domingo, 30 de xaneiro de 2022

Día da Paz 2022

 “Non hai camiño para a Paz, a Paz é o camiño”- Mahatma Ghandi-

A tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro e para comprometerse como defensores da Paz e o entendemento entre as persoas de diferente procedencia e modos de pensar.

Esta semana celebramos o Día da non violencia e a Paz. Ademais de traballar diferentes recursos en cada aula, na materia de Plástica Bilingüe, os nenos e nenas ataron uns lazos de cores na rede do patio, formando o símbolo da Paz. 



Tamén cantamos cancións, coma a que ven a continuación: “Que é a Paz”. Grazas pola canción Mestra Lidia. (Vídeo orixinal: https://www.youtube.com/watch?v=BI8DzL8ZAjQ).


En Inglés traballaron o "World Peace Day" con palabras de paz, como "Empaty", Hope",  "Cooperation", "Respect", "Tolerance"...

Diferentes manualidades feitas polo alumnado:



venres, 28 de xaneiro de 2022

Fin da lectura de Matilda

 Finalizamos, co club de lectura, a lectura de Matilda, organizando ideas sobre cantas leccións de vida nos ensinou: Non hai nada mellor que ser autosuficiente, sempre atoparás compañía nun bo libro, os adultos tamén teñen medo, todo o mundo ten dereito a ser feliz, as túas diferenzas son o teu mellor atributo, os amigos son a familia que un elixe e sempre estarán contigo. Ademais confeccionamos unhas gravatas coas personaxes que máis lles gustou ou co que máis se identificaran, escribindo as súas calidades que se describen no libro. Facendo un reconto, a personaxe que gañou foi a "malvada Trunchbull"! E para rematar, o visionado da película.



mércores, 26 de xaneiro de 2022

Novidades de xaneiro na biblioteca.

 Chéganos á biblioteca un libro sen palabras e con páxinas despregables para coñecer arte e descubrir que os obxectos non sempre son o que parecen: “OH!” de Josse Goffin. “A historia do principiño” de Antoine de Saint-Exupéry, cunhas preciosas ilustracións. Libros sobre a diversidade “Todos somos diferentes”, "Canto nos parecemos", "O neno que non quería ser azul e a nena que non quería ser rosa" e “A cor da túa pel” e para o noso proxecto anual EmocionArte: “O poder das palabras. Aprendendo a ser feliz” que amosa o inmenso poder que teñen as palabras, como a maxia, para axudarnos a ser máis positivos, a resolver mellor as situación e sentirnos moito máis felices, e o “Dicionario de persoas especiais”, que rende homenaxe a aquelas persoas únicas e especiais, que sempre te acompañan.

Con “Chofer de Sandías” poderemos soñar cun lugar onde a contaminación e as presas dan paso á natureza e á alegría. Todo é posible coa mirada fresca, espontánea e creativa da infancia.

E, coma sempre, as nosas revistas e xornais: Reportero Doc, I Love English, Caracola e O Papagaio.

martes, 25 de xaneiro de 2022

Maxia en Educación Física

Na clase de educación física, están abordando os xogos de mesa que temos na nosa biblioteca, e que implica unha lectura detida e reflexiva para a comprensión das regras do xogo.

O alumnado de terceiro traballou cun xogo de maxia. A protagonista é Gala e o xogo é “Maxia Borrás”, un clásico e punto de referencia nos xogos de mesa, que estimula a imaxinación, a habilidade e o enxeño ao tempo que se divirten.

O alumnado de 4º aprenderon a xogar a “The island” un xogo no que a atención é primordial, xa que tes que dirixir un equipo de valentes Exploradores nunha expedición por unha exótica illa chea de perigos e tesouros. Un xogo moi divertido para exercitar a memoria e que destaca polo seu alto grao de interacción.




Novos deportes.
No cole atopamos este ano novo: Unha mesa de ping pong! Con este deporte, os nenos e nenas desenvolven os seus reflexos e coordinación, ao mesmo tempo que melloran a súa capacidade para concentrarse... e pásano pipa! Na foto de abaixo: o profe Óscar e o profe Ralph montando a mesa.


luns, 17 de xaneiro de 2022

A tristeza

 Hoxe 17 de xaneiro, celébrase o Día da Tristeza. Por iso esta semana comezamos no Proxecto Emóciona.T coa TRISTEZA, con actividades e recursos na aula virtual. Nas aulas abordouse a Tristeza, con diferentes actividades. En 1º de Primaria expresaron a tristeza polo maltrato á Terra, coa contaminación, a deforestación, a queima dos bosques...


mércores, 12 de xaneiro de 2022

Maleta viaxeira incusiva.

 A maleta das emocións foi pasando por tódolos cursos e, esta semana, despedímonos dela, non sen antes amosar os libros que máis lles gustaron.

Pero xa temos outra maleta viaxeira nova! Chéganos, desde o CFR, o préstamo de libros inclusivos, para axudarnos a visualizar as capacidades diferentes e a normalizar a diversidade. Como dicía Nelson Mandela, a educación é a arma máis poderosa para cambiar o mundo. Non podemos estar máis de acordo. Os libros e os contos, ben escollidos, desde a infancia, son unha ferramenta moi valiosa e poden facer moito ben para conseguir un mundo mellor, no que a inclusión sexa unha realidade.

Os libros, inda que sexan curtos, son aptos para pequenos e maiores, porque todos e todas necesitamos, con frecuencia, mudar a nosa ollada e aprender boas solucións aos problemas que se presenten.