Hoxe é o último dia do mes de abril, mes que dedicamos no Feliciano Barrera á visibilización do amplo e complexo TEA (Trastorno do Espectro Autista) Este curso cada aula, ao seu ritmo e co nivel de complexidade adecuado, explorou a biografía de distintas personalidades con autismo e as súas importantes achegas á sociedade. Desde Mozart ata Greta Thungberg, pasando por Albert Einstein… O mundo das artes, das ciencias e, en xeral, calquera ámbito da actividade humana; viuse enriquecido en gran medida por persoas que se poden incluir dentro do espectro autista.
Ola! Eu son Leo León, rei da sabana e da bilioteca do cole. Convídovos a entrar no meu mundo máxico. Aquí atoparedes o que moitas persoas imaxinaron e escribiron ... Imaxinade vós tamén!
domingo, 30 de abril de 2023
mércores, 26 de abril de 2023
MÁIS DEPORTE ESCOLAR
O xoves pasado o alumnado de 5º e 6º de Primaria visitou o CEIP Infante Felipe, de Salvaterra, para gozar dunha nova xornada de deporte escolar. Nesta ocasión, tiveron a oportunidade de mostrar as súas habilidades en hóckey e baloncesto.
Como sempre, a organización da actividade foi impecable, do mesmo xeito que o comportamento de todo o alumnado, tanto o noso como o do Infante Felipe. Por certo, moitas grazas por recibirnos sempre tan ben!
DE VOLTA Á HORTA
Xa asoman os primeiros amorodos na horta de primeiro de primaria e, con eles, a ilusión de novos froitos. Todos e todas falan con orgullo das leitugas que plantaron. De súpeto, o que máis lles apetece comer é unha ensalada! (Aproveitade a ocasión, familias)
Todos os días regan, miden, observan e aprenden unha chea de conceptos. Especialmente, están aprendendo que todas as plantas medran con auga, sol e moita paciencia.
Iremos informando dos seus avances.
martes, 25 de abril de 2023
DÍA DE EXCURSIÓN
Gran día para Educación Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria! Hoxe gozaron dunha excursión das de sempre; das que empezan a noite anterior porque non poden durmir cos nervios e das que terminan antes de chegar, cando lles vence o soño ese ratiño na viaxe de volta.
Comezaron a mañá no Museo de Pontevedra aprendendo unha chea de cousas sobre a Prehistoria e outras épocas da historia. Despois, parada na zona vella para xantar. Camiñando, camiñando chegaron á Illa da Esculturas, con parada obrigatoria, por suposto, no parque infantil. Case sen darse conta chegou a hora para comer e é que, polo visto, aprender e xogar en Pontevedra dálles moita fame. Últimos momentos de exploración: cos seus amigos e amigas buscan as esculturas escondidas pola illa. Toda unha aventura! Soben no autobús, pechan os olliños… Ata mañá!
domingo, 23 de abril de 2023
SEMANA DA CIENCIA
FEIRA DAS CIENCIAS:
O alumnado de sexto de primaria explicou pola mañá na biblioteca do cole aos seus compañeiros de infantil e primaria o que pola tarde expoñerían a todo aquel que pasou polo seu stands en Ponteareas.
O seu proxecto trataba sobre cine e incluía:
- Historía do cine (falaron de Charles Chaplin, Hollywood, Hermanos de Lumiere,…). Ensinaron un zootropo (feito por eles) e un praxinoscopio.
- Stop Motion (ensinaron os diferentes tipos de Stop Motion e como nas aulas do cole se leva a cabo este traballo para gravar diferentes curtos de animación. Os alumnos de 6º levaron un exemplo con bonecos de plastilina)
- Efectos especiais (aplicaciones para incorporar efectos coa tablet, traumapatopo, cine en 3D, holograma)
- Chroma (explicaron e demostraron como se empregaba, Carmen de infantil e Lara de 2º foron ata Cancún, a alcaldesa transformouse en meteoróloga,…)
FIXERONO TODOS DE MARABILLA!
xoves, 20 de abril de 2023
Proxecto Pito 1
En primeiro de primaria comeza un novo proxecto: as aves. Como sempre, comezaron nomeando aquilo que xa saben seguro; por exemplo, que as aves teñen peteiro, plumas e que nacen dun ovo. Bo comezo!
A continuación acordaron aquilo que queren saber. Concretamente, interésalles se as aves fan pis, se teñen embigo e como é que escoitan se ninguén lles viu orellas… En fin… Non cuestionemos a súa curiosidade científica…
Por último, unha gran SORPRESA: a profe Alba trouxo unha incubadora e 24 ovos. Agora quedan 21 longos días esperando a que nazan os pitiños. Non imaxinades a ilusión que teñen!
martes, 18 de abril de 2023
A función de nutrición
Os alumnos e alumnas de 5º de primaria traballaron duramente para mostrarvos que acontece no noso corpo cando comemos, que aparatos interveñen, para que serve e por que é necesario comer saudablemente. Ademais aportan uns consellos para levar unha vida sa
domingo, 16 de abril de 2023
VII Semana das ciencias en Ponteareas
Ao longo da semana haberá moitas actividades e o venres o noso alumnado de 6º de Primaria estará nun estand mostrando o seu proxecto.
Animámosvos a achegarvos cos nenos e nenas ás distintas actividades.