xoves, 20 de abril de 2023

Proxecto Pito 1

 En primeiro de primaria comeza un novo proxecto: as aves. Como sempre, comezaron nomeando aquilo que xa saben seguro; por exemplo, que as aves teñen peteiro, plumas e que nacen dun ovo. Bo comezo! 

A continuación acordaron aquilo que queren saber. Concretamente, interésalles se as aves fan pis, se teñen embigo e como é que escoitan se ninguén lles viu orellas… En fin… Non cuestionemos a súa curiosidade científica…

Por último, unha gran SORPRESA: a profe Alba trouxo unha incubadora e 24 ovos. Agora quedan 21 longos días esperando a que nazan os pitiños. Non imaxinades a ilusión que teñen!








martes, 18 de abril de 2023

A función de nutrición

 Os alumnos e alumnas de 5º de primaria traballaron duramente para mostrarvos que acontece no noso corpo cando comemos, que aparatos interveñen, para que serve e por que é necesario comer saudablemente. Ademais aportan uns consellos para levar unha vida sa


domingo, 16 de abril de 2023

VII Semana das ciencias en Ponteareas

 


Esta semana próxima celebrarase en Ponteareas a VII semana das Ciencias. 

Ao longo da semana haberá moitas actividades e o venres o noso alumnado de 6º de Primaria estará nun estand mostrando o seu proxecto.

Animámosvos a achegarvos cos nenos e nenas ás distintas actividades. 





venres, 31 de marzo de 2023

PAKOLAS, COMO MOLAS

Despois de todo un longo trimestre de traballo mereciámosnos un pouco de festa e vaia se a tivemos! Cantamos, bailamos e gozamos como ananos co noso novo rockeiro/guitarreiro favorito: Paco Cerdeira, máis coñecido como  Pakolas. 

Como sempre que organizamos un evento deste tipo, non podemos esquecer ás persoas que o fan posible. Grazas ao Centro Cultural de Guláns por cedernos o seu estupendo salón de actos e, por suposto, grazas ao ANPA San Xulián por contribuír tanto co financiamento do espectáculo. Repetimos: non sería posible sen a vosa axuda. 

Feliz fin de trimestre para todas e todos. O 11 de abril volveremos coas pilas ben cargadas!







domingo, 26 de marzo de 2023

Recital de poesía a cargo dos axudantes da biblioteca

 Para celebrar o día da poesía, os axudantes da biblioteca deron un recital de poesía. Todos os alumnos de primaria asistiron á biblioteca e se relaxaron escoitando unha chea de bonitas poesías

DÍA DA POESÍA


Para celebrar o día da poesía, o mellor, a semana da poesía, fixemos unha exposición na biblioteca de libros de poesía de moitos autores coñecidos polos nosos alumnos. Ademais ao levar libros de poesía para lelo na casa levaban no seu pasaporte unha estrela de agasallo.

mércores, 15 de marzo de 2023

domingo, 12 de marzo de 2023

8 de marzo, Día da Muller: "As sensombreiro"

 En 4º de primaria quixemos facer unha pequena homenaxe a un grupo de mulleres que foron silenciadas e esquecidas chegando a ser invisibles para moita xente. Elas formaban parte da famosa xeración do 27, escritoras, reporteiras, escultoras, pintoras e un longo etc, que foron recoñecidas polo seu gran traballo moitos anos despois.



Leo León goza moito da compañia dos nenos de infantil

 As nenas e nenos de educación infantil, visitan todas as semanas a biblioteca e a Leo León. Todos xuntos gozan moito alí. Xogan, ven contos, se relaxan e experimentan todos xuntos dunha chea de experiencias marabillosas.




venres, 10 de marzo de 2023

BÁDMINTON

 Nova xornada de Deporte Escolar no Feliciano Barrera. Os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria foron ao Complexo Deportivo Álvaro Pino para participar nas xornadas de bádminton. Unha gran oportunidade para afondar na técnica e regulamento deste bonito deporte. 

Como sempre, volveron ao cole encantados e encantadas coa experiencia. Grazas a todas e todos os que organizades estas actividades!






martes, 7 de marzo de 2023

Proxecto sobre a enerxía en 4º de primaria

 Os nenos e nenas de 4º de primaria remataron un proxecto sobre a enerxía. Aprenderon as diferentes fontes de enerxía e as súas diversas clasificacións: primarias, secundarias e útiles, renovables e non renovables, convencionais e non convencionais.

 Ademais investigaron sobre as diferentes formas de obter enerxía eléctrica, desde o seu proceso de produción ata o consumo nas nosas casas. Coñeceron as centrais hidroeléctricas, térmicas, nucleares, parque eólico, parque solar...

Ademais comprenderon como se transporta a enerxÍa eléctrica e unha cousa bastante cercana a eles: o almacenamento da enerxía: pilas e baterías, xa que non se poden almacenar grandes cantidades de enerxía , só pequenas.

E por último, aprenderon como se consume a enerxía, onde e que podemos facer para realizar un consumo responsable.

Para demostrar todo o que aprenderon tiveron dúas misións.

Na primeira montaron unha bateria, unha turbina, un aeroxerador e unha casa solar.

Na segunda e máis divertida montaron un coche vela, un coche solar e un coche globo. Pasámolo moi moi ben. E aprendimos moito. Lástima que os nosos coches solares non poideran moverse debido á falta de sol. 

Este proxecto levámolo a cabo grazas a Endesa educa dixital, que nos proporcionou todo o material.








xoves, 2 de marzo de 2023

VISIÓN E APRENDIZAXE

O martes visitounos unha optometrista da clínica Boavisión, de Vigo, cun dobre obxectivo: Por unha banda, informar ao alumnado de quinto e sexto de primaria do que deben facer para coidar a súa visión, especialmente en todo o relacionado co uso de pantallas. Por outro, formar ao profesorado acerca da estreita relación que se dá entre a visión e a aprendizaxe, facendo fincapé naqueles movementos, posturas ou actitudes que poden indicar un problema de visión nos nenos e nenas. Resultou moi interesante. Grazas a Boavisión por vir visitarnos!





mércores, 1 de marzo de 2023

Nova Xornada de Portas Abertas

 Como sabemos que algunhas persoas non puideron acudir ás nosas anteriores xornadas de portas abertas decidimos ofrecer unha nova data. O vindeiro martes 7 de marzo, ás catro da tarde, estaremos de novo encantadas e encantados de ensinarvos o centro, contarnos en que consiste o noso proxecto educativo e responder a todas as vosas dúbidas e inquietudes. Como en anteriores ocasións, tamén estarán representantes do ANPA para ofrecervos a visión que teñen do colexio as propias familias do alumnado. Animádevos a visitarnos!