martes, 7 de abril de 2026

RetARTE: ABRIL


Novo reto para un novo mes!!!
Buscamos unha ceramista galega. A súa obra, de vibrante orixinalidade, lévanos a un mundo de soños cheo de tenrura e de imaxinación.
Xa sabedes de quen vos falo?

sábado, 28 de marzo de 2026

CRUZ VERMELLA NA ESCOLA: O IDADISMO

 


O xoves pasado, todo o alumnado do centro, dividido en quendas ao longo da mañá, asistiu a un interesante obradoiro impartido por persoal de Cruz Vermella.
Nunha primeira parte explicaron a nenos e nenas en que consiste Cruz Vermella, que servizos ofrece e a que persoas, quen pode ser voluntario e voluntaria…
Na segunda parte trataron o tema principal da actividade: o idadismo. Este concepto engloba todos aqueles estereotipos, prexuízos e formas de discriminación baseadas na idade.
A sesión foi moi práctica. Nenos e nenas; empregando diferentes recursos como pesos, luvas ou lentes específicas para a actividade; sentiron nos seus propios corpos a sensación de pesadez, de rixidez nas articulacións, de dexeneración visual… que case sempre a idade avanzada trae consigo. Un marabilloso exercicio de empatía!
Pero a actividade non se centrou soamente nas limitacións de anciáns e anciás, senón en todo aquilo que poden facer, como deporte adaptado ás súas capacidades e, si, tamén, utilizar con autonomía as novas tecnoloxías. Como exemplo, o alumnado participou nunha vídeo chamada con Antonio, que lles demostrou sobradamente que ser unha persoa maior non implica non usar eficazmente as novas tecnoloxías en vida cotiá.
Moitas grazas a Cruz Vermella pola vosa visita. Desmontastes moitos prexuízos no Feliciano Barrera!!!

MENTES NOVAS, IDEAS NOVAS

 


Onte o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu a visita dunha das dinamizadoras do grupo Mentes Novas.
Mentes Novas é un grupo de participación infantil e adolescente de Ponteareas. É unha canle fundamental para recoller as opinións e inquietudes dos máis novos e novas e darlles voz nas decisións que afectan á vida na nosa vila.
Agora teñen claro que é Mentes Novas, quen pode participar, que actividades organizan…
Tamén tiveron a oportunidade de participar nunha asemblea e propoñer melloras para espazos comúns, como A Freixa ou o Parque das Pombas.
Moitas grazas pola visita e pola vosa labor! Valoramos moito que o noso alumnado teña acceso a espazos de reflexión, creación e diálogo como os que propoñedes.

LAND ART INFANTIL

 


O Land Art emprega elementos da natureza na creación das obras artísticas.
En educación infantil fan arte con follas secas, piñas, ramas, area… Son obras efémeras, un refacho de vento ou unhas pingas de choiva fanas desaparecer. Por iso mesmo son tan fermosas!
Un exemplo perfecto de como os procesos creativos poden ser, polo menos, tan importantes como os produtos.

MÁIS ALÓ DA LECTURA

 


A lectura é unha das aprendizaxes máis complexas e fascinantes que se desenvolven ao longo da infancia.
Desde a relación entre letras e sons ata a comprensión de textos completos hai todo un mundo por descubrir.
No Feliciano Barrera entendemos a comprensión lectora como unha habilidade para a vida, máis que unha habilidade académica. Por iso traballamos con materiais reais que podemos necesitar en contextos cotiáns: folletos de supermercado, horarios dun cine, mapas…
Ler e comprender o que se le non é suficiente no contexto actual. A información debe ser procesada, analizada… Non é o mesmo un feito que unha opinión e a intención do autor ou a autora non sempre é clara. É tan boa como parece esa oferta? É este videoxogo adecuado para a miña idade? Chego ao cine se collo este autobús?
Ás capacidades de ler e comprender é necesario engadir as de reflexionar e cuestionar para que o proceso lector sexa completo!

mércores, 25 de marzo de 2026

A AUGA É VIDA


O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria visitou este martes a ETAP e a EDAR, ambas as en Ponteareas.
Se estes nomes non vos din nada seguro que os nenos e nenas saberíanvolo aclarar moi ben: a ETAP é a Estación de Tratamento de Auga Potable e a EDAR é a Estación Depuradora de Augas Residuais.
Estes conceptos e moitos outros explicóunolos marabillosamente o amable persoal das estacións. Chegamos ao colexio sabendo moito máis sobre a importancia da auga, da súa limpeza, do seu coidado… Un paso adiante no desenvolvemento dunha maior conciencia medioambiental. Moitas grazas!!!
Tamén queremos agradecer ao Concello de Ponteareas a programación e financiamento da actividade. Esperamos poder seguir coñecendo máis segredos da nosa vila!

ARTS: OUR FAVORITE WOMEN

 


Por fin chegou a primavera e, con ela, abríronse camiño nos corredores do colexio unhas flores moi especiais. Son comprensivas, son alegres, son divertidas, son fortes… e representan as mulleres que o noso alumnado considera máis importantes na súa vida. Teñen a sorte de poder contar con elas!
A súa pequena homenaxe!

ARTE MESOZOICA

 


Vese que os dinosauros de Guláns son máis fortes do normal e non se renden á extinción.
En educación infantil aínda podemos ver imaxes adornando portas e paredes co estilo colorido de Piet Mondrian. Uns cadros preciosos!
Tamén, detalle dunha das familias, os nenos e nenas decoraron dinosauros de pasta de modelar. Non sabedes o contentos e contentas que marcharon para casa o día que os levaron! Moitas grazas!!!

MARZO: MES DA EMPATÍA E AMIZADE

 No último mes do trimestre na biblioteca de Leo León traballamos arredor da empatía e amizade. Observamos obras clásicas como "Os xogadores de cartas" de Cézanne, e obras máis contemporáneas como "O abrazo" de Genovés, ademáis tamén incluímos a película "Do Revés" (Inside Out) de Disney como exemplo de amizade e entendemento das emocións.

Por outro lado, como marzo é o mes adicado a poesía o alumnado que se achegaba á biblioteca puido crear pareados coas emocións traballadas este mes: empatía e amizade, ademáis de crear a súa propia Illa da amizade, reflexionar sobre diversas emocións e crear de xeito artístico un símbolo que represente un abrazado.

Rematado o mes remata tamén o trimestre. Esperaremos a abril para seguir navegando por outras emocións e obras de arte. Seguiremos informando!




domingo, 22 de marzo de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTIÑO


Que mellor maneira de celebrar un aniversario no colexio que coa visita de papá e mamá? Martiño ten moi claro que non hai ningunha!
Cristal e Pedro seleccionaron, ademais, un conto marabilloso para os nenos e as nenas de infantil, “Vivan as uñas de cores!”. Preciosa historia de como podemos facer aquilo que nos gusta desafiando prexuízos e patróns de xénero que, por desgraza, aínda existen.
Como guinda para o pastel, todos os nenos e nenas que así o quixeron puideron pintarse as uñas das súas cores favoritas.
Moitas grazas, Cristal e Pedro, por visitarnos unha vez máis e regalar a educación infantil unha fermosa xornada!!!

14 DE MARZO: DÍA DO NÚMERO PI

 


Seguro que moitos de vós non o sabiades (como eu ata fai cinco minutos) pero é certo: o número PI ten o seu propio día no calendario, o 14 de marzo.
En 6º de primaria aproveitaron a ocasión para descubrir e analizar o misterioso 3,1416 etc, etc, etc. Como? Nada de lapis, papel e complicados cálculos esta vez!
Con aros, cordas, xices e cintas métricas transformaron o patio cuberto nun laboratorio matemático e comprobaron como dividindo o perímetro dun círculo entre o seu diámetro sempre, sempre, sempre nos vai a dar 3,1416 e todos os decimais que queiramos engadirlle.
Experiencias sinxelas para comprender conceptos complexos. Bo traballo!!!

HENRI MATISSE LOVERS

 


Hai artistas que conectan moi ben co público infantil e coa súa forma de percibir o mundo. Henri Matisse é un deles.
Pintor vangardista onde os haxa, reivindicou a liberación da cor e a simplificación da forma como sinais de identidade propias.
As súas cores expresan emocións intensas. As súas obras son un canto á alegría, ao optimismo, á liberdade, á espontaneidade… Así queremos que sexa o mundo para os nenos e nenas!
Nas clases de plástica bilingüe todo o alumnado de primaria participou individual e colectivamente na nosa pequena homenaxe ao artista.
Os corredores do colexio son pura cor e alegría. Que mellor forma de esperar a primavera!

domingo, 15 de marzo de 2026

GUAAAUUUU!

 


Non hai mellor maneira de expresalo!
Onte visitáronnos Iris e Mónica, dúas voluntarias da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos. Con elas trouxeron á indiscutible protagonista do día, Lola, unha marabillosa cadeliña que, por certo, ESTÁ EN ADOPCIÓN e non pode ser máis adorable.
Iris e Mónica explicaron ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha chea de conceptos relacionados coa súa experiencia diaria: cales adoitan ser as causas do abandono de animais (causas, non xustificacións, que non existen!); a importancia da esterilización, especialmente no control de colonias de gatos; o lector de chip e as súas funcións…
Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa visita, pero tamén polo seu inmenso labor no coidado e protección dos animais. As tarefas do voluntariado de Os Biosbardos son innumerables: alimentación; hixiene de animais e dos espazos que ocupan; desprazamentos á clínica veterinaria ou a casas de acollida; recollida de animais sen fogar; control da medicación cando a necesitan; eventos para conseguir financiamento; organización de quendas e paseos; educación e socialización… Seguro que deixo algunha atrás. De novo: GRAZAS!!! Déixovos en ligazón á súa páxina web: protectoraosbiosbardos.org
Tamén temos que agradecer á nosa familia educativa todas as súas doazóns para a Asociación. Durante tres días recollemos innumerables achegas. MOITAS GRAZAS a todos e a todas!
Podemos dicir con orgullo que o Feliciano Barrera é un colexio amigo dos animais!

FAMILIAS NA ESCOLA: MARTINA

 


O xoves pasado celebramos en educación infantil o aniversario de Martina e fixémolo como máis nos gusta: con visita. A súa nai narrou un precioso conto, “O Unicornio Azul”. Trata, principalmente, da importancia da ilusión, a imaxinación e a autoestima nos nenos e nenas. Non podemos estar máis de acordo!
Moitas grazas, Beatriz, por visitarnos de novo!!!

RETALLOS DE SOÑOS

 


Os nenos e nenas de 1º de primaria continúan explorando o seu mundo emocional e a súa sensibilidade artística no Proxecto Competencial: Obras de Arte e Emocións.
A súa última obra emprega a técnica da colaxe. Distintos materiais, distintas palabras, distintas cores… tantos como nenos e nenas hai na clase.
O obxectivo: mostrar ao exterior o seu mundo interior.
O resultado: unhas imaxes moi fermosas que mostran unha vida interior rica, diversa e marabillosamente creativa.
Que gran traballo!!!

COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN OS BIOSBARDOS


5º e 6º de primaria seguen avanzando co Plan Proxecta: Protexe aos animais.
Nesta ocasión deixan atrás a teoría para pasar á acción. Organizaron unha recollida de alimentos, produtos de limpeza e outros artigos para a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos.
Podedes consultar a información no cartel que elas e eles mesmos deseñaron.
Grazas de antemán pola vosa colaboración!!!

venres, 13 de marzo de 2026

En marzo cada día, un momento de poesía

 O 21 de marzo, conmemórase o día da poesía, aínda así, imos aproveitar tódolos días de marzo para atopar un momentiño e ler poesía nas aulas.

Desde a biblioteca fixemos unha selección de libros de poesía, que propoñemos para a súa lectura libre, compartida...




Semana da prensa

Esta semana traballamos con prensa en tódalas aulas. O alumnado traballou con xornais seleccionando noticias positivas, neutras e negativas desenvolvendo a sus comprensión e  espírito crítico. Ademáis inventaron titulares atendendo a mesma consigna: noticias positiva, negativas e neutras. 
Por último, engadimos un elemento lúdico xogando a verdadeiro ou falso coas noticias colgadas polos corredores do noso cole.








luns, 9 de marzo de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER CON DANIELA PIRATA


 Hoxe no cole, conmemoramos o 8M dun xeito moi especial. Empregamos un fío invisible que nos levaba dun obradoiro a outro. Comezamos cun conto cantado DANIELA PIRATA, logo fixemos unha búsqueda do tesouro, e tras el percorremos uns obradoiros moi curiosos para converternos en piratas: contruimos garfios, uns barcos de noces e outros de corchos, caretas e colaxes coas partes do barco. Foi unha xornada divertida na que participaron o alumnado de infantil e primeiro. Ti tamén podes ser PIRATA!
Bravo profe Neli!, precioso obradoiro para os cativos.









xoves, 5 de marzo de 2026

EXTINGUÍRONSE REALMENTE OS DINOSAUROS?

 


No Feliciano Barrera, concretamente en educación infantil, non se dan extinguido os dinosauros.
Como xa pasou noutras ocasións, os nenos e nenas non renuncian a un dos seus proxectos favoritos. Toda información parécelles pouca!
Aproveitando o tirón, o mestre e a mestra de educación infantil continúan enchendo o proxecto de máis e máis contido. Hoxe ensinámosvos unha das súas últimas manualidades.
Bo traballo!

PROXECTOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA: LEO LAB


LEO LAB é unha das modalidades dos Proxectos de Innovación Educativa INNOVA LAB e este é o noso segundo curso consecutivo participando.
Hoxe comentámosvos algunhas das actividades que realizamos nos primeiros cursos da educación primaria. É o momento no que nos atopamos máis diversidade de competencia lectora e, por tanto, máis necesidade de deseñar actividades que se adapten a todo o alumnado.
Desde a construción das primeiras letras con paneis sensoriais e palabras con letras móbiles; ata a procura de información en pequenos textos ou a análise de cancións a medida que se van escoitando. Todos e todas avanzan nunha das prioridades establecidas na nosa escola: a comprensión lectora.
Finalizamos cun fragmento da canción “Móvete”, de Paco Nogueiras, traballada nunha das aulas, e que recolle moi ben como entendemos o proceso:
“Pasos pequenos pasos grandes, todo é camiñar
aparto as pedras do camiño
porque se queres aquí estou, comigo has de contar
sempre terás a un amigo”.

mércores, 4 de marzo de 2026

LINGUAXE MUSICAL EN EDUCACIÓN INFANTIL

 


Poden os nenos e nenas de educación infantil aprender linguaxe musical? Rotundamente: SI.
Como xa vos imaxinaredes, non os poñemos diante dunha partitura e falámoslles de brancas, negras e corcheas. Empregamos ferramentas máis adaptadas ao seu nivel de desenvolvemento e aos seus intereses.
No vídeo podedes ver o traballo que fan cun músicograma, que é unha representación dunha obra musical con cores e formas simples.
Tamén vos mostramos como “len” unha canción asociando notas musicais e cores.
Subide o volume dos vosos dispositivos e escoitade aos máis pequenos e pequenas do colexio!

Asomámonos a unha clase de música

 Este pequeno video móstranos aos nenos e nenas de 1º de primaria, dirixidos pola profe Neli, unha composición con 3 notas DO, MI, SOL. 

Respírase moita paz.



Día Internacional da Muller

 O expositor da biblioteca do cole xa anuncia unha data tan importante como o é o día internacional da muller que se conmemora o 8 de marzo. Hai grandes figuras femininas que merecen ser recoñecidas entre o noso alumnado, salientando as pioneiras galegas que abriron camiño, figuras importantes nas que o noso alumnado poderán atopar inspiración.



Club de lectura "Os Leóns lectores" de 4º de primaria.

 O NENO DE LUME Que farán unha caixa de mistos, unha estación meteorolóxica e unha tarta red velvet xunto a unha cheminea? Pois os nenos e nenas de cuarto de primaria sábeno moi ben porque son os elementos fundamentáis do libro de Ledicia Costas, O NENO DE LUME. Aínda que se achega a primavera, o club de lectura Os leóns lectores decidiron crear unha cheminea para resumir a historia tan fermosa que conta o libro.







martes, 3 de marzo de 2026

Club de lectura de 3º de primaria "A liga dos libronautas"

 Os nenos e nenas de 3º de primaria, formaron o club de lectura chamado "A liga dos libronautas". 

O libro lido por eles foi  "Vampira de biblioteca" de Ledicia Costas. Este libro narra a historia de Eleonora, unha nena vampira vegana que non bebe sangue senón tinta. Encántanlle os libros. Cada noite, vai á biblioteca para gozar das historias deles e coidar dos libros. Ao final descubren que só quería ler e ser feliz.

Para rematar esta actividade confeccionaron uns lindos pasaportes.






luns, 2 de marzo de 2026

CARTAS DE AMOR

 


Hai canto tempo que non recibides unha carta? Refírome a unha carta persoal, non ás do banco ou á propaganda electoral.
E fai canto que non escribides unha?
Supoño que bastantes anos, e é unha mágoa!
Unha carta manuscrita é hoxe en día un tesouro. Pódese gardar nun cofre, pódese esconder se é que contén algún secreto... Onde se atesoura un correo electrónico?
En fin… cóntovos:
Os nenos e nenas de 5º de primaria escribiron cartas ás súas nais e pais. Os seus momentos favoritos, os seus recordos, os seus sentimentos…
Hai uns días leron as respostas e o momento foi máxico. Moitas bágoas, moitos ollos brillantes, moitas voces trémulas…
Non todos nin todas quixeron compartir o contido das súas cartas co grupo e ninguén lles pediu que o fixeran. Son súas, gardaranas sempre, xa sexa no seu agocho segredo ou no seu corazón.
Moitas grazas, familias, por participar!!! Escribistes unhas palabras realmente fermosas.

Club de lectura "Cans lectores" de 6º de primaria.

1ª actividade do club de lectura "Cans lectores". 

Nel, o alumnado comparte os momentos máis divertidos do libro "Curriño", de Ledicia Costas.

Pronto volverán con máis actividades. 


 

sábado, 28 de febreiro de 2026

XOGADE: BÁDMINTON


 

Onte, venres 27 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º primaria asistiu a unha das súas datas favoritas de deporte escolar: a xornada de bádminton no Pavillón Álvaro Pino.
Organízaa o Club Bádminton Ponteareas e impártea Víctor que, como sempre, foi exemplar con todos os nenos e nenas; tanto cos do noso centro coma cos do CEIP Antonio Blanco, de Covelo, que tamén asistiron á xornada.
Ademais de aprender os fundamentos e regulamento básico do bádminton, os nenos e nenas participaron nun torneo clasificatorio para unha segunda fase, que se celebrará o 28 de marzo. Aproveito para dar os parabéns aos clasificados e clasificadas: Amber, Karina, Giulia, Dylan, Jorge e Enzo. Bo traballo!
Por último, agradecer ao Club Bádminton Ponteareas esta cita anual. Non faltaremos!

venres, 27 de febreiro de 2026

FEBREIRO: MES DA GRATITUDE E O AMOR

 Gratitude e amor foron as emocións as que lle dedicamos o mes de febreiro no proxecto de emocionarte. Desde a biblioteca, Leo León propúxonios as obras de Gustav Klimt do bico e da maternidade. Tamén vimos as obras con corazóns do artista estadounidense Keith Haring.

O alumnado puido crea corazóns con grafismo creativo, traballar a expresión escrita basándose na pintura de Klimt e incluso montar un crebacabezas co cuadro do bico.

Agora adentrarémonos no mes de marzo para traballar a empatía e a amizade. Imos aló






xoves, 26 de febreiro de 2026

RETARTE: MARZO

 


Avanza o curso e aumenta a dificultade no noso divertido proxecto de investigación sobre artistas galegas.
Este novo mes buscamos a unha muller que compón empregando anacos de cerámica, pratos e mesmo vidro reciclado.
Quen será? No cartel tedes algunhas pistas máis para descubrir á artista e, por suposto, a súa fermosa obra.

mércores, 25 de febreiro de 2026

PARA A HABANA!

 


Esta semana conmemoramos no Feliciano Barrera o nacemento da nosa poetisa máis internacional de todos os tempos: Rosalía de Castro.
As instrucións para a actividade que hoxe vos presento non podían ser máis sinxelas: lemos con atención o poema “Para a Habana!” e decoramos a ilustración segundo as emocións e sentimentos que nos transmita. O resultado á vista está!
Para sentir a poesía de Rosalía de Castro non fai falta saber onde está A Habana, nin analizar como a pobreza extrema propiciou masivos movementos migratorios… Nenos e nenas sen eses coñecementos representaron con grises, azuis e mares de bágoas a soidade e a nostalxia sempre tan presentes na obra da autora.
Bo traballo!

martes, 24 de febreiro de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR

 


Os nenos e as nenas de 6º asumiron unha responsabilidade máis no colexio, coma se tivesen poucas! Aceptaron ser padriños e madriñas lectoras do alumnado de infantil.
O certo é que se tomaron a súa labor moi en serio e fixeron un gran traballo de fomento da lectura.
Na selección de contos foron ao seguro con 4 clásicos cos que fallar resultaba imposible: Cocorico, Corre Corre Cabaciña, A Princesa do Caurel e Paco Papán.
Ademais de contar os contos con graza e entusiasmo, elaboraron murais, maquillaron aos pequenos e pequenas caracterizados das súas personaxes favoritas e impartiron un obradoiro de máscaras.
Parabéns, rapaces e rapazas, por un marabilloso traballo!
En educación infantil esperan con impaciencia a próxima actividade!!!

O MOVEMENTO INFANTIL


O desenvolvemento psicomotor na educación infantil é inseparable das demais áreas do desenvolvemento.
Todo (en serio, todo) apréndese a través do movemento e do propio corpo.
Con cada carreira, con cada salto, con cada caída tamén… descobren o mundo, as súas propias posibilidades e fortalecen pernas e autoestima.
O movemento dos nenos e nenas non necesita inhibición, necesita guía!
Xa sexa en exterior ou en interior (frecuente nesta época, por desgraza) o alumnado de educación infantil non para!!! 

luns, 23 de febreiro de 2026

CONMEMORACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 O 23 de febreiro conmemoramos o nacemento da poetisa máis ilustre das nosas letras, Rosalía De Castro.

Os nenos e nenas de Feliciano Barrera recitaron poemas da autora na biblioteca durante o recreo. 

Nos días anteriores, elaborouse un retrato de Rosalía entre tódolos grupos do cole e quedou  un resultado moi artístico.




xoves, 19 de febreiro de 2026

SEXTO INFORMA DE NOVO


 

Volve o mellor xornalismo! Se queredes información veraz atopastes aos mellores xornalistas!
Este curso sexto de primaria engade dúas novidades ás súas tarefas informativas: só boas noticias e presentacións en directo a todo o alumnado.
Un gran traballo!
Por certo, non vos chivedes pero, coa noticia do lince ibérico, estes nenos e nenas conseguiron emocionar a máis dun e a máis de unha!

ENTROIDO 2026: E TI DE QUEN VÉS SENDO?



Entre 105 nenos e nenas e 17 adultos que circulamos a cotío polo Feliciano Barrera, podemos dicir que vimos sendo dunha chea de xente! E que sigamos así!
Este ano o noso Entroido tivo uns protagonistas excepcionais: os avós e as avoas! Unha gran exposición de fotos e os disfraces de todo o alumnado demostrárono sen dúbida algunha. 
Como di a canción: "Avoas, todas, todas son divinas" (e avós tamén, non teñades celos)
Grazas a todas e a todos os que, pese a que chuvia non deu tregua, decidistes poñer boa cara e compartir un almorzo e un baile con nós!

 

FAMILIAS NA ESCOLA: BRENAN E ARTAI

 


Visitounos unha nai que é toda unha veterana nisto das actividades escolares.
Nesta ocasión, mesmo se animou cunha xornada múltiple.
En educación infantil contou dous contos que encantaron a todos os nenos e nenas.
En 4º de primaria, que están a estudar o aparello locomotor, fixo unha amena exposición sobre hixiene postural e a súa importancia para manter sans os nosos músculos e ósos. Que sorte poder contar cunha profesional como ela para traballar estes contidos!
Como sempre, Isa, un pracer!!! Moitas grazas por compartir o teu tempo connosco!!!

luns, 9 de febreiro de 2026

MANDADIÑOS DE LEO LEÓN: MARTES


“O martes continuamos.
Atende e non te esquezas!
Tes que vir ao colexio
con algo posto na cabeza”
Leo León Poeta

venres, 6 de febreiro de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: JULIETA E MARTINA


En educación infantil seguen emocionados e emocionadas cos dinosauros.
Toda información parécelles pouca, polo que convidaron a dúas expertas no tema para aclarar algunhas cousiñas:
Como se pode saber que comían?
A que dedicaban o seu tempo libre?
… e outras mil curiosidades máis…
Moitas grazas á mamá de Martina e á mamá de Julieta por formar parte deste proxecto e compartir o voso tempo connosco!!!
Aproveitamos para lembrar que as nosas portas sempre están abertas para actividades coas familias.

MANDADIÑOS DE LEO LEÓN: LUNS


Como vén sendo tradición
os mandadiños de Entroido
son cousa de Leo León:

“O luns comeza o Entroido
Que ninguén ande despistado!
Temos que ir ao colexio
con algo no pescozo colgado”

xoves, 5 de febreiro de 2026

DINOSAUROS

 


Desde a era Mesozoica, na que paseaban tranquilamente polo planeta, ata hoxe (que xa non pasean, por desgraza): en educación infantil SEMPRE triunfarán os dinosauros.
Non importa cando propoñas o proxecto, nin a que grupo; cos máis pequenos e pequenas o éxito está asegurado!
Nesas estamos agora polas aulas de educación infantil, gozando da vida entre triceratops e velociraptors. Moito máis estes días que, como por encantamento, un mini mundo xurásico apareceu nas clases.
Preguntádelles aos nenos e ás nenas, se non mo creedes!

RETARTE FEBREIRO

 


Xa temos circulando o novo reto deste mes.
Coñecedes á artista e ilustradora de Salceda de Caselas da que falamos? Se non é así, convídovos a investigar as súas famosas collages.
Un estilo moi característico para unha marabillosa obra chea de significado.
Tédelo?

mércores, 4 de febreiro de 2026

ENTROIDO... LOADING...


 

Este ano presentamos un Entroido moi especial. Sen esquecernos de que é tempo de festa, risas e parodia; queremos facer unha chiscadela a persoas adorables e adoradas na nosa familia educativa: os avós e as avoas.
Veñen a buscarnos, preparan os bocadillos, lévannos á piscina, traen a muda cando caemos nun charco, déixannos facer un pouquiño… e tantas cousas máis. Se queres agradecelas ven a celebrar o Entroido connosco o venres, 13 de febreiro, ás 11:15h.
Podes disfrazarte de avó ou de avoa se queres unirte á nosa homenaxe. Tamén podes poñer un pantalón curto, coller unha buxaina e volver á infancia no patio do colexio!
Agardámosvos!!!

martes, 3 de febreiro de 2026

Novidades na biblioteca de Leo León



 Chegaron fermosas novidades á biblioteca de Leo León                                                    

 Xa temos na nosa biblioteca libros sobre arte e diferentes artistas para apoiar o noso proxecto anual de Centro: Arte e emocións. Ademáis poderemos desfrutar de libros sobre o entroido, de teatro, de poesía e libros de información varia que tanto lles gustan ao noso alumnado.







XANEIRO: MES DO ENFADO E A IRA

 Xa rematou o mes de xaneiro e con el o mes no que traballamos o enfado e a ira. Traballámolas a través de catro obras: o David de Bernini (escultura), Os fusilamentos do tres de maio de Goya, o Guernica de Picasso e  a pistola anudada de Reuterswärd.

O noso alumnado ademais de coñecer as obras, traballou a emoción da ira, as expresións corporais e faciais e o autocoñecemento a través do pensamento.

Agora, ao comenzar o mes de febreiro presentamos unhas novas emocións: o amor e a gratitude. Imos aló!







luns, 2 de febreiro de 2026

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN


Hoxe a biblioteca de Leo León recibiu unha visita excepcional: o coñecido escritor e ilustrador Anxo Fariña.
En tres quendas establecidas ao longo da mañá ensinou a todos os nenos e nenas do colexio, desde 4º de infantil ata 6º de primaria, algúns dos segredos da súa profesión. Creación de personaxes, rostros máis expresivos a través dos ollos e da boca… Realmente inspirador!!!
Conta que ilustrou o seu primeiro libro con tan só 11 anos. Hoxe, grazas a el, tivemos no Feliciano Barrera ilustradoras e ilustradores aínda máis novos.
Grazas por todo, Anxo!!! Gardaremos as túas dedicatorias e consellos como ouro en pano!!!

FAMILIAS NA ESCOLA: ELIOT

 


Como nos gusta que as familias do colexio acheguédesvos a celebrar os aniversarios connosco!
Non hai máis que ver as súas cariñas para darse conta do importante que é para eles e para elas.
Moitas grazas á nai de Eliot por achegarse! Sabemos moi ben que non é nada fácil atopar o momento!

domingo, 1 de febreiro de 2026

TEATRO RADIOFÓNICO: A PANTASMA


Chega o esperado segundo episodio da nosa serie de teatro radiofónico: “A pantasma”
O alumnado de 6º de primaria creou o guión, os efectos de son e a ilustración desta obra de xénero difuso, por dicilo así.
Terror ou comedia? Subide o volume dos vosos dispositivos e decidídeo vós!
 

sábado, 31 de xaneiro de 2026

PAZ 2026

 


No Feliciano Barrera celebramos o Día da Paz, unha vez máis, dando golpes. Non vos asustedes, que ten a súa explicación!
Da man do grupo Ecopercussion, que organiza obradoiros de percusión con materiais reciclados; deixámonos levar polo ritmo e a arte dos nosos guías para, todos e todas xuntas, crear música.
Como conseguen que 105 nenos e nenas toquen á vez e, por enriba, o pasen de marabilla? Pois con anos de experiencia e carretas de saber facer!
Fermoso final para unha semana na que as mensaxes de paz foron as grandes protagonistas: as pombas da paz dos máis pequenos e pequenas, os murais trilingües dxs maiores… Esperemos que as súas palabras cheguen lonxe porque, por desgraza, neste mundo fai falta aínda moita máis paz.

SEMANA DE TEATRO

 


Comezamos o ano, unha vez máis, gozando das xornadas de teatro organizadas pola FANPO (Federación de Anpas do Condado Paradanta e Louriña).
Nesta ocasión foron as compañías Caramuxo Teatro, coa súa “Crisálida” e Aurora Artes Escénicas, con “Maruxiña”; as que namoraron ao noso alumnado.
Grazas á FANPO por organizar esta semana que, sabémolo, tanto esforzo e dedicación esixe. Grazas tamén ao Concello de Ponteareas por colaborar e proporcionarnos o transporte ao auditorio.
Encántanos o teatro!!!