mércores, 15 de maio de 2024

PROXECTO RECICLAXE

 


En primeiro e segundo de primaria remataron un proxecto moi ambicioso. Propuxéronse poñer en marcha as tres RRR no Feliciano Barrera: Reducir, Reutilizar e Reciclar gran parte dos residuos.
Comezaron investigando nos libros da Maleta Ponte Zero. Préstamo do CEIDA (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga) Moitas grazas, por certo!!!
Continuaron etiquetando e fabricando os seus propios contedores para levar despois o lixo aos de fóra. Non importa que chova!
Finalmente, compartiron os seus coñecementos coas demais aulas do colexio concedéndolles a súa insignia de clase ecolóxica. 
Tamén afondaron nalgunhas cuestións grazas á charla de SOGAMA deste luns. Que interesante!
Un gran traballo!!!

martes, 7 de maio de 2024

CORPUS ADIANTADO

 


Cheiraba a Corpus hoxe no Feliciano Barrera.
Flores, fentos, landras e demais materiais típicos das alfombras florais adornaban o noso patio.
Comezou o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria; que era para o que, nun principio, estaba destinada a actividade. Logo chegou o recreo e o resto de nenos e nenas quixeron achegar o seu gran (nunca mellor dito) a unha das dúas alfombras.
Moitas grazas ao Concello de Ponteareas por organizar a actividade e permitir participar a todo o alumnado, aínda que non entrase na programación. Agradecemos moito a flexibilidade!!!
Por certo, quedou clarísimo que en Guláns hai canteira alfombrista!

luns, 6 de maio de 2024

MODELO DE ESCOLA RURAL


O venres pasado participamos no II Congreso Nacional da Escola Rural, que este ano celebrouse en Ribadavia.
Convidáronnos para presentar o Proxecto de centro do ano pasado, "Festival de Cine de Guláns", e contar as actividades que estamos a levar a cabo este ano ao redor de "Radio Guláns", proxecto que, este curso, aglutina múltiples e variados podcast e vídeo podcast.
María e Martina, de 5º; Izan, Yaiza e Breixo, de 6º de primaria, foron seleccionados polo alumnado das súas clases para representar ao centro.
Explicaron marabillosamente ben o proxecto a todas as persoas que por alí pasaron, incluído Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP. 
Só 15 centros de Galicia tiveron a oportunidade de reivindicar a escola rural como modelo educativo de vangarda e un deles foi o noso. Todo un orgullo para a comunidade educativa do Feliciano Barrera!