sábado, 31 de xaneiro de 2026

PAZ 2026

 


No Feliciano Barrera celebramos o Día da Paz, unha vez máis, dando golpes. Non vos asustedes, que ten a súa explicación!
Da man do grupo Ecopercussion, que organiza obradoiros de percusión con materiais reciclados; deixámonos levar polo ritmo e a arte dos nosos guías para, todos e todas xuntas, crear música.
Como conseguen que 105 nenos e nenas toquen á vez e, por enriba, o pasen de marabilla? Pois con anos de experiencia e carretas de saber facer!
Fermoso final para unha semana na que as mensaxes de paz foron as grandes protagonistas: as pombas da paz dos máis pequenos e pequenas, os murais trilingües dxs maiores… Esperemos que as súas palabras cheguen lonxe porque, por desgraza, neste mundo fai falta aínda moita máis paz.

SEMANA DE TEATRO

 


Comezamos o ano, unha vez máis, gozando das xornadas de teatro organizadas pola FANPO (Federación de Anpas do Condado Paradanta e Louriña).
Nesta ocasión foron as compañías Caramuxo Teatro, coa súa “Crisálida” e Aurora Artes Escénicas, con “Maruxiña”; as que namoraron ao noso alumnado.
Grazas á FANPO por organizar esta semana que, sabémolo, tanto esforzo e dedicación esixe. Grazas tamén ao Concello de Ponteareas por colaborar e proporcionarnos o transporte ao auditorio.
Encántanos o teatro!!!

PRIMEIROS AUXILIOS

 


Este mes de xaneiro parte do noso profesorado participou nun curso intensivo sobre Soporte Vital Básico. A formación foi organizada por Tesgalicia (Asociación Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias de Galicia) en colaboración co Concello de Ponteareas.
Resultou unha xornada moi interesante que, aínda que esperamos non ter que poñer nunca en práctica, deunos información e confianza á hora de prestar primeiros auxilios e usar un desfibrilador. Moitas grazas!!!

DAMOS LUZ AO ENFADO

 


En plástica bilingüe os nenos e nenas non só aprenden inglés e distintas técnicas plásticas; tamén aprenden a nomear e colocar as emocións nos seus termos e no seu lugar.
Nesta ocasión tocou dar espazo a unha emoción un pouco desagradable, pero tan válida como as demais: a ira. Que fai que nos enfademos? Que nos axuda a volver á calma? Todo iso ilustrado con belas metáforas: o día pode estar chuvioso, nubrado, de tormenta, nevado… pero un pouco máis cedo ou un pouquiño máis tarde acaba saíndo o sol!

MÚSICA POLA PAZ

 


Como xa sabedes, a ANPA San Xulián organizou unha sesión formativa moi especial para este xoves, 29 de xaneiro, ás 16:30: Un obradoiro de EcoPercusión para familias. Podedes consultar a información no seu perfil ou no noso.
As persoas que vos animedes a asistir poderedes tocar con todo o alumnado o venres, 30 de xaneiro, ás 13:00h. De todos os xeitos, estades todos e todas convidados a desfrutar coa música en compañía da nosa familia educativa.
Esperámosvos!!!

PARECE QUE VAI FRÍO

 


Montes nevados, estradas cortadas, neve por baixo dos 400m…
Non quero criticar nin facer falsas acusacións pero… os nenos e nenas de educación infantil aprenderon a facer neve en decembro…
…Déixovos as conclusións…

xoves, 29 de xaneiro de 2026

Día da non violencia e da Paz

 O 30 de xaneiro conmemoramos o día da non violencia e a Paz. No expositor da biblioteca hai unha colección relacionada con este tema, para que os nenos e nenas poidan profundizar máis nel.




luns, 26 de xaneiro de 2026

CAIXAS MÁXICAS

As profesoras de LÓVA do curso pasado do IES do Barral trouxéronnos dúas caixas.
1. Unha caixa con campás que emiten son para facer a música da nosa ópera.
2. A segunda que nos trouxeron foi un maletín de ferramentas para preparar escenografía, iluminación ...

Estas caixas veñen directamente do Teatro Real de Madrid.

Sacarémoslle partido.

MOITAS GRAZAS!







 

domingo, 25 de xaneiro de 2026

TEMOS O TEMA DA NOSA ÓPERA!!!

Cada un dos integrantes de Un Cofre Cheo de Paixón Compañía de Ópera, trouxemos un obxecto importante para nós.
Explicamos cada un dos obxectos, como nos fan sentir e por que son importantes para nós. Con todo isto decidimos o tema para a nosa ópera, que explicado brevemente é:
Podo facer o que realmente quero, sempre que coide de min e dos demais.
Esperamos sacar a diante a nosa idea e presentárvola o curso que ven.

sábado, 24 de xaneiro de 2026

A MALETA DA COMPAÑÍA

Os nenos e nenas de quinto de primaria queremos ensinarvos a maleta da nosa compañía de ópera, Un cofre cheo de paixón!
Nela hai tarxetas de distintas actividades.
As vermellas: Retos
As amarelas: Metáforas
As azuis: Xogos.
Pouco a pouco imos enchendo a maleta coas tarxetas que están cheas de experiencias, aprendizaxe e diversión.

 

venres, 23 de xaneiro de 2026

XA TEMOS LOGO E NOME!

Os nenos e nenas de quinto de primaria estamos encantados de presentarvos a nosa compañía de ópera.

Estades preparados? ...


UN COFRE CHEO DE PAIXÓN COMPAÑÍA DE ÓPERA!


Custounos moito, propuxemos moitas ideas pero xa o temos.

Este é o noso logo:

 


xoves, 22 de xaneiro de 2026

EMOCIONANTE PROXECTO

 



Quen puidese entender a arte como os nenos e as nenas! As persoas adultas perseguimos a miúdo o sentido e a razón, e nesa procura perdémonos moitas cousas. Os máis pequenos e pequenas, pola contra, perciben con todo o corpo e confían na súa intuición.
Temos un claro exemplo diso no traballo dos nenos e as nenas de primeiro de primaria en Proxecto Competencial. Reproduciron a obra “Outono”, de Gustavo Torner, e propuxeron títulos alternativos. É esta unha obra moi abstracta que reflexiona sobre o ciclo vital e o paso do tempo. Demasiado complicada para nenos e nenas de 1º de primaria? Por suposto que non! Lede os títulos que puxeron ás súas réplicas e non teredes ningunha dúbida!




Visita do ilustrador Anxo Fariña


O próximo 2 de febreiro, o ilustrador Anxo Fariña visitará a nosa biblioteca e o alumnado recibirá unha clase maxistral sobre ilustración.
Na biblioteca contamos coa colección "Os Megatoxos", escrita e ilustrada por el.
Animádevos a ler esta estupenda colección!



 

mércores, 21 de xaneiro de 2026

TEATRO RADIOFÓNICO: O AVÓ MACHISTA

 


Publicamos ao fin o primeiro episodio da serie de teatro radiofónico made in Feliciano Barrera: O avó machista.
É unha obra 100% creada polo alumnado de 5º de primaria: desde o texto ata as ilustracións, desde a interpretación á edición.
Sobe o volume do teu dispositivo e goza da reivindicativa historia!!!

martes, 20 de xaneiro de 2026

ACTIVIDADE "O BOSQUE ATLÁNTICO"

 


O bosque atlántico é un dos máis diversos e ricos do planeta. Podemos atopalo en América do Sur e nalgunhas zonas de Europa como o norte de España, Portugal, Francia, Bélxica…
En Galicia aos bosques atlánticos chamámoslles fragas e temos algunhas que son marabillosas e mundialmente recoñecidas.
O venres pasado o alumnado de 5º e 6º de primaria asistiu a un Obradoiro de Educación Ambiental no que aprenderon a valorar a biodiversidade da nosa zona, que é impresionante. Tamén lles axudaron a recoñecer os beneficios das especies autóctonas respecto a especies invasoras.
O formato da actividade, que combinou exposición e xogo, resultou moi atractivo e ameno para todos e todas.
Moitas grazas pola visita!!!