Amosando publicacións coa etiqueta protexe aos animais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta protexe aos animais. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de marzo de 2026

GUAAAUUUU!

 


Non hai mellor maneira de expresalo!
Onte visitáronnos Iris e Mónica, dúas voluntarias da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos. Con elas trouxeron á indiscutible protagonista do día, Lola, unha marabillosa cadeliña que, por certo, ESTÁ EN ADOPCIÓN e non pode ser máis adorable.
Iris e Mónica explicaron ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha chea de conceptos relacionados coa súa experiencia diaria: cales adoitan ser as causas do abandono de animais (causas, non xustificacións, que non existen!); a importancia da esterilización, especialmente no control de colonias de gatos; o lector de chip e as súas funcións…
Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa visita, pero tamén polo seu inmenso labor no coidado e protección dos animais. As tarefas do voluntariado de Os Biosbardos son innumerables: alimentación; hixiene de animais e dos espazos que ocupan; desprazamentos á clínica veterinaria ou a casas de acollida; recollida de animais sen fogar; control da medicación cando a necesitan; eventos para conseguir financiamento; organización de quendas e paseos; educación e socialización… Seguro que deixo algunha atrás. De novo: GRAZAS!!! Déixovos en ligazón á súa páxina web: protectoraosbiosbardos.org
Tamén temos que agradecer á nosa familia educativa todas as súas doazóns para a Asociación. Durante tres días recollemos innumerables achegas. MOITAS GRAZAS a todos e a todas!
Podemos dicir con orgullo que o Feliciano Barrera é un colexio amigo dos animais!

COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN OS BIOSBARDOS


5º e 6º de primaria seguen avanzando co Plan Proxecta: Protexe aos animais.
Nesta ocasión deixan atrás a teoría para pasar á acción. Organizaron unha recollida de alimentos, produtos de limpeza e outros artigos para a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos.
Podedes consultar a información no cartel que elas e eles mesmos deseñaron.
Grazas de antemán pola vosa colaboración!!!

sábado, 24 de maio de 2025

TAREFA FINAL DE PATAS AMIGAS

Este ano os nenos  e nenas de infantil participamos no Plan Proxecta, Protexe ós animais. No desenvolvemento deste proxecto aprendemos moitas cousas sobre os animais, pero sobretodo aprendemos cómo coidar das nosas mascotas e neste conto, elaborado por todo o alumnado de infantil, queda claro.
Esperamos que vos guste tanto como nos gustou a nós facelo.

domingo, 16 de febreiro de 2025

PATAS AMIGAS EN 1º DE PRIMARIA

 


Os nenas e nenas de 1º de Primaria continúan co seu proxecto "Patas Amigas"
No vídeo fálannos das súas mascotas: divertidas, relaxantes, simpáticas...
Se hai algo que teñen claro clarísimo é o seu desexo de protexer aos animais e, para conseguilo, envían a súa mensaxe ao mundo, tanto ás persoas como aos animais. 
Para asegurarse de que escoitamos as súas ideas fánnolas chegar en linguaxe oral, escrito e en lingua de signos. Imposible non entendelo!!!