O xoves pasado, todo o alumnado do centro, dividido en quendas ao longo da mañá, asistiu a un interesante obradoiro impartido por persoal de Cruz Vermella.
Nunha primeira parte explicaron a nenos e nenas en que consiste Cruz Vermella, que servizos ofrece e a que persoas, quen pode ser voluntario e voluntaria…
Na segunda parte trataron o tema principal da actividade: o idadismo. Este concepto engloba todos aqueles estereotipos, prexuízos e formas de discriminación baseadas na idade.
A sesión foi moi práctica. Nenos e nenas; empregando diferentes recursos como pesos, luvas ou lentes específicas para a actividade; sentiron nos seus propios corpos a sensación de pesadez, de rixidez nas articulacións, de dexeneración visual… que case sempre a idade avanzada trae consigo. Un marabilloso exercicio de empatía!
Pero a actividade non se centrou soamente nas limitacións de anciáns e anciás, senón en todo aquilo que poden facer, como deporte adaptado ás súas capacidades e, si, tamén, utilizar con autonomía as novas tecnoloxías. Como exemplo, o alumnado participou nunha vídeo chamada con Antonio, que lles demostrou sobradamente que ser unha persoa maior non implica non usar eficazmente as novas tecnoloxías en vida cotiá.
Moitas grazas a Cruz Vermella pola vosa visita. Desmontastes moitos prexuízos no Feliciano Barrera!!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario