domingo, 15 de marzo de 2026

GUAAAUUUU!

 


Non hai mellor maneira de expresalo!
Onte visitáronnos Iris e Mónica, dúas voluntarias da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos. Con elas trouxeron á indiscutible protagonista do día, Lola, unha marabillosa cadeliña que, por certo, ESTÁ EN ADOPCIÓN e non pode ser máis adorable.
Iris e Mónica explicaron ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha chea de conceptos relacionados coa súa experiencia diaria: cales adoitan ser as causas do abandono de animais (causas, non xustificacións, que non existen!); a importancia da esterilización, especialmente no control de colonias de gatos; o lector de chip e as súas funcións…
Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa visita, pero tamén polo seu inmenso labor no coidado e protección dos animais. As tarefas do voluntariado de Os Biosbardos son innumerables: alimentación; hixiene de animais e dos espazos que ocupan; desprazamentos á clínica veterinaria ou a casas de acollida; recollida de animais sen fogar; control da medicación cando a necesitan; eventos para conseguir financiamento; organización de quendas e paseos; educación e socialización… Seguro que deixo algunha atrás. De novo: GRAZAS!!! Déixovos en ligazón á súa páxina web: protectoraosbiosbardos.org
Tamén temos que agradecer á nosa familia educativa todas as súas doazóns para a Asociación. Durante tres días recollemos innumerables achegas. MOITAS GRAZAS a todos e a todas!
Podemos dicir con orgullo que o Feliciano Barrera é un colexio amigo dos animais!

Ningún comentario:

Publicar un comentario