xoves, 30 de abril de 2026

ABRIL: MES DA VERGOÑA E ORGULLO

Rematamos o mes de abril que adicamos a VERGOÑA E ORGULLO. Coñecimos as obras de Max Kingler, Tutmose e, de novo, Picasso. 

O alumnado tratou de pensar en logros persoais dos que estiveran orgullosos, ilustraron a vergoña e escribiron mensaxes para comprender e empatizar a vergoña noutras personas.

Agora adentrámonos no último mes de proxecto, maio será o mes da calma e a serenidade.



mércores, 29 de abril de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: LUCA

 


En educación infantil están moi emocionadas e emocionados cun dos seus novos proxectos: Insectos.
Como noutras ocasións, relatores expertos viñeron a visitarnos para ampliar os nosos coñecementos. A cuestión é que non viñeron sós. Trouxeron vermes de seda e deixáronnos unha chea en adopción responsable.
As aprendizaxes dos nenos e as nenas ao redor dos vermes de seda son practicamente infinitos. O compromiso adquirido para o seu coidado, o vocabulario necesario para clasificalos e describilos, a paciencia para poder observar a súa metamorfose…
Encántanos transmitir a idea de como uns seres tan pequeniños que parecen non facer máis que comer e tecer producen un dos materiais máis prezados e delicados do mundo.
Moitas GRAZAS, familia, polo voso tempo e por eses adorables bichiños!!!

PROXECTO COMPETENCIAL: O OBXECTO MÁXICO

 


Se queres deseñar unha actividade que triunfe en educación infantil tes dúas opcións que nunca fallan: as mesturas que se poden amasar (canto máis sucias e pegañentas mellor) e os elementos da natureza (pedras, paus, follas, bichos…)
“O Obxecto Máxico” une ambas. Unha mestura de fariña, sal, auga e colorante que enmarca follas secas ou pétalos de flores recollidos na contorna escolar.
O resultado: un amuleto protector que cada neno e cada nena pode conservar na súa casa para lembrar que as cousas máis simples son case sempre as máis fermosas.

martes, 28 de abril de 2026

Encontro Club de lectura Rede Bibliotea

 Onte, 27 de abril, participamos na xuntanza de clubs de lectura dos colexios e institutos de Ponteareas, Rede Bibliotea. O alumnado participou en diversos obradoiros rotativos de diferentes temáticas e recital de poesía.

O noso Centro propuxo obradoiros relacionados co proxecto anual de Centro, emocións e arte



Novidades na biblioteca de Leo León


 

venres, 24 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Durante a SEMANA ADICADA AO LIBRO na biblioteca de Leo León houbo moita actividade: Leváronse a cabo APADRIÑAMENTOS LECTORES con moitísimo éxito.

Os nenos e nenas compartiron libros  durante o tempo de lectura pero non so eso, tanto padriños como apadriñados intercambiaron cartas, manualidades e tarxetas  feitas con moito agarimo e que de seguro serán un gran recordo.



xoves, 23 de abril de 2026

23 de abril - DÍA DO LIBRO

Seguimos pirateando no Feliciano Barrera. Hoxe, 23 de abril, día do libro, o alumnado disfrutou dun contacontos moi pirata por parte de Lalá Teatro. 

Colaboraron en equipo coa pirata Nina para atopar o tesouro, superando probas e  aventuras na nosa biblioteca e atopando contos que eles mesmos crearon.

FELIZ DÍA DO LIBRO




OS LIBROS TESOURO DOS NENOS E NENAS DO FELICIANO BARRERA POLA SEMANA DO LIBRO

Non hai maior tesouro que un bo libro. Xa o saben moi ben tódolos nenos e nenas do noso cole.

Pensaron no seu libro tesouro, ese co que disfrutan moito e que lerían milleiros de veces, reproduciron a portada e escribiron os datos do autor e ilustrador. 

Quedáronlles uns libros tesouro de moito valor ata que… chegaron os piratas!

Eses piratas axudantes da biblio de Leo León percorreron as aulas co seu cofre en busca dos  tesouros pero… tranquilos! Leváronos a bo recaudo. Atópanse na nosa biblioteca, agora si, tódolos tesouros están baixo vixilancia do mellor gardián de biblioteca, Leo León.



SEMANA DO LIBRO

 Exposición de libros para conmemorar a semana do libro.



LECTURAS COMPARTIDAS

 


Todo un clásico xa no programa de actividades do Feliciano Barrera cando se achega o día do libro!
Ao alumnado de 3º, 4º 5º e 6º de primaria asignóuselle un neno ou nena de infantil ou do primeiro ciclo de primaria como afillada ou afillado lector.
Na hora da lectura os padriños e madriñas escolleron un lugar agradable do patio e leron un conto ao seu encantado público. Toda unha semana para afondar nos intereses dos máis pequenos e pequenas e practicar a lectura en voz alta.
Propoñemos esta actividade cada ano porque SEMPRE, SEMPRE, SEMPRE, é todo un éxito!

ARTE GALEGA

 


O alumnado de 5º de primaria, na súa clase de Proxecto Competencial, estivo a investigar a obra de artistas galegos e galegas de diferentes disciplinas: pintura, arquitectura, música…
Para expoñer os resultados das súas investigacións crearon un lap book interactivo que todos os nenos e nenas poden consultar.
Dentro vídeo!!!

PAPIROFLEXIA CANINA

 



Por desgraza, non nos referimos a figuras de papel feitas por cans e cadelas; senón a cans e cadelas feitas con papel.
É máis complicado do que parece! Os nenos e nenas de educación infantil poden explicárvolo estupendamente!
Observade como, na súa imaxinación, non son tan raros nin os cans verdes nin as cadelas azuis!
Que bo traballo, tanto para exercitar a motricidade fina como a capacidade de concentración e a percepción visual.

luns, 20 de abril de 2026

Selección de libros sobre piratas

 Durante esta semana podedes atopar na biblioteca de Leo León unha bonita selección de contos piratas, moi relacionada coa historia que Noelia, a contacontos máis famosa do CEIP Feliciano Barrera, relatará o mércores a todo o alumnado do cole.


Os rasgos da nosa compañía

Dende “Un cofre cheo de paixón” queremos lembrar que non todos somos iguais. Cada un ten o seu propio físico, carácter ou diferentes emocións.

Non ser como os demais dá igual, o importante é que ti te sintas cómodo tal e como es. Non intentes cambiar polo que outros che digan porque, lembra, NON SOMOS IGUAIS!!!

Todos somos diferentes, iso é o que nos fai especiais a todos.

Na nosa compañia de ópera, estivemos investigando sobre rasgos físicos, rasgos de carácter e emocións.

Vós téndelo claro?


 

AS NOVAS COUSAS DA MALETA

Dende Un Cofre Cheo de Paixón Compañía de Ópera, temos nova información!
Fixemos novos avances na nosa maleta da compañía, temos novos xogos, retos e metáforas.
Xogos como: Bartolo, río de miradas, o vento sopra ...
Metáforas como: As tres pedras máxicas, o folio engurrado, contos, Olelé, cancións ...
Retos como: A cadeira baleira, números, esposados, acordo de xestos ...
Pronto teremos máis información.
Seguimos avanzando, seguimos aprendendo!


 

venres, 17 de abril de 2026

Olelé

 


 Olelé foi unha das cancións deste curso.

A canción forma parte dun conto. Nós adaptamos unha pequena parte do conto Olelé para representala. Así practicamos para a ópera do curso que ven e imos aprendendo cousiñas.

Esta vez, o traballo repartímolo así:

1. Rexiduría: Aleix e Cata.

2. Escenegrafía: Dylan, André e Lara Filgueira.

3. Músicos: Anxo, Jorge e Pablo.

4. Interpretes: Lara Porto, Giulia, Ricardo, Marcos e Amber.

Foi un gran éxito. Ás persoas que viñeron a vernos á nosa aula gustoulle moito.

 

 

SESIÓN COMPARTIDA ENTRE O ALUMNADO DE 4º E O ALUMNADO DE INFANTIL


 Os nenos e nenas de infantil queren pescudar sobre insectos e tiveron a idea de preguntarlle ao alumnado de 4º de primaria.

Os maiores estiveron encantados de compartir os seus coñecementos cos compañeiros máis pequenos: explicaron datos, responderon preguntas e compartiron libros sobre insectos escollidos da nosa biblioteca.

Que bo momento pasaron todos, grandes e pequenos. Aprender así, dá gusto!


xoves, 16 de abril de 2026

A PEOR XOGADA

 


Non é necesario esperar o Día da Paz, nin á semana de actividades contra o acoso escolar, nin a ningunha outra data sinalada. A filosofía e cultura da non violencia debe fomentarse no día a día.
Os nenos e nenas de 6º de primaria cántannos en lingua galega e de signos que a violencia non é unha opción, que sempre é a peor xogada.
Colaboremos na prevención, detección e intervención en calquera tipo de violencia. A tarefa é demasiado grande para levar a cabo só no fogar ou só na escola!

MOSAICOS INFANTÍS

 


Que fermoso traballo fixeron en educación infantil: mosaicos de cores e mosaicos de palabras.
Sabemos que o todo é moito máis que a suma das partes. Nun mosaico cada peza é distinta, unhas fermosas e outras non tanto. Tamén unhas palabras son máis agradables que outras.
Nun mosaico, como na vida, todas e cada unha das pezas, sexan como sexan, son importantes.

O RELOXO SINCOPADO

 


“O Reloxo Sincopado” é unha famosa peza de Leroy Anderson.
No vídeo vemos como o alumnado de 3º de primaria reproduce o seu alegre ritmo rebuldeiro con diferentes instrumentos.
Pulso, coordinación, estrutura musical… Son só algúns dos conceptos musicais que traballaron con esta peza. Por suposto, sen esquecernos das síncopas.
Canto traballo e canta beleza no tic tac dun reloxo!!!

COMO NACE A CIENCIA?

 


Grandes pensadores e pensadoras propuxeron diferentes pais e nais para a ciencia: a curiosidade, a experiencia, a imaxinación…
En 6º de primaria, sempre tan orixinais, atoparon unha nova proxenitora para o coñecemento científico: a preguiza.
Por que esforzarse tanto para inchar globos cando podes facelo empregando unha reacción química entre vinagre e bicarbonato de sodio? Razón non lles falta!
Podedes ver nas imaxes o proceso empregado no seu experimento, exemplo claro dunha boa aplicación do método científico.

mércores, 15 de abril de 2026

A vinganza

Imos ensinarvos unha canción que fixemos coa inspiración dun libro chamado A Señorita Bubble, un libro que lemos no club de lectura e que recomendamos moito.

Fixemos a canción con unhas campás e coa nosa voz. Foi un traballo moi divertido, esperemos que vos guste!

 


 

O NOSO PROXECTO SOBRE O LIBRO "A SEÑORITA BUBBLE"

Na clase de 5º fixemos uns poemas sobre este libro que tanto nos gustou, onde dúas irmás escapan do colexio para vingarse da Caniche e da Bulldog.

A partir deses poemas, fixemos unhas cancións que, en diferentes publicacións vos ensinaremos.

O noso grupo está formado por: Amber, Jorge e Lara F.

A nosa canción ten moito ritmo e dan ganas de bailala toda a tarde. Cando a escoitedes ides alucinar en cores (dende o noso punto de vista).

Os instrumentos que usamos foron: As campás que nos chegaron do Teatro Real de Madrid.

Esperamos que vos guste.


 

Lectores Bubble

Este poema / canción está feito por Anxo, Giulia e Catalina.

Ao principio custounos un pouco pero, pouco a pouco logramos rematalo. Usamos as campás de instrumento formando unha melodía para o poema / canción.

Gustounos moito o libro da Señorita Bubble. Recomendámolo.

Pasámolo xenial facendo este proxecto do libro que lemos.


 

O Flash Bubble.

Para este traballo tivemos que poñernos en grupos e crear unha canción dende cero. Fixemos a letra e a música nós sós.

Utilizamos para facer o fondo: campás, os pés e uns bolígrafos.

Nesta canción traballaron: Dylan, Lara Porto, Pablo e Aleix.

Para creala tivemos que buscar rimas coas cousas que pasaban no libro.

Gustounos o libro. Recomendámolo moito.

 

martes, 7 de abril de 2026

RetARTE: ABRIL


Novo reto para un novo mes!!!
Buscamos unha ceramista galega. A súa obra, de vibrante orixinalidade, lévanos a un mundo de soños cheo de tenrura e de imaxinación.
Xa sabedes de quen vos falo?