martes, 2 de maio de 2023

XORNADA DE ATLETISMO

O xoves pasado 4º e 5º de Primaria foron ao IFEVI, en Vigo, a gozar dunha nova xornada de deporte escolar.

Cando pensamos en atletismo adoitamos pensar en carreiras, xa sexan de velocidade, de resistencia ou de obstáculos; pero o atletismo inclúe moitas outras disciplinas. Por exemplo, as relacionadas con saltos e lanzamentos. 

O noso alumnado, concretamente, participou en probas de velocidade, resistencia e carreiras de relevos. Tamén puxeron a proba súa habilidade cos lanzamentos de peso e xavelina e co salto de lonxitude. 

As competicións, sempre cun ambiente moi san e deportivo, disputáronas con outros cinco colexios da nosa contorna. Unha oportunidade máis de fomentar a convivencia e por suposto, a actividade deportiva.









MEL DE GALICIA

O pasado xoves recibimos no colexio unha doce visita. Un curso máis, Mel de Galicia enviounos a unha persoa experta para explicarnos o proceso de elaboración do mel. Terminada a charla, os nenos e nenas de primeiro de primaria quedaron completamente convencidos e convencidas de que, tanto a abella raiña, como as abellas obreiras e os abellóns son importantes para a natureza e, polo tanto, para tod@s nós. 

Grazas pola visita!





Día contra o acoso escolar

 O día 2 de maio conmemórase o Día Internacional contra o Acoso Escolar. Para a ocasión, decidimos retomar o concurso de carteis que expomos o curso pasado, no que o cartel debía conter un consello ou mensaxe para aqueles ou aquelas que sufrían acoso escolar. 

Este curso poñemos o foco nos chamados “observadores”, nenos ou nenas que, sen levar a cabo ningunha conduta de acoso, son testemuñas delas. Para decorar o seu cartel deben completar a frase “Contra o acoso escolar eu podo…” 

A idea é concienciar da necesidade de informar a unha persoa adulta cando vexamos condutas de acoso, xa sexa a un profesor ou profesora ou alguén da súa familia; é tamén ter unha actitude activa ante este tipo de inxustizas.

Necesitamos todas as miradas para combater o acoso!



domingo, 30 de abril de 2023

Espectro Autista

 Hoxe é o último dia do mes de abril, mes que dedicamos no Feliciano Barrera á visibilización do amplo e complexo TEA  (Trastorno do Espectro Autista) Este curso cada aula, ao seu ritmo e co nivel de complexidade adecuado, explorou a biografía de distintas personalidades con autismo e as súas importantes achegas á sociedade. Desde Mozart ata  Greta Thungberg, pasando por Albert Einstein… O mundo das artes, das ciencias e, en xeral, calquera ámbito da actividade humana; viuse enriquecido en gran medida por persoas que se poden incluir dentro do espectro autista.







mércores, 26 de abril de 2023

MÁIS DEPORTE ESCOLAR

 O xoves pasado o alumnado de 5º e 6º de Primaria visitou o CEIP Infante Felipe, de Salvaterra, para gozar dunha nova xornada de deporte escolar. Nesta ocasión, tiveron a oportunidade de mostrar as súas habilidades en hóckey e baloncesto. 

Como sempre, a organización da actividade foi impecable, do mesmo xeito que o comportamento de todo o alumnado, tanto o noso como o do Infante Felipe. Por certo, moitas grazas por recibirnos sempre tan ben!



DE VOLTA Á HORTA

Xa asoman os primeiros amorodos na horta de primeiro de primaria e, con eles,  a ilusión de novos froitos. Todos e todas falan con orgullo das leitugas que plantaron. De súpeto, o que máis lles apetece comer é unha ensalada! (Aproveitade a ocasión, familias)

Todos os días regan, miden, observan e aprenden unha chea de conceptos. Especialmente, están aprendendo que todas as plantas medran con auga, sol e moita paciencia. 

Iremos informando dos seus avances.








martes, 25 de abril de 2023

DÍA DE EXCURSIÓN

Gran día para Educación Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria! Hoxe gozaron dunha excursión das de sempre; das que empezan a noite anterior porque non poden durmir cos nervios e das que terminan antes de chegar, cando lles vence o soño ese ratiño na viaxe de volta. 

Comezaron a mañá no Museo de Pontevedra aprendendo unha chea de cousas sobre a Prehistoria e outras épocas da historia. Despois, parada na zona vella para xantar. Camiñando, camiñando chegaron á Illa da Esculturas, con parada obrigatoria, por suposto, no parque infantil. Case sen darse conta chegou a hora para comer e é que, polo visto, aprender e xogar en Pontevedra dálles moita fame. Últimos momentos de exploración: cos seus amigos e amigas buscan as esculturas escondidas pola illa. Toda unha aventura! Soben no autobús, pechan os olliños… Ata mañá!









domingo, 23 de abril de 2023

SEMANA DA CIENCIA



 FEIRA DAS CIENCIAS:

O alumnado de sexto de primaria explicou pola mañá na biblioteca do cole aos seus compañeiros de infantil e primaria o que pola tarde expoñerían  a todo aquel que pasou polo seu stands en Ponteareas.

 O seu proxecto trataba sobre cine e incluía:

- Historía do cine (falaron de Charles Chaplin, Hollywood, Hermanos de Lumiere,…). Ensinaron un zootropo (feito por eles) e un praxinoscopio.

- Stop Motion (ensinaron os diferentes tipos de Stop Motion e como nas aulas do cole se leva a cabo este traballo para gravar diferentes curtos de animación. Os alumnos de 6º  levaron un exemplo con bonecos de plastilina)

- Efectos especiais (aplicaciones para incorporar efectos coa tablet, traumapatopo, cine en 3D, holograma)

- Chroma (explicaron e demostraron como se empregaba, Carmen de infantil e Lara de 2º foron ata Cancún, a alcaldesa transformouse en meteoróloga,…)

FIXERONO TODOS  DE MARABILLA!



xoves, 20 de abril de 2023

Proxecto Pito 1

 En primeiro de primaria comeza un novo proxecto: as aves. Como sempre, comezaron nomeando aquilo que xa saben seguro; por exemplo, que as aves teñen peteiro, plumas e que nacen dun ovo. Bo comezo! 

A continuación acordaron aquilo que queren saber. Concretamente, interésalles se as aves fan pis, se teñen embigo e como é que escoitan se ninguén lles viu orellas… En fin… Non cuestionemos a súa curiosidade científica…

Por último, unha gran SORPRESA: a profe Alba trouxo unha incubadora e 24 ovos. Agora quedan 21 longos días esperando a que nazan os pitiños. Non imaxinades a ilusión que teñen!








martes, 18 de abril de 2023

A función de nutrición

 Os alumnos e alumnas de 5º de primaria traballaron duramente para mostrarvos que acontece no noso corpo cando comemos, que aparatos interveñen, para que serve e por que é necesario comer saudablemente. Ademais aportan uns consellos para levar unha vida sa


domingo, 16 de abril de 2023

VII Semana das ciencias en Ponteareas

 


Esta semana próxima celebrarase en Ponteareas a VII semana das Ciencias. 

Ao longo da semana haberá moitas actividades e o venres o noso alumnado de 6º de Primaria estará nun estand mostrando o seu proxecto.

Animámosvos a achegarvos cos nenos e nenas ás distintas actividades.