Amosando publicacións coa etiqueta deporte escolar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta deporte escolar. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de febreiro de 2026

XOGADE: BÁDMINTON


 

Onte, venres 27 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º primaria asistiu a unha das súas datas favoritas de deporte escolar: a xornada de bádminton no Pavillón Álvaro Pino.
Organízaa o Club Bádminton Ponteareas e impártea Víctor que, como sempre, foi exemplar con todos os nenos e nenas; tanto cos do noso centro coma cos do CEIP Antonio Blanco, de Covelo, que tamén asistiron á xornada.
Ademais de aprender os fundamentos e regulamento básico do bádminton, os nenos e nenas participaron nun torneo clasificatorio para unha segunda fase, que se celebrará o 28 de marzo. Aproveito para dar os parabéns aos clasificados e clasificadas: Amber, Karina, Giulia, Dylan, Jorge e Enzo. Bo traballo!
Por último, agradecer ao Club Bádminton Ponteareas esta cita anual. Non faltaremos!

venres, 16 de xaneiro de 2026

DEPORTES DE RAQUETA

 


Sabedes o que é o pickleball? Se é que non, non vos preocupedes, a min acábanmo de explicar os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria.
Remataron o trimestre cunha xornada de deporte escolar no CPI de Mondariz que inclúia distintos deportes de raqueta: bádminton, tenis de mesa… e, por suposto, pickleball. Resulta que esta disciplina combina outras como o tenis de mesa ou o pádel sendo ideal para iniciarse nos deportes de raqueta. Fácil de aprender e moi accesible. Se os vosos propósitos de aninovo inclúen iniciar un novo deporte esta é unha gran opción!

domingo, 19 de outubro de 2025

CROS ZONAL 2025

 


Nesta primeira xornada de Deporte Escolar os nosos leóns e leoas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria mostraron a súa cara máis guerreira. E é que a ocasión o esixía!!! 500m para o alumnado de segundo ciclo e 1000m para @s maiores.
Sumados á distancia van os nervios, o medo a caer ou a non terminar o percorrido, o cansazo despois de semanas de adestramento... Sobran os motivos para felicitar a todos e a todas @s participantes!
Como sempre, todo o alumnado e profesorado do centro estivo alí para animar, arroupar e valorar o esforzo. Unha xornada de convivencia na que o comportamento sempre destaca pola súa exemplaridade.
Grazas á asociación ADECONPAR por organizar un ano máis estes dous días de DEPORTE; así, con maiúsculas!
Grazas tamén a todos e a todas @s que vos achegastes o xoves e/ou o venres á Avisoureira a compartir connosco un dos nosos días favoritos do curso escolar.
Por último, unha mención especial @s medallistas do ano:
Xián e Alejandra, de 3º de primaria.
Aleix, Jorge, Dylan e Lara P, de 5º de primaria.
Martín, de 6º de primaria.
Moitas felicidades!!!

domingo, 23 de marzo de 2025

DEPORTE ESCOLAR: BÁDMINTON

 


O venres pasado os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria compartiron co alumnado do CEIP Antonio Blanco, de Covelo, un marabilloso día de deporte e convivencia.
A xornada desenvolveuse no Pabillón Álvaro Pino e foi organizada polo Club Bádminton Ponteareas. Os nenos e nenas aprenderon os fundamentos técnicos e tácticos do deporte, así como o seu regulamento básico. 
Os alumnos e alumnas mellor clasificad@s participarán no Campionato Zonal de Bádminton, que se celebrará o próximo 5 de abril.
Como sempre nestas xornadas, o comportamento do alumnado foi impecable. Nunca nos cansaremos de felicital@s por iso!!!
Por último, queremos agradecer a Víctor Lemos, adestrador do club, a súa cálida acollida e felicitalo pola exemplar organización das xornadas.
Vémonos en abril!

venres, 24 de xaneiro de 2025

Deporte escolar


Esta semana, 5º e 6º fomos ao Santiago Apóstol a xogar ao brilé e ao hockey.

Pasámolo xenial. Merendamos con eles, xogamos, compartimos ...

Foi unha mañá estupenda.

sábado, 18 de xaneiro de 2025

ATLETISMO NA ESCOLA

 


O martes pasado, 14 de xaneiro, os nenos e nenas de 4º de primaria gozaron no colexio da última de catro estupendas xornadas de promoción do atletismo na escola.
Manuel Martínez, adestrador do Real Club Celta de Atletismo, ensino con agarimo, paciencia e bo humor os segredos das carreiras, saltos e lanzamentos propios da súa disciplina. 
Un verdadeiro luxo telo no colexio!!!

venres, 8 de novembro de 2024

Cross


O mércores, os nenos e nenas de 5º e 6º corremos a cross. Gañamos medallas:  Laura, Cecilia, Neyzan e Naia.

O xoves, os nenos e nenas de 3º e 4º tamén correron. Gañaron medallas: Jorge, Lara Porto, Laura Silveira e Iker.

Atopamos moitos amigos e amigas das outras escolas, falamos moito entre todos, compartimos o chocolate e as rosquillas, divertímonos moito e pasámolo xenial.


domingo, 14 de abril de 2024

ATLETISMO EN 4º E 5º DE PRIMARIA

 


Nova xornada de deporte escolar!
Nesta ocasión foi o alumnado de 4º e 5º de primaria o que se achegou ao IFEVI de Vigo para practicar diferentes modalidades de atletismo: salto de lonxitude, lanzamento de peso e vortex, carreiras de diversas distancias individuais e por equipos...
Unha experiencia, como sempre, moi completa e divertida que tivemos a oportunidade de compartir con outros colexios do Condado e Paradanta. 

xoves, 14 de marzo de 2024

BÁDMINTON NO PABILLÓN MUNICIPAL

 


Onte, no Pavillón Municipal Álvaro Pino, os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria gozaron dunha nova xornada de deporte escolar: a primeira fase do Campionato Escolar de Bádminton de Pontevedra. 
Un día fantástico de aprendizaxe e práctica do deporte; pero tamén de convivencia. Co CEIP de Leirado, a competición sempre é deportiva e amable. Unha gran experiencia!
Queremos expresar, como sempre, o noso agradecemento ao Club de Bádminton Ponteareas por convidarnos unha vez máis. Especialmente a Víctor, polo seu impecable traballo e o seu indiscutible talento para dirixir a nenos e nenas.
Parabéns a todos os clasificados e clasificadas. Izan, Yoel, Breixo, Yaiza, Martina e Laura: Bo traballo!
Por último, dicir que, acompañando ás imaxes, os nenos e nenas de 5º de primaria explican por que as xornadas de deporte escolar son unha das nosas actividades favoritas. 

luns, 5 de xuño de 2023

GOLF EN MONDARIZ

O xoves pasado as nenas e nenos de 5º de Primaria tiveron a oportunidade de aprender a técnica e o regulamento básico do golf. Practicaron diferentes golpeos seleccionando o pau de golf adecuado, como verdadeiros profesionais.

Esta é unha das actividades do Programa Xogade que máis gusta aos nenos e nenas do noso centro.  A contorna é moi agradable e tranquila; convida á relaxación e á concentración con todos os beneficios das actividades ao aire libre. Unha preciosa experiencia!

Grazas ao Club de Golf de Mondariz Balneario por convidarnos e facer desta xornada unha das nosas favoritas do ano.






luns, 29 de maio de 2023

XOGOS POPULARES

 Comezamos a semana comentando as xornadas de deporte escolar celebradas estes días en Salvaterra. Concretamente, o parque da Canuda foi escenario dunha chea de de xogos populares. O xoves asistiron 3º e 4º de Primaria e o venres, 5º e 6º. Unha marabillosa maneira de fomentar a actividade deportiva e manter con vida a tradición de xogos aos que xa xogaban os nosos avós e avoas. Unha  divertida xornada de convivencia que, grazas a un enorme traballo de organización, como cada ano, foi todo un éxito.





xoves, 11 de maio de 2023

BALONMÁN E FÚTBOL SALA NA CULTURAL

 Nova xornada de deporte escolar para 5º e 6º de Primaria. Hoxe recibimos ao CEP Carlos Casares, de Alxén, na Avisoureira. Outro gran día de deporte  e convivencia. Non levamos a conta dos goles, só sabemos que foron unha chea por parte de ambos equipos. Que satisfacción poder ver actitudes tan deportivas en todos os nenos e nenas!

Despois de tanto esforzo chegou o momento da merenda e do merecido descanso. 

Moitas grazas ao Centro Cultural de Guláns por cedernos as súas estupendas instalacións e por facernos sentir, sempre, coma se estivésemos na nosa casa.






martes, 2 de maio de 2023

XORNADA DE ATLETISMO

O xoves pasado 4º e 5º de Primaria foron ao IFEVI, en Vigo, a gozar dunha nova xornada de deporte escolar.

Cando pensamos en atletismo adoitamos pensar en carreiras, xa sexan de velocidade, de resistencia ou de obstáculos; pero o atletismo inclúe moitas outras disciplinas. Por exemplo, as relacionadas con saltos e lanzamentos. 

O noso alumnado, concretamente, participou en probas de velocidade, resistencia e carreiras de relevos. Tamén puxeron a proba súa habilidade cos lanzamentos de peso e xavelina e co salto de lonxitude. 

As competicións, sempre cun ambiente moi san e deportivo, disputáronas con outros cinco colexios da nosa contorna. Unha oportunidade máis de fomentar a convivencia e por suposto, a actividade deportiva.









mércores, 26 de abril de 2023

MÁIS DEPORTE ESCOLAR

 O xoves pasado o alumnado de 5º e 6º de Primaria visitou o CEIP Infante Felipe, de Salvaterra, para gozar dunha nova xornada de deporte escolar. Nesta ocasión, tiveron a oportunidade de mostrar as súas habilidades en hóckey e baloncesto. 

Como sempre, a organización da actividade foi impecable, do mesmo xeito que o comportamento de todo o alumnado, tanto o noso como o do Infante Felipe. Por certo, moitas grazas por recibirnos sempre tan ben!



venres, 10 de marzo de 2023

BÁDMINTON

 Nova xornada de Deporte Escolar no Feliciano Barrera. Os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria foron ao Complexo Deportivo Álvaro Pino para participar nas xornadas de bádminton. Unha gran oportunidade para afondar na técnica e regulamento deste bonito deporte. 

Como sempre, volveron ao cole encantados e encantadas coa experiencia. Grazas a todas e todos os que organizades estas actividades!






xoves, 26 de xaneiro de 2023

CAMPO A TRAVÉS

 Primeira xornada de competición de campo a través na Avisoureira. Hoxe os nenos e nenas de terceiro e cuarto de primaria mostráronnos a maxia que xorde ao unir meses de adestramento con toneladas de ilusión. Como sempre, foron todo un exemplo de deportividade e de respecto polo adversario. Algo ten que ver o profe Oscar con iso!

En fin, un día precioso para os nenos e nenas, para o profesorado e para as familias que se achegaron a animarnos. Grandes resultados para grandes deportistas: todos e todas remataron a carreira e gozaron dela, que é o máis importante para nós. 

Non esquezades que mañá termina a competición coas carreiras de quinto e sexto de primaria. Non faltedes!