domingo, 15 de marzo de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTINA

 


O xoves pasado celebramos en educación infantil o aniversario de Martina e fixémolo como máis nos gusta: con visita. A súa nai narrou un precioso conto, “O Unicornio Azul”. Trata, principalmente, da importancia da ilusión, a imaxinación e a autoestima nos nenos e nenas. Non podemos estar máis de acordo!
Moitas grazas, Beatriz, por visitarnos de novo!!!

RETALLOS DE SOÑOS

 


Os nenos e nenas de 1º de primaria continúan explorando o seu mundo emocional e a súa sensibilidade artística no Proxecto Competencial: Obras de Arte e Emocións.
A súa última obra emprega a técnica da colaxe. Distintos materiais, distintas palabras, distintas cores… tantos como nenos e nenas hai na clase.
O obxectivo: mostrar ao exterior o seu mundo interior.
O resultado: unhas imaxes moi fermosas que mostran unha vida interior rica, diversa e marabillosamente creativa.
Que gran traballo!!!

COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN OS BIOSBARDOS


5º e 6º de primaria seguen avanzando co Plan Proxecta: Protexe aos animais.
Nesta ocasión deixan atrás a teoría para pasar á acción. Organizaron unha recollida de alimentos, produtos de limpeza e outros artigos para a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos.
Podedes consultar a información no cartel que elas e eles mesmos deseñaron.
Grazas de antemán pola vosa colaboración!!!

venres, 13 de marzo de 2026

En marzo cada día, un momento de poesía

 O 21 de marzo, conmemórase o día da poesía, aínda así, imos aproveitar tódolos días de marzo para atopar un momentiño e ler poesía nas aulas.

Desde a biblioteca fixemos unha selección de libros de poesía, que propoñemos para a súa lectura libre, compartida...




Semana da prensa

Esta semana traballamos con prensa en tódalas aulas. O alumnado traballou con xornais seleccionando noticias positivas, neutras e negativas desenvolvendo a sus comprensión e  espírito crítico. Ademáis inventaron titulares atendendo a mesma consigna: noticias positiva, negativas e neutras. 
Por último, engadimos un elemento lúdico xogando a verdadeiro ou falso coas noticias colgadas polos corredores do noso cole.








luns, 9 de marzo de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER CON DANIELA PIRATA


 Hoxe no cole, conmemoramos o 8M dun xeito moi especial. Empregamos un fío invisible que nos levaba dun obradoiro a outro. Comezamos cun conto cantado DANIELA PIRATA, logo fixemos unha búsqueda do tesouro, e tras el percorremos uns obradoiros moi curiosos para converternos en piratas: contruimos garfios, uns barcos de noces e outros de corchos, caretas e colaxes coas partes do barco. Foi unha xornada divertida na que participaron o alumnado de infantil e primeiro. Ti tamén podes ser PIRATA!
Bravo profe Neli!, precioso obradoiro para os cativos.









xoves, 5 de marzo de 2026

EXTINGUÍRONSE REALMENTE OS DINOSAUROS?

 


No Feliciano Barrera, concretamente en educación infantil, non se dan extinguido os dinosauros.
Como xa pasou noutras ocasións, os nenos e nenas non renuncian a un dos seus proxectos favoritos. Toda información parécelles pouca!
Aproveitando o tirón, o mestre e a mestra de educación infantil continúan enchendo o proxecto de máis e máis contido. Hoxe ensinámosvos unha das súas últimas manualidades.
Bo traballo!

PROXECTOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA: LEO LAB


LEO LAB é unha das modalidades dos Proxectos de Innovación Educativa INNOVA LAB e este é o noso segundo curso consecutivo participando.
Hoxe comentámosvos algunhas das actividades que realizamos nos primeiros cursos da educación primaria. É o momento no que nos atopamos máis diversidade de competencia lectora e, por tanto, máis necesidade de deseñar actividades que se adapten a todo o alumnado.
Desde a construción das primeiras letras con paneis sensoriais e palabras con letras móbiles; ata a procura de información en pequenos textos ou a análise de cancións a medida que se van escoitando. Todos e todas avanzan nunha das prioridades establecidas na nosa escola: a comprensión lectora.
Finalizamos cun fragmento da canción “Móvete”, de Paco Nogueiras, traballada nunha das aulas, e que recolle moi ben como entendemos o proceso:
“Pasos pequenos pasos grandes, todo é camiñar
aparto as pedras do camiño
porque se queres aquí estou, comigo has de contar
sempre terás a un amigo”.

mércores, 4 de marzo de 2026

LINGUAXE MUSICAL EN EDUCACIÓN INFANTIL

 


Poden os nenos e nenas de educación infantil aprender linguaxe musical? Rotundamente: SI.
Como xa vos imaxinaredes, non os poñemos diante dunha partitura e falámoslles de brancas, negras e corcheas. Empregamos ferramentas máis adaptadas ao seu nivel de desenvolvemento e aos seus intereses.
No vídeo podedes ver o traballo que fan cun músicograma, que é unha representación dunha obra musical con cores e formas simples.
Tamén vos mostramos como “len” unha canción asociando notas musicais e cores.
Subide o volume dos vosos dispositivos e escoitade aos máis pequenos e pequenas do colexio!

Asomámonos a unha clase de música

 Este pequeno video móstranos aos nenos e nenas de 1º de primaria, dirixidos pola profe Neli, unha composición con 3 notas DO, MI, SOL. 

Respírase moita paz.



Día Internacional da Muller

 O expositor da biblioteca do cole xa anuncia unha data tan importante como o é o día internacional da muller que se conmemora o 8 de marzo. Hai grandes figuras femininas que merecen ser recoñecidas entre o noso alumnado, salientando as pioneiras galegas que abriron camiño, figuras importantes nas que o noso alumnado poderán atopar inspiración.



Club de lectura "Os Leóns lectores" de 4º de primaria.

 O NENO DE LUME Que farán unha caixa de mistos, unha estación meteorolóxica e unha tarta red velvet xunto a unha cheminea? Pois os nenos e nenas de cuarto de primaria sábeno moi ben porque son os elementos fundamentáis do libro de Ledicia Costas, O NENO DE LUME. Aínda que se achega a primavera, o club de lectura Os leóns lectores decidiron crear unha cheminea para resumir a historia tan fermosa que conta o libro.







martes, 3 de marzo de 2026

Club de lectura de 3º de primaria "A liga dos libronautas"

 Os nenos e nenas de 3º de primaria, formaron o club de lectura chamado "A liga dos libronautas". 

O libro lido por eles foi  "Vampira de biblioteca" de Ledicia Costas. Este libro narra a historia de Eleonora, unha nena vampira vegana que non bebe sangue senón tinta. Encántanlle os libros. Cada noite, vai á biblioteca para gozar das historias deles e coidar dos libros. Ao final descubren que só quería ler e ser feliz.

Para rematar esta actividade confeccionaron uns lindos pasaportes.






luns, 2 de marzo de 2026

CARTAS DE AMOR

 


Hai canto tempo que non recibides unha carta? Refírome a unha carta persoal, non ás do banco ou á propaganda electoral.
E fai canto que non escribides unha?
Supoño que bastantes anos, e é unha mágoa!
Unha carta manuscrita é hoxe en día un tesouro. Pódese gardar nun cofre, pódese esconder se é que contén algún secreto... Onde se atesoura un correo electrónico?
En fin… cóntovos:
Os nenos e nenas de 5º de primaria escribiron cartas ás súas nais e pais. Os seus momentos favoritos, os seus recordos, os seus sentimentos…
Hai uns días leron as respostas e o momento foi máxico. Moitas bágoas, moitos ollos brillantes, moitas voces trémulas…
Non todos nin todas quixeron compartir o contido das súas cartas co grupo e ninguén lles pediu que o fixeran. Son súas, gardaranas sempre, xa sexa no seu agocho segredo ou no seu corazón.
Moitas grazas, familias, por participar!!! Escribistes unhas palabras realmente fermosas.

Club de lectura "Cans lectores" de 6º de primaria.

1ª actividade do club de lectura "Cans lectores". 

Nel, o alumnado comparte os momentos máis divertidos do libro "Curriño", de Ledicia Costas.

Pronto volverán con máis actividades.