venres, 31 de outubro de 2025

OUTUBRO MES DO MEDO

Xa remata outubro e con el tamén pechamos as actividades adicadas ao medo neste mes. 

Despois de coñecer as obras de “O grito” e as gárgolas góticas, os nenos e nenas do cole puxéronse mans á obra e crearon monstros   terroríficos, escribiron sobre os seus propios medos e mesmo foron os protagonistas da pintura de O grito de Munch. 

A outubro dicímoslle adeus pero xa chega novembro, que obras de arte e que emocións nos achegará




FESTA DE OUTONO 2025


 

Temos tempo chuvioso, ventoso e desapracible... Ideal para a noite de Samaín!!!
Esta noite comezaba un novo ano para os antigos celtas. Crían que, por unhas horas, vivos e mortos habitaban un mesmo mundo. Quen sabe...
No colexio onte acabaron as festas de outono. Acabaron unhas semanas nas cales, ao redor do Samaín e do tradicional Magosto, construímos unha chea de aprendizaxes. Literatura, música, plástica... cunha emoción protagonista en todos os traballos: o medo.
Por suposto, en lingua inglesa e plástica bilingüe, os nenos e neas traballaron o vocabulario e as tradicións dunha festa prima irmá do Samaín: Halloween.
Por último, aproveitamos a ocasión para dar as grazas ás familias que onte se achegaron ao colexio para asar as castañas no noso Magosto. Grazas, grazas e grazas!!!

 

mércores, 29 de outubro de 2025

SAMAIN 2025

 Expositor de libros de medo listo para Samaín 2025

Que libro ten máis medo?





AS MOCHILAS VIAXEIRAS COMEZAN A ANDAINA

  Non hai mellor maneira de celebrar o día das BIBLIOTECAS ESCOLARES que recollendo as mochilas viaxeiras.

O 24 de outubro, para celebrar esta efeméride, reunímonos todo o cole na biblioteca con Leo León. Os axudantes da biblio presentáronnos este día tan importante, cantaron o rap das normas da biblioteca e repartieron as mochilas viaxeiras a cada grupo.

Agora tócanos disfrutar das lecturas e compartirlas coas nosas familias na casa.

Gocemos da lectura!



domingo, 26 de outubro de 2025

TDAH DE CERCA


Por se alguén non o ten aínda anotado na súa axenda, lembrámolo nós.
Paula Rodríguez; psicóloga experta en adolescencia, trastornos de conduta e outros ámbitos do desenvolvemento; ofrece mañá, 27 de outubro, unha charla formativa para familias no Feliciano Barrera. Grazas á ANPA San Xulián por organizala!
Fálase moito do Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade, pero coñécese pouco e compréndese menos. Se queredes información de primeira man, achegádevos mañá, ás 17:30, ao Feliciano Barrera!

 

sábado, 25 de outubro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS 2025

 


O 24 de outubro sempre é un día especial no Feliciano Barrera.
Celébrase o Día Internacional das Bibliotecas e todo o alumnado do centro reúnese na biblioteca de Leo León para lembrar as normas a ritmo de rap, para iniciar a primeira viaxe das mochilas viaxeiras, para orientar a novos usuarios e usuarias...
Os nenos e nenas de 6º de primaria estreáronse no seu primeiro acto oficial  como responsables de biblioteca. Non puideron facelo mellor!
Este curso gústanos especialmente o lema: "Contra a desinformación: bibliotecas". Aí estaremos, contribuíndo a fomentar o espírito crítico e a capacidade de distinguir a información veráz da que non o é. 

CIBERLIGA 2025

 


A semana pasada as nenas e os nenos de 5º e 6º de primaria puxeron a proba os seus coñecementos sobre ciberseguridade na V Edición da Ciberliga.
Tiñan todos os conceptos ben fresquiños despois das sesións formativas do programa Dixitalización sen Límites e notouse.
Non foron os máis rápidos e rápidas nas súas respostas, pero demostraron o máis importante: que teñen ben adquiridos e asentados os conceptos básicos para un uso seguro da internet.
Parabéns a todos e a todas!!!

venres, 24 de outubro de 2025

Festa de outono

Estade ben atentos e atentas, porque chega a festa de outono e temos cousiñas interesantes no cole ...

martes, 21 de outubro de 2025

DIXITALIZACIÓN SEN LÍMITES

 



O xoves pasado os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria tiveron a última das catro sesións do programa Dixitalización sen Límites.
Os contidos do programa son, a día de hoxe, imprescindibles para unha formación integral do alumnado: conceptos básicos sobre tecnoloxía; identidade dixital; ciberacoso; vantaxes e perigos da intelixencia artificial; creación de contidos con distintas aplicacións; vídeo chamadas seguras...
Con actividades así é máis fácil iniciarse no mundo dixital con garantías e seguridade. 

domingo, 19 de outubro de 2025

CROS ZONAL 2025

 


Nesta primeira xornada de Deporte Escolar os nosos leóns e leoas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria mostraron a súa cara máis guerreira. E é que a ocasión o esixía!!! 500m para o alumnado de segundo ciclo e 1000m para @s maiores.
Sumados á distancia van os nervios, o medo a caer ou a non terminar o percorrido, o cansazo despois de semanas de adestramento... Sobran os motivos para felicitar a todos e a todas @s participantes!
Como sempre, todo o alumnado e profesorado do centro estivo alí para animar, arroupar e valorar o esforzo. Unha xornada de convivencia na que o comportamento sempre destaca pola súa exemplaridade.
Grazas á asociación ADECONPAR por organizar un ano máis estes dous días de DEPORTE; así, con maiúsculas!
Grazas tamén a todos e a todas @s que vos achegastes o xoves e/ou o venres á Avisoureira a compartir connosco un dos nosos días favoritos do curso escolar.
Por último, unha mención especial @s medallistas do ano:
Xián e Alejandra, de 3º de primaria.
Aleix, Jorge, Dylan e Lara P, de 5º de primaria.
Martín, de 6º de primaria.
Moitas felicidades!!!

mércores, 15 de outubro de 2025

MODO SAMAÍN ON





As primeiras cabazas, as primeiras pantasmas... Luces nas clases apagadas mentres nenos e nenas escoitan con atención historias de medo... Que ocorre?

Evidentemente, achénganse as Festas de Outono no Feliciano Barrera e, con elas, o Samaín.

En educación infantil, tan orixinais como sempre, crearon un novo concepto: a gastronomía monstruosa. Con froitas, hortalizas, pan e algunha que outra lambetada; crearon monstros comestibles que aínda non decidiron se dan máis medo, máis fame ou máis risa.

Tamén nos encantan os simpáticos seres que pintaron coa divertidísima técnica do soprado.

Seguiremos informando!!!

martes, 7 de outubro de 2025

EMOCIÓNATE COA ARTE OUTUBRO, o mes do medo



Na biblio de Leo León iremos descubriendo cada mes unha emoción diferente relacionándoas con diferentes obras de arte.

 Teremos que ler,  observar e sentir.

Arrancamos o mes de outubro co MEDO e coas obras do grito de Munch e as gárgolas góticas da Catedral de Norte Dame en París.

Relacionado con esto, os nenos e nenas levan a cabo actividades para expresar a emoción do medo e para coñecer as obras propostas.

O produto final é colaborativo e darase por rematado ao final de mes coa aportación de tódalas actividades.














mércores, 1 de outubro de 2025