro tiveron a amabilidade de preparar. Moitas grazas!!!
Non nos cansaremos nunca de felicitar ao alumnado de ambos centros polo seu comportamento, sempre exemplar. Os valores que ensina o deporte non son doados de adquirir con outras actividades e iso nótase.
Parabéns a todxs xs participantes. Esperamos poder seguir sendo anfitrións e anfitrioas deste fermoso evento.

venres, 22 de maio de 2026

XOGOS POPULARES EN SALVATERRA


O alumnado de 4º de primaria desfrutou onte da xa tradicional xornada de xogos populares no parque de A Canuda. Hoxe foi a quenda do 5º e 6º curso.
Ambas xornadas, asolladas e calorosas, lémbrannos que o verán está preto e que o curso escolar chega ao seu fin.
Aproximadamente 300 nenos e nenas rotaron polos distintos xogos: chave, zancos… demostrando, unha vez máis, que os xogos de sempre aínda triunfan e que a infancia continúa desfrutando da natureza e do movemento.
O noso máis sincero agradecemento ás persoas que, coa súa dedicación e esforzo, fan posible esta actividade cada ano!
 

mércores, 20 de maio de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: ELIOT E SAÚL

 


Como nos gusta que as familias nos presenten aos seus novos membros!
A nai de Eliot visitou educación infantil co pequeno Saúl, protagonista indiscutible da xornada. Cos seus ollos como pratos cheos de curiosidade escoitou á súa nai contar dous contos sen dicir nin mu. Parece moi moi moi tranquilo, pero quen sabe, ás veces as aparencias enganan… O que si temos claro é que pode aprender moitísimas cousas do seu superirmán maior.
Moitas grazas pola visita, os nenos e as nenas desfrutaron moitísimo con vós!!!

CINEFÓRUM INFANTIL: "NON XOGUES COMIGO"


O pasado 2 de maio conmemorouse o Día Mundial Contra o Acoso Escolar e aproveitamos a ocasión para falar do tema co alumnado de segundo e terceiro ciclo do primaria.
A escusa foi un cinefórum. Vimos a curtametraxe “Non Xogues Comigo” e analizamos, tanto as situacións expostas, como as emocións e os pensamentos de cada personaxe. 
Falamos de empatía, de amizade, de compañeirismo, de bromas aceptables e inaceptables…
Esperamos contribuír a que, cada vez, sexamos máis sensibles e intolerantes co acoso no Feliciano Barrera: NON son cousas de nen@s e SI teñen importancia!!!
Como sempre, agradeceremos toda información ou proposta que queirades transmitirnos en relación cunha convivencia positiva e inclusiva no centro.

venres, 8 de maio de 2026

X CAMPIONATO DE AXEDREZ FELICIANO BARRERA

 


E xa van 10! Unha primavera máis as neuronas dos nosos nenos e nenas fan deporte no seu ximnasio particular: o taboleiro de xadrez!
Durante os recreos, alumnado de primaria e de educación infantil pon a proba a súa estratexia e capacidade de anticipación.
Nas imaxes podedes ver o debut de dous dos participantes máis novos ante as atentas e silenciosas miradas de alumnado de diversos cursos.
Seguiremos informando!

domingo, 3 de maio de 2026

SOÑA NA HORTA

 


Que importante é o contacto coa natureza en educación infantil!
Remata o mes de abril e chega o momento no que os mestres e mestras damos un paso atrás e deixamos ensinar a outros: á terra, á auga, ao sol…
É o momento de poñer en marcha a horta no Feliciano Barrera!

mércores, 29 de abril de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: LUCA

 


En educación infantil están moi emocionadas e emocionados cun dos seus novos proxectos: Insectos.
Como noutras ocasións, relatores expertos viñeron a visitarnos para ampliar os nosos coñecementos. A cuestión é que non viñeron sós. Trouxeron vermes de seda e deixáronnos unha chea en adopción responsable.
As aprendizaxes dos nenos e as nenas ao redor dos vermes de seda son practicamente infinitos. O compromiso adquirido para o seu coidado, o vocabulario necesario para clasificalos e describilos, a paciencia para poder observar a súa metamorfose…
Encántanos transmitir a idea de como uns seres tan pequeniños que parecen non facer máis que comer e tecer producen un dos materiais máis prezados e delicados do mundo.
Moitas GRAZAS, familia, polo voso tempo e por eses adorables bichiños!!!

venres, 24 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Durante a SEMANA ADICADA AO LIBRO na biblioteca de Leo León houbo moita actividade: Leváronse a cabo APADRIÑAMENTOS LECTORES con moitísimo éxito.

Os nenos e nenas compartiron libros  durante o tempo de lectura pero non so eso, tanto padriños como apadriñados intercambiaron cartas, manualidades e tarxetas  feitas con moito agarimo e que de seguro serán un gran recordo.



xoves, 23 de abril de 2026

23 de abril - DÍA DO LIBRO

Seguimos pirateando no Feliciano Barrera. Hoxe, 23 de abril, día do libro, o alumnado disfrutou dun contacontos moi pirata por parte de Lalá Teatro. 

Colaboraron en equipo coa pirata Nina para atopar o tesouro, superando probas e  aventuras na nosa biblioteca e atopando contos que eles mesmos crearon.

FELIZ DÍA DO LIBRO




venres, 17 de abril de 2026

SESIÓN COMPARTIDA ENTRE O ALUMNADO DE 4º E O ALUMNADO DE INFANTIL


 Os nenos e nenas de infantil queren pescudar sobre insectos e tiveron a idea de preguntarlle ao alumnado de 4º de primaria.

Os maiores estiveron encantados de compartir os seus coñecementos cos compañeiros máis pequenos: explicaron datos, responderon preguntas e compartiron libros sobre insectos escollidos da nosa biblioteca.

Que bo momento pasaron todos, grandes e pequenos. Aprender así, dá gusto!


xoves, 16 de abril de 2026

A PEOR XOGADA

 


Non é necesario esperar o Día da Paz, nin á semana de actividades contra o acoso escolar, nin a ningunha outra data sinalada. A filosofía e cultura da non violencia debe fomentarse no día a día.
Os nenos e nenas de 6º de primaria cántannos en lingua galega e de signos que a violencia non é unha opción, que sempre é a peor xogada.
Colaboremos na prevención, detección e intervención en calquera tipo de violencia. A tarefa é demasiado grande para levar a cabo só no fogar ou só na escola!

sábado, 28 de marzo de 2026

CRUZ VERMELLA NA ESCOLA: O IDADISMO

 


O xoves pasado, todo o alumnado do centro, dividido en quendas ao longo da mañá, asistiu a un interesante obradoiro impartido por persoal de Cruz Vermella.
Nunha primeira parte explicaron a nenos e nenas en que consiste Cruz Vermella, que servizos ofrece e a que persoas, quen pode ser voluntario e voluntaria…
Na segunda parte trataron o tema principal da actividade: o idadismo. Este concepto engloba todos aqueles estereotipos, prexuízos e formas de discriminación baseadas na idade.
A sesión foi moi práctica. Nenos e nenas; empregando diferentes recursos como pesos, luvas ou lentes específicas para a actividade; sentiron nos seus propios corpos a sensación de pesadez, de rixidez nas articulacións, de dexeneración visual… que case sempre a idade avanzada trae consigo. Un marabilloso exercicio de empatía!
Pero a actividade non se centrou soamente nas limitacións de anciáns e anciás, senón en todo aquilo que poden facer, como deporte adaptado ás súas capacidades e, si, tamén, utilizar con autonomía as novas tecnoloxías. Como exemplo, o alumnado participou nunha vídeo chamada con Antonio, que lles demostrou sobradamente que ser unha persoa maior non implica non usar eficazmente as novas tecnoloxías en vida cotiá.
Moitas grazas a Cruz Vermella pola vosa visita. Desmontastes moitos prexuízos no Feliciano Barrera!!!

MENTES NOVAS, IDEAS NOVAS

 


Onte o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu a visita dunha das dinamizadoras do grupo Mentes Novas.
Mentes Novas é un grupo de participación infantil e adolescente de Ponteareas. É unha canle fundamental para recoller as opinións e inquietudes dos máis novos e novas e darlles voz nas decisións que afectan á vida na nosa vila.
Agora teñen claro que é Mentes Novas, quen pode participar, que actividades organizan…
Tamén tiveron a oportunidade de participar nunha asemblea e propoñer melloras para espazos comúns, como A Freixa ou o Parque das Pombas.
Moitas grazas pola visita e pola vosa labor! Valoramos moito que o noso alumnado teña acceso a espazos de reflexión, creación e diálogo como os que propoñedes.

domingo, 22 de marzo de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTIÑO


Que mellor maneira de celebrar un aniversario no colexio que coa visita de papá e mamá? Martiño ten moi claro que non hai ningunha!
Cristal e Pedro seleccionaron, ademais, un conto marabilloso para os nenos e as nenas de infantil, “Vivan as uñas de cores!”. Preciosa historia de como podemos facer aquilo que nos gusta desafiando prexuízos e patróns de xénero que, por desgraza, aínda existen.
Como guinda para o pastel, todos os nenos e nenas que así o quixeron puideron pintarse as uñas das súas cores favoritas.
Moitas grazas, Cristal e Pedro, por visitarnos unha vez máis e regalar a educación infantil unha fermosa xornada!!!