sábado, 8 de novembro de 2025

FAMILIAS NA ESCOLA: LÍAN

 


Nesta ocasión o programa "Familias na Escola" sufriu unha pequena variación e converteuse en "Escolas na Familia". Explícovos:
O martes pasado todos os nenos e nenas de educación infantil foron de visita a casa de Lían. A súa nai tíñalles preparada unha marabillosa acollida.
Explicoulles como se preparan os altares de mortos tradicionais en México. Aquí pode parecer un tema difícil para estas idades, pero para nada, saíron encantados e encantadas! Viron as fotografías dos seres queridos e das súas mascotas, obxectos que os representaban, candeas e outras ofrendas.
Aínda por riba, tamén puideron degustar dous doces mexicanos típicos desta época do ano. 
Unha experiencia estupenda!
Moitas grazas á familia de Lían por organizala!!!

xoves, 6 de novembro de 2025

MARTES DE MUSEO

 


Como xa sabedes, o noso proxecto anual de centro ten que ver moito coas artes este curso. Tan pronto xorde a oportunidade, imos directos e directas ao museo!
O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria visitou o martes o Museo Provincial de Pontevedra. 
Os nenos e nenas do terceiro ciclo participaron na actividade "Museando. Descubrir a arte a través do xogo", unha variante do Quen é quen? na cal, no canto de adiviñar se falaban de Luis ou de Mercedes, tiñan que atopar respostas sobre pintura, escultura, relevo...
Pola súa banda, os nenos e nenas de segundo ciclo participaron en "Detectives da Arte", xogo no que a través de distintas pistas ao longo das salas do museo, entre todos e todas descobren a identidade do ladrón. 
Despois da visita, xa xuntos os catro cursos, pasáronse a ver a Praza de Abastos de Pontevedra.
Unha mañá moi ben aproveitada!!!


PLENO INFANTIL NO CONCELLO DE PONTEAREAS

 


Nova sesión preparatoria para o Pleno Infantil no Concello de Ponteareas.
A temática, sen dúbida, xera debate; pero resulta fundamental a día de hoxe: Os nosos dereitos dixitais.
Alumnos e alumnas propuxeron distintas medidas como, por exemplo, a construción dun cíber como espazo seguro de dixitalización ou a creación, por parte do Concello, de aplicacións educativas que non supoñan riscos para os cidadáns e cidadás.
O alumnado de 5º e 6º de primaria segue avanzando na reflexión e na capacidade de poñer palabras ás súas ideas e necesidades.
Parabéns!

mércores, 5 de novembro de 2025

AS EMOCIÓNS NAS ARTES


Hoxe temos o pracer de presentarvos o noso proxecto anual de centro: As Emocións nas Artes. 
Todos os programas do centro e moitas das achegas dos distintos equipos docentes virarán este curso ao redor deste ambicioso proxecto.
Biblioteca propoñerá unha emoción cada mes para a reflexión e a análise. En outubro foi o medo. En novembro... Se vedes o vídeo ata o final, saberédelo!
Os Proxectos de Inclusión Educativa e os de innovación, como Leo Lab e Art Lab, tamén se apoiarán nas artes para mellorar aspectos tan diversos como a convivencia, o benestar emocional ou a comprensión lectora. 
En fin, iniciamos un proxecto realmente emocionante (nunca mellor dito) que nos acompañará todo o curso. Esperamos que vós tamén o fagades.
Seguiremos informando!

RetArte. Novembro

 Chega Leo León cun novo reto para vós. Sabedes a resposta?

 

luns, 3 de novembro de 2025

VISITA A BOMBEIROS E POLICÍA

 


Este curso estreamos as excursións sabendo que o éxito sería absoluto. Bombeiros e policía nunca fallan!
Os nenos e nenas de infantil, primeiro e segundo de primaria visitaron en outubro as súas instalacións en Ponteareas.
Puideron ver e tocar (un pouquiño) as súas ferramentas de traballo, subirse ao camión, poñerse o traxe ingífugo, vixiar as cámaras de seguridade do pobo... Todo iso cun trato, por parte do persoal, que non puido ser máis paciente e cariñoso.
Que importante é que os nenos e nenas saiban que estas persoas están para axudarnos cando as necesitamos!
Volvemos ao colexio cunha chea de pequenos e pequenas dicindo: "Eu de maior quero ser bombeira! Eu de maior quero ser policía!"
Moitas grazas por recibirnos con tanto agarimo!

venres, 31 de outubro de 2025

OUTUBRO MES DO MEDO

Xa remata outubro e con el tamén pechamos as actividades adicadas ao medo neste mes. 

Despois de coñecer as obras de “O grito” e as gárgolas góticas, os nenos e nenas do cole puxéronse mans á obra e crearon monstros   terroríficos, escribiron sobre os seus propios medos e mesmo foron os protagonistas da pintura de O grito de Munch. 

A outubro dicímoslle adeus pero xa chega novembro, que obras de arte e que emocións nos achegará




FESTA DE OUTONO 2025


 

Temos tempo chuvioso, ventoso e desapracible... Ideal para a noite de Samaín!!!
Esta noite comezaba un novo ano para os antigos celtas. Crían que, por unhas horas, vivos e mortos habitaban un mesmo mundo. Quen sabe...
No colexio onte acabaron as festas de outono. Acabaron unhas semanas nas cales, ao redor do Samaín e do tradicional Magosto, construímos unha chea de aprendizaxes. Literatura, música, plástica... cunha emoción protagonista en todos os traballos: o medo.
Por suposto, en lingua inglesa e plástica bilingüe, os nenos e neas traballaron o vocabulario e as tradicións dunha festa prima irmá do Samaín: Halloween.
Por último, aproveitamos a ocasión para dar as grazas ás familias que onte se achegaron ao colexio para asar as castañas no noso Magosto. Grazas, grazas e grazas!!!

 

mércores, 29 de outubro de 2025

SAMAIN 2025

 Expositor de libros de medo listo para Samaín 2025

Que libro ten máis medo?





AS MOCHILAS VIAXEIRAS COMEZAN A ANDAINA

  Non hai mellor maneira de celebrar o día das BIBLIOTECAS ESCOLARES que recollendo as mochilas viaxeiras.

O 24 de outubro, para celebrar esta efeméride, reunímonos todo o cole na biblioteca con Leo León. Os axudantes da biblio presentáronnos este día tan importante, cantaron o rap das normas da biblioteca e repartieron as mochilas viaxeiras a cada grupo.

Agora tócanos disfrutar das lecturas e compartirlas coas nosas familias na casa.

Gocemos da lectura!



domingo, 26 de outubro de 2025

TDAH DE CERCA


Por se alguén non o ten aínda anotado na súa axenda, lembrámolo nós.
Paula Rodríguez; psicóloga experta en adolescencia, trastornos de conduta e outros ámbitos do desenvolvemento; ofrece mañá, 27 de outubro, unha charla formativa para familias no Feliciano Barrera. Grazas á ANPA San Xulián por organizala!
Fálase moito do Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade, pero coñécese pouco e compréndese menos. Se queredes información de primeira man, achegádevos mañá, ás 17:30, ao Feliciano Barrera!

 

sábado, 25 de outubro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS 2025

 


O 24 de outubro sempre é un día especial no Feliciano Barrera.
Celébrase o Día Internacional das Bibliotecas e todo o alumnado do centro reúnese na biblioteca de Leo León para lembrar as normas a ritmo de rap, para iniciar a primeira viaxe das mochilas viaxeiras, para orientar a novos usuarios e usuarias...
Os nenos e nenas de 6º de primaria estreáronse no seu primeiro acto oficial  como responsables de biblioteca. Non puideron facelo mellor!
Este curso gústanos especialmente o lema: "Contra a desinformación: bibliotecas". Aí estaremos, contribuíndo a fomentar o espírito crítico e a capacidade de distinguir a información veráz da que non o é. 

CIBERLIGA 2025

 


A semana pasada as nenas e os nenos de 5º e 6º de primaria puxeron a proba os seus coñecementos sobre ciberseguridade na V Edición da Ciberliga.
Tiñan todos os conceptos ben fresquiños despois das sesións formativas do programa Dixitalización sen Límites e notouse.
Non foron os máis rápidos e rápidas nas súas respostas, pero demostraron o máis importante: que teñen ben adquiridos e asentados os conceptos básicos para un uso seguro da internet.
Parabéns a todos e a todas!!!

venres, 24 de outubro de 2025

Festa de outono

Estade ben atentos e atentas, porque chega a festa de outono e temos cousiñas interesantes no cole ...

martes, 21 de outubro de 2025

DIXITALIZACIÓN SEN LÍMITES

 



O xoves pasado os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria tiveron a última das catro sesións do programa Dixitalización sen Límites.
Os contidos do programa son, a día de hoxe, imprescindibles para unha formación integral do alumnado: conceptos básicos sobre tecnoloxía; identidade dixital; ciberacoso; vantaxes e perigos da intelixencia artificial; creación de contidos con distintas aplicacións; vídeo chamadas seguras...
Con actividades así é máis fácil iniciarse no mundo dixital con garantías e seguridade.