Amosando publicacións coa etiqueta Infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Infantil. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: LEO A

 


Cando temos un problema e non o damos solucionado, o seu é pedir axuda aos expertos e expertas.
Que podemos facer co problema das avespas velutinas? O avó e a avoa de Leo A, de educación infantil, ensinaron ao noso atento alumnado a preparar trampas para esas pequenas invasoras.
Moitas grazas pola visita e polos prácticos consellos!!!

mércores, 10 de xuño de 2026

PROXECTO MUNDO BICHOS

 


Xa existía, en educación infantil, unha enorme fascinación por tódolos bichos que pasan por Guláns. Pero agora, despois da visita de Miguel, do Proxecto Mundo Bichos, multiplicouse por 10.
O amable biólogo, que nos visitou o mércores pasado, non veu só. Trouxo cangrexos de bosque, tarántulas, escorpións, bolboretas varias, saltóns xigantes…
Tivo toda a sesión ao alumnado pendente de cada unha das súas palabras e iso, en educación infantil ten moito mérito!
A experiencia foi marabillosa. Poder ver e soster na man tan incribles criaturas, é algo que os nosos pequenos e pequenas nunca esquecerán.

venres, 22 de maio de 2026

ALERTA BICHOS!


En educación infantil continúan entusiasmados e entusiasmadas co seu último proxecto: os insectos.
Non hai bicho en Guláns que se escape á súa curiosidade nin á súa lupa. Por suposto, nin se lles pasa pola cabeza facerlles dano, pero talvez os estean angustiando un pouco con tanto amor… En fin, que os sufridos animaliños emigran buscando tranquilidade…
Os que viven a corpo de rei son os vermes de seda. Entre que non teñen demasiado movemento e que están a comer moreira fresquiña todo o día, cada vez están máis gordiños. Moitos deles xa empezaron a fiar o seu capullo de pura satisfacción.
Apaixonante o mundo animal e fascinante a aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas en contacto coa natureza.
Moi bo traballo!

mércores, 20 de maio de 2026

FEIRA DOS MINERAIS DE GULÁNS 2026

 


Do 8 ao 10 de maio celebrouse a Feira de Minerais de Guláns e, en educación infantil, que non deixan pasar ningunha ocasión para saír a coñecer mundo, decidiron visitala.
Observaron con curiosidade os 13 expositores de minerais, xemas, xoiería e mesmo fósiis. Fixeron moitas (moitas moitas) preguntas e regresaron ao colexio cunha aventura máis que contar.
Por certo, pórtanse tan ben que dá gusto ir eles e con elas a calquera sitio!!!

FAMILIAS NA ESCOLA: ELIOT E SAÚL

 


Como nos gusta que as familias nos presenten aos seus novos membros!
A nai de Eliot visitou educación infantil co pequeno Saúl, protagonista indiscutible da xornada. Cos seus ollos como pratos cheos de curiosidade escoitou á súa nai contar dous contos sen dicir nin mu. Parece moi moi moi tranquilo, pero quen sabe, ás veces as aparencias enganan… O que si temos claro é que pode aprender moitísimas cousas do seu superirmán maior.
Moitas grazas pola visita, os nenos e as nenas desfrutaron moitísimo con vós!!!

domingo, 3 de maio de 2026

SOÑA NA HORTA

 


Que importante é o contacto coa natureza en educación infantil!
Remata o mes de abril e chega o momento no que os mestres e mestras damos un paso atrás e deixamos ensinar a outros: á terra, á auga, ao sol…
É o momento de poñer en marcha a horta no Feliciano Barrera!

mércores, 29 de abril de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: LUCA

 


En educación infantil están moi emocionadas e emocionados cun dos seus novos proxectos: Insectos.
Como noutras ocasións, relatores expertos viñeron a visitarnos para ampliar os nosos coñecementos. A cuestión é que non viñeron sós. Trouxeron vermes de seda e deixáronnos unha chea en adopción responsable.
As aprendizaxes dos nenos e as nenas ao redor dos vermes de seda son practicamente infinitos. O compromiso adquirido para o seu coidado, o vocabulario necesario para clasificalos e describilos, a paciencia para poder observar a súa metamorfose…
Encántanos transmitir a idea de como uns seres tan pequeniños que parecen non facer máis que comer e tecer producen un dos materiais máis prezados e delicados do mundo.
Moitas GRAZAS, familia, polo voso tempo e por eses adorables bichiños!!!

PROXECTO COMPETENCIAL: O OBXECTO MÁXICO

 


Se queres deseñar unha actividade que triunfe en educación infantil tes dúas opcións que nunca fallan: as mesturas que se poden amasar (canto máis sucias e pegañentas mellor) e os elementos da natureza (pedras, paus, follas, bichos…)
“O Obxecto Máxico” une ambas. Unha mestura de fariña, sal, auga e colorante que enmarca follas secas ou pétalos de flores recollidos na contorna escolar.
O resultado: un amuleto protector que cada neno e cada nena pode conservar na súa casa para lembrar que as cousas máis simples son case sempre as máis fermosas.

venres, 24 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Durante a SEMANA ADICADA AO LIBRO na biblioteca de Leo León houbo moita actividade: Leváronse a cabo APADRIÑAMENTOS LECTORES con moitísimo éxito.

Os nenos e nenas compartiron libros  durante o tempo de lectura pero non so eso, tanto padriños como apadriñados intercambiaron cartas, manualidades e tarxetas  feitas con moito agarimo e que de seguro serán un gran recordo.



xoves, 23 de abril de 2026

OS LIBROS TESOURO DOS NENOS E NENAS DO FELICIANO BARRERA POLA SEMANA DO LIBRO

Non hai maior tesouro que un bo libro. Xa o saben moi ben tódolos nenos e nenas do noso cole.

Pensaron no seu libro tesouro, ese co que disfrutan moito e que lerían milleiros de veces, reproduciron a portada e escribiron os datos do autor e ilustrador. 

Quedáronlles uns libros tesouro de moito valor ata que… chegaron os piratas!

Eses piratas axudantes da biblio de Leo León percorreron as aulas co seu cofre en busca dos  tesouros pero… tranquilos! Leváronos a bo recaudo. Atópanse na nosa biblioteca, agora si, tódolos tesouros están baixo vixilancia do mellor gardián de biblioteca, Leo León.



PAPIROFLEXIA CANINA

 



Por desgraza, non nos referimos a figuras de papel feitas por cans e cadelas; senón a cans e cadelas feitas con papel.
É máis complicado do que parece! Os nenos e nenas de educación infantil poden explicárvolo estupendamente!
Observade como, na súa imaxinación, non son tan raros nin os cans verdes nin as cadelas azuis!
Que bo traballo, tanto para exercitar a motricidade fina como a capacidade de concentración e a percepción visual.

venres, 17 de abril de 2026

SESIÓN COMPARTIDA ENTRE O ALUMNADO DE 4º E O ALUMNADO DE INFANTIL


 Os nenos e nenas de infantil queren pescudar sobre insectos e tiveron a idea de preguntarlle ao alumnado de 4º de primaria.

Os maiores estiveron encantados de compartir os seus coñecementos cos compañeiros máis pequenos: explicaron datos, responderon preguntas e compartiron libros sobre insectos escollidos da nosa biblioteca.

Que bo momento pasaron todos, grandes e pequenos. Aprender así, dá gusto!


xoves, 16 de abril de 2026

MOSAICOS INFANTÍS

 


Que fermoso traballo fixeron en educación infantil: mosaicos de cores e mosaicos de palabras.
Sabemos que o todo é moito máis que a suma das partes. Nun mosaico cada peza é distinta, unhas fermosas e outras non tanto. Tamén unhas palabras son máis agradables que outras.
Nun mosaico, como na vida, todas e cada unha das pezas, sexan como sexan, son importantes.

sábado, 28 de marzo de 2026

LAND ART INFANTIL

 


O Land Art emprega elementos da natureza na creación das obras artísticas.
En educación infantil fan arte con follas secas, piñas, ramas, area… Son obras efémeras, un refacho de vento ou unhas pingas de choiva fanas desaparecer. Por iso mesmo son tan fermosas!
Un exemplo perfecto de como os procesos creativos poden ser, polo menos, tan importantes como os produtos.

mércores, 25 de marzo de 2026

ARTE MESOZOICA

 


Vese que os dinosauros de Guláns son máis fortes do normal e non se renden á extinción.
En educación infantil aínda podemos ver imaxes adornando portas e paredes co estilo colorido de Piet Mondrian. Uns cadros preciosos!
Tamén, detalle dunha das familias, os nenos e nenas decoraron dinosauros de pasta de modelar. Non sabedes o contentos e contentas que marcharon para casa o día que os levaron! Moitas grazas!!!

domingo, 22 de marzo de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTIÑO


Que mellor maneira de celebrar un aniversario no colexio que coa visita de papá e mamá? Martiño ten moi claro que non hai ningunha!
Cristal e Pedro seleccionaron, ademais, un conto marabilloso para os nenos e as nenas de infantil, “Vivan as uñas de cores!”. Preciosa historia de como podemos facer aquilo que nos gusta desafiando prexuízos e patróns de xénero que, por desgraza, aínda existen.
Como guinda para o pastel, todos os nenos e nenas que así o quixeron puideron pintarse as uñas das súas cores favoritas.
Moitas grazas, Cristal e Pedro, por visitarnos unha vez máis e regalar a educación infantil unha fermosa xornada!!!

domingo, 15 de marzo de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTINA

 


O xoves pasado celebramos en educación infantil o aniversario de Martina e fixémolo como máis nos gusta: con visita. A súa nai narrou un precioso conto, “O Unicornio Azul”. Trata, principalmente, da importancia da ilusión, a imaxinación e a autoestima nos nenos e nenas. Non podemos estar máis de acordo!
Moitas grazas, Beatriz, por visitarnos de novo!!!

venres, 13 de marzo de 2026

Semana da prensa

Esta semana traballamos con prensa en tódalas aulas. O alumnado traballou con xornais seleccionando noticias positivas, neutras e negativas desenvolvendo a sus comprensión e  espírito crítico. Ademáis inventaron titulares atendendo a mesma consigna: noticias positiva, negativas e neutras. 
Por último, engadimos un elemento lúdico xogando a verdadeiro ou falso coas noticias colgadas polos corredores do noso cole.








luns, 9 de marzo de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER CON DANIELA PIRATA


 Hoxe no cole, conmemoramos o 8M dun xeito moi especial. Empregamos un fío invisible que nos levaba dun obradoiro a outro. Comezamos cun conto cantado DANIELA PIRATA, logo fixemos unha búsqueda do tesouro, e tras el percorremos uns obradoiros moi curiosos para converternos en piratas: contruimos garfios, uns barcos de noces e outros de corchos, caretas e colaxes coas partes do barco. Foi unha xornada divertida na que participaron o alumnado de infantil e primeiro. Ti tamén podes ser PIRATA!
Bravo profe Neli!, precioso obradoiro para os cativos.









xoves, 5 de marzo de 2026

EXTINGUÍRONSE REALMENTE OS DINOSAUROS?

 


No Feliciano Barrera, concretamente en educación infantil, non se dan extinguido os dinosauros.
Como xa pasou noutras ocasións, os nenos e nenas non renuncian a un dos seus proxectos favoritos. Toda información parécelles pouca!
Aproveitando o tirón, o mestre e a mestra de educación infantil continúan enchendo o proxecto de máis e máis contido. Hoxe ensinámosvos unha das súas últimas manualidades.
Bo traballo!