domingo, 27 de abril de 2025

Semana do libro: "3º e 4º de primaria contando contos a Infantil, 1º e 2º de primaria".

 O venres, os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, prepararon catro contos para o deleite dos máis cativos. Estes gozaron cos contos e as representacións deles. Desde a biblioteca agradecemos o esforzo dos nenos e nenas que prepararon estes contos.Dividimos o espazo en 4 recunchos por donde foi pasando o alumnado de infantil, 1º e 2º de primaria.

Esta actividade gustou moito entre os cativos e cativas máis pequenos.



Semana do libro: Bookface

 Preciosa actividade consistente en fundirse coa portada dun libro. Unha actividade máis para o noso proxecto das artes escénicas: "Festival en catro actos", promovida pola biblioteca para celebrar a semana do libro no noso cole.

Desde a biblioteca de Leo León agradecemos a colaboración das familias e dos nenos e nenas participantes, que fixeron posible este bonito vídeo.


Semana do libro. Apadriñamentos

 O martes e o mércores, na hora de lectura tiveron lugar os apadriñamentos lectores, unha actividade coa que gozan pequenos e non tan pequenos no cole. A actividade consiste en que os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria, son padriños e madriñas dos nenos e nenas de infantil, primeiro e segundo. Con eles e nun recuncho do no cole, gozan da lectura dun conto.

Unha actividade moi gratificante para todos e todas.



domingo, 6 de abril de 2025

"Rosalía sempre viva"

 O día 22 de marzo celebrouse en Outeiro de Rei (Lugo), o concurso de recitado poético "Rosalía sempre viva", organizado pola casa museo de Manuel María e destinado ao alumnado non universitario sobre poemas de Manuel María e Rosalía de Castro. 

Para este concurso foron 3 alumnos en representación do noso colexio:

Catalina Meijueiro, Lara Filgueira e Marcos Méndez de 4º de primaria. Aquí temos as súas actuacións, un gran traballo feito por cada un deles.








Periódico Gafitas

 PERIÓDICO GAFITAS

Ultimamente temos publicacións clandestinas no Feliciano Barrera…
Un xornal circula polo colexio sen control algún do profesorado…
E non nos pode facer máis ilusión!!!
Catalina e Giulia, de 4º de primaria, redactan, editan, maquetan e distribúen o seu propio xornal temático: o Periódico Gafitas. O tema, claro e contundente: NON Á CONTAMINACIÓN.
Como nos gusta que os nenos e nenas teñan iniciativas e que atopen no colexio tempos e espazos para levalas a cabo. Bo traballo, rapazas!!!









 




mércores, 2 de abril de 2025

Os Leolectores de 4º remataron a lectura de "O neno de lume"

En cuarto leron o libro "O neno de lume" e remataron cun traballo sobre a vida da súa autora Ledicia Costas e sobre diferentes elementos gramaticais traballados durante o trimestre: clases de determinantes: artigos determinados e indeterminados, posesivos, demostrativose tamén pronomes e verbos. Os cativos e cativas traballaron na procura de todos eles entre as páxinas deste apaixonante libro. Como sempre nenos e nenas, un excelente traballo.












 Aproveitando que estamos lendo o libro "No corazón do bosque" de Agustín Fernández Paz, no clube de lectura Leóns Lectores de 3º de primaria, decidimos sair a buscar follas diferentes do bosque do no redor para clasificar segundo o seu borde e a súa forma. Quedáronnos uns herbarios completísimos.







Exposición de Castelao no Ceip Feliciano Barrera

 En 2025 celébrase o 75º aniversario da morte de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, unha das persoas máis influentes da Galicia Contemporánea.

Grazas a esta exposición facilitada polo concello de Ponteareas, os nenos e nenas do cole poideron achegarse á figura de Castelao e gozar coas súas caricaturas e frases máis recoñecidas. Así, os nenos e nenas coñeceron a unha figura polifacética que foi caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, e político. 

Castelao defendeu sempre a necesidade de construir unha arte e unha cultura propia en Galicia e foi e segue sendo unha das figuras máis destacadas do galeguismo.










Club de lectura "Lendo a todas horas" de 5º de primaria

 Despois da lectura do libro titulado "Matilda" de Roald Dahl, os nenos e nenas de quinto de primaria fixeron unhas marionetas moi sostibles con material de reciclado. 






martes, 1 de abril de 2025

Semana da poesía no Ceip Feliciano Barrera

 Este ano, para conmemorar o día da poesía que tanto gusta no cole, celebramos un recital de poesía coa participación de Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria. Durante as horas de lectura de toda a semana puidemos gozar de moitos de preciosos poemas.