luns, 26 de xaneiro de 2026

CAIXAS MÁXICAS

As profesoras de LÓVA do curso pasado do IES do Barral trouxéronnos dúas caixas.
1. Unha caixa con campás que emiten son para facer a música da nosa ópera.
2. A segunda que nos trouxeron foi un maletín de ferramentas para preparar escenografía, iluminación ...

Estas caixas veñen directamente do Teatro Real de Madrid.

Sacarémoslle partido.

MOITAS GRAZAS!







 

domingo, 25 de xaneiro de 2026

TEMOS O TEMA DA NOSA ÓPERA!!!

Cada un dos integrantes de Un Cofre Cheo de Paixón Compañía de Ópera, trouxemos un obxecto importante para nós.
Explicamos cada un dos obxectos, como nos fan sentir e por que son importantes para nós. Con todo isto decidimos o tema para a nosa ópera, que explicado brevemente é:
Podo facer o que realmente quero, sempre que coide de min e dos demais.
Esperamos sacar a diante a nosa idea e presentárvola o curso que ven.

sábado, 24 de xaneiro de 2026

A MALETA DA COMPAÑÍA

Os nenos e nenas de quinto de primaria queremos ensinarvos a maleta da nosa compañía de ópera, Un cofre cheo de paixón!
Nela hai tarxetas de distintas actividades.
As vermellas: Retos
As amarelas: Metáforas
As azuis: Xogos.
Pouco a pouco imos enchendo a maleta coas tarxetas que están cheas de experiencias, aprendizaxe e diversión.

 

venres, 23 de xaneiro de 2026

XA TEMOS LOGO E NOME!

Os nenos e nenas de quinto de primaria estamos encantados de presentarvos a nosa compañía de ópera.

Estades preparados? ...


UN COFRE CHEO DE PAIXÓN COMPAÑÍA DE ÓPERA!


Custounos moito, propuxemos moitas ideas pero xa o temos.

Este é o noso logo:

 


xoves, 22 de xaneiro de 2026

EMOCIONANTE PROXECTO

 



Quen puidese entender a arte como os nenos e as nenas! As persoas adultas perseguimos a miúdo o sentido e a razón, e nesa procura perdémonos moitas cousas. Os máis pequenos e pequenas, pola contra, perciben con todo o corpo e confían na súa intuición.
Temos un claro exemplo diso no traballo dos nenos e as nenas de primeiro de primaria en Proxecto Competencial. Reproduciron a obra “Outono”, de Gustavo Torner, e propuxeron títulos alternativos. É esta unha obra moi abstracta que reflexiona sobre o ciclo vital e o paso do tempo. Demasiado complicada para nenos e nenas de 1º de primaria? Por suposto que non! Lede os títulos que puxeron ás súas réplicas e non teredes ningunha dúbida!




Visita do ilustrador Anxo Fariña


O próximo 2 de febreiro, o ilustrador Anxo Fariña visitará a nosa biblioteca e o alumnado recibirá unha clase maxistral sobre ilustración.
Na biblioteca contamos coa colección "Os Megatoxos", escrita e ilustrada por el.
Animádevos a ler esta estupenda colección!



 

mércores, 21 de xaneiro de 2026

TEATRO RADIOFÓNICO: O AVÓ MACHISTA

 


Publicamos ao fin o primeiro episodio da serie de teatro radiofónico made in Feliciano Barrera: O avó machista.
É unha obra 100% creada polo alumnado de 5º de primaria: desde o texto ata as ilustracións, desde a interpretación á edición.
Sobe o volume do teu dispositivo e goza da reivindicativa historia!!!

martes, 20 de xaneiro de 2026

ACTIVIDADE "O BOSQUE ATLÁNTICO"

 


O bosque atlántico é un dos máis diversos e ricos do planeta. Podemos atopalo en América do Sur e nalgunhas zonas de Europa como o norte de España, Portugal, Francia, Bélxica…
En Galicia aos bosques atlánticos chamámoslles fragas e temos algunhas que son marabillosas e mundialmente recoñecidas.
O venres pasado o alumnado de 5º e 6º de primaria asistiu a un Obradoiro de Educación Ambiental no que aprenderon a valorar a biodiversidade da nosa zona, que é impresionante. Tamén lles axudaron a recoñecer os beneficios das especies autóctonas respecto a especies invasoras.
O formato da actividade, que combinou exposición e xogo, resultou moi atractivo e ameno para todos e todas.
Moitas grazas pola visita!!!

sábado, 17 de xaneiro de 2026

A FROITA MOLA UN MONTÓN


Despois de compartir convosco a nostalxia e o amor con “A aldea vella”, poema gañador do XXII Concurso de Poesía Anomar, cambiamos totalmente de rexistro.
O poema de Catalina, finalista no mesmo concurso, é unha divertida e fresca homenaxe ao día a día de moitos dos nosos nenos e nenas: merenda e deberes!
Non vos conto máis, convídovos a escoitar a Catalina recitando a súa obra!

venres, 16 de xaneiro de 2026

MALETA MARIÑEIRA

 


Despois dun mes navegando polas clases de 5º e 6º de primaria despediuse de nós a maleta mariñeira.
Foi un préstamo do CEIDA (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga). Contiña un mar de libros con información rica e variada sobre todo o relacionado co mar: fauna, fondos mariños, contaminación das augas…
Partiu a novas terras e atracará en novos portos pero, mentres estivo connosco, regalounos marabillosos momentos de lectura entre bancos de peixes e arrecifes de coral. Moitas grazas a O CEIDA por prestárnola todo este tempo!!!

FAMILIAS NA ESCOLA: ALEIX


Os nenos e nenas de 5º de primaria avanzan no seu proxecto de diversidade lingüística coa axuda das súas familias .
En decembro coñeceron, coa nai de Giulia, o melódico e doce portugués que se fala en Brasil. Onte recibiron unha sesión completa no musical catalán que fala Esperanza, a nai de Aleix. Unha marabillosa oportunidade, ademais, para coñecer fermosas tradicións catalás como a de San Jordi ou a tronca do Nadal, que “cagou” agasallos para nós. Iso si, despois de darlle para comer e cantar para ela na súa lingua materna.
Problemas para entendernos? Ningún! As linguas non nos separan cando todos e todas temos a vontade de expresarnos e comprendernos.
Moitas grazas por todo, Esperanza!!! Especialmente por lembrarnos, que ás veces se nos esquece, a inmensa sorte que temos de ser bilingües.

DEPORTES DE RAQUETA

 


Sabedes o que é o pickleball? Se é que non, non vos preocupedes, a min acábanmo de explicar os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria.
Remataron o trimestre cunha xornada de deporte escolar no CPI de Mondariz que inclúia distintos deportes de raqueta: bádminton, tenis de mesa… e, por suposto, pickleball. Resulta que esta disciplina combina outras como o tenis de mesa ou o pádel sendo ideal para iniciarse nos deportes de raqueta. Fácil de aprender e moi accesible. Se os vosos propósitos de aninovo inclúen iniciar un novo deporte esta é unha gran opción!

LES LUTHIERS


O mundo da música está de noraboa!
Cando pensamos que xa todo estaba inventado un novo instrumento de corda xorde en Guláns.
Concretamente, naceu no Feliciano Barrera. Os seus creadores e creadoras, nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de infantil, bautizárono como “Gomístico” e podo asegurarvos que está a dar moito xogo.
De momento comparto só as imaxes do novo instrumento, o son quizais teñan que depuralo un pouquiño máis…

luns, 12 de xaneiro de 2026

Novidades de xaneiro

 Na biblioteca atópanse algunhas novidades e tamén algunhas renovacións de títulos que foron expurgados ao principio de curso por estar moi deteriorados polo uso.






sábado, 10 de xaneiro de 2026

FAMILIAS NA ESCOLA: GIULIA

 


Aproveitar a diversidade para enriquecer a aprendizaxe é un principio básico no Feliciano Barrera e a colaboración coas familias, un dos nosos sinais de identidade.
En 5º de primaria tivemos un fermoso exemplo o pasado decembro. A nai de Giulia preparou para o noso alumnado unha presentación xeral sobre Brasil e, concretamente, sobre Salvador de Bahía, a súa cidade natal.
A súa historia, a súa gastronomía, a súa fauna, a súa flora, a súa cultura, o seu idioma, a súa xeografía…
Tróuxonos alimentos típicos, recordos, cancións, bailes… Un anaquiño de Brasil que levaremos sempre connosco.
De corazón, Cristina: MOITAS MOITAS GRAZAS!!!