martes, 30 de novembro de 2021

Novidades de Novembro

 Novos números das revistas e xornais: O Papagaio, Caracola, Reportero Doc e a revista en Inglés I Love English na Biblioteca Leo León para desfrute e aprendizaxe do noso alumnado:
Tamén novos libros:

luns, 29 de novembro de 2021

Novembro, mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas 2021

Contribuímos ao mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares, a través da realización de experimentos, na que o alumnado tivo que buscar información, analizar e tratar esa información e comunicala en galego. Cada experimento formulábanse diferentes hipóteses que seguidamente se comprobaron.  Queremos ler e vivir a ciencia en galego!

domingo, 28 de novembro de 2021

Thanksgiving day

 Algunhas das clases de inglés e plástica bilingüe adícanse no colexio a coñecer festas e tradicións de países de fala inglesa. O xoves pasado foi a quenda do Día de Acción de Grazas, que tanto nos soa das películas e series americanas. Non se coñece con total seguridade a orixe da celebración que, en Estados Unidos, celébrase o 4º xoves de novembro e, en Canadá, o 2º luns de outubro.

No cole, aproveitamos a ocasión para practicar inglés e facer preciosas manualidades cun delicioso protagonista: o pavo.


venres, 26 de novembro de 2021

Maleta de emocións do CFR

En 4º de Educación Infantil recibiron, literalmente, unha maleta cargada de emocións. O Centro de Formación e Recursos de Vigo prestou ao colexio unha maleta chea de contos relacionados coa educación emocional. Que ben nos vén para seguir desenvolvendo o noso proxecto anual de centro!


xoves, 25 de novembro de 2021

25 DE NOVEMBRO

 Hoxe o colexio tínguese de violeta para amosar o noso compromiso en contra de calquera tipo de violencia, concretamente contra a violencia de xénero. A semana estivo salpicada de diferentes actividades:

En 6º de Primaria, a xornalista Eva Míguez deu aos alumnos de 6º unha charla sobre como os medios de comunicación tratan o tema da violencia de xénero.

En 3º de Primaria unha cadea humana representaba que "NON É NON".

Os protagonistas do conto "Arturo e Clementina"  demostraron en 2º de Primaria que ninguén debe privarnos dos nosos soños.

En Educación Infantil decoraron as súas portas co lema "COAS MIÑAS MANS DIGO NON", lema que chegou  a outros espazos como a Biblioteca e á aula de Música.

Guadi Galego cantou, ao alumnado de 1º de Primaria, o valor das matriarcas galegas.

En 5º de Primaria deseñaron unhas lentes moradas para ver a vida desde outra perspectiva.

Tamén en 5º subíronse ao tren da igualdade no seguinte vídeo:

Todo o alumnado de Primaria recitou o "Rap da Igualdade", no seguinte vídeo:

Na biblioteca foron expostos os libros coa temática de igualdade de xénero.

Unha chea de actividades e de emocións un ano máis.

mércores, 24 de novembro de 2021

Psicomotricidade con corazón

 Dícía Platón que a música é para a alma o que a ximnasia é para o corpo. Hoxe o alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil déronnos un exemplo diso: en silencio, con plena atención e ben sentad@s, escoitaron ao profe Óscar cantar acompañado da súa guitarra. Momentos de tranquilidade no medio do movemento constante da clase.

martes, 23 de novembro de 2021

Robótica e Educación Física

 En 4º de Primaria fixeron unha difusión moi creativa de materiais. Construíron o seu propio circuíto no patio cuberto e programaron so seus robots para percorrelo, virando correctamente e sen tropezarse en ningún momento. Teremos que vixiar moi de preto a este alumnado, porque están a un paso de programar aos robots para que fagan as súas tarefas!

Xogos tradicionais galegos

 A mariola, as chapas, as buxainas, o pase misí, os tiracroios... xogos doutras infancias que moitos e moitas de vós lembraredes. O Consello da Cultura Galega publicou na súa web unha preciosa selección de xogos tradicionais que queremos compartir convosco, tanto se vos apetece lembrar vellos tempos coma se queredes ensinarllos aos vosos nenos e nenas. A xogar!

http://xogospopulares.consellodacultura.gal/web/filtro/tipos

luns, 22 de novembro de 2021

Nova incorporación á familia.

 Sol e Lúa atopábanse un pouco soas estas últimas semanas. A poza facíaselles un pouco grande... Sorte que Ali, de 5º de Primaria, regalounos un novo habitante. Non hai dous sen tres: xa temos dúas ras e un pequeno cagote que, de momento, é bastante tímido e non se deixa ver.

Europa en relevo

 O alumnado de 6º de Primaria modelaron o relevo de Europa con plastilina. Unha forma artística, divertida e eficaz de achegarse a conceptos xeográficos.


O control da Ira en Infantil

A técnica do volcán.

 En 5º e 6º de Educación Infantil seguen traballando na xestión das súas propias emocións. A semana pasada, relacionaron os seus sentimentos de rabia coa erupción dun volcán. A lectura do conto "Teño un volcán! e unha preciosa manualidade axudaron aos nenos e nenas a comprender mellor o concepto de Ira.


A tartaruga e a lebre.

En Educación Infantil, traballamos a ira co conto A tartaruga e a lebre. Despois de contar o conto resolveron un labirinto para que a tartaruga regrese onda os animais, pintaron o caparazón da tartaruga, onde agocharse nos momentos de ira e fixeron unha manualidade da tartaruga e a lebre.


domingo, 21 de novembro de 2021

Digicraft en 6º

 Sumada á intelixencia natural, que nos demostran a diario, o alumnado de 6º volveron traballar este venres con intelixencia artificial. Que cómod@s véselles entre chips, satélites e tecnoloxías varias! vai ser certo que son nativos dixitais.

Pleno da Infancia

 Este venres, no Concello de Ponteareas, celebrouse un pleno moi especial no que os nenos e nenas da vila foron protagonistas indiscutibles. Saray e Lucía (de 6º e 5º de Primaria, respectivamente) representaron ao colexio comentando as nosas reflexións sobre o bulling e facendo distintas propostas que a alcaldesa escoitou con atención. Que orgullosas e orgullosos estamos delas! Aínda por riba, á volta fixeron entrega á nosa directora dun diploma no que Unicef recoñece Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia. Un día cheo de emocións!



sábado, 20 de novembro de 2021

Debuxos sombreados ou sombras debuxadas?

 En Educación Infantil aproveitan o sol de tódolos xeitos imaxinables. Hoxe crearon unha selva de papel repasando as sombras que os seus xoguetes proxectaban na mesa. Como ocorre moitas veces, unha idea simple converteuse nunha estupenda actividade.


venres, 19 de novembro de 2021

A importancia dunha boa autoestima

 Esta semana, na súa clase de valores, o alumnado de 4º de Primaria, recibiron unha enorme inxección de autoestima. Entre tódolos membros do grupo elaboraron carteis individuais coas mellores calidades de cada un escritas en letras ben grandes. Agora, cos seus carteis xa colgado nalgún lugar ben visible das súas casas, poden lembrar cando o necesiten o amables, divertid@s, intelixentes e, en resumo, marabillos@s que son.

xoves, 18 de novembro de 2021

Máis emocións fortes!

 Esta semana o alumnado de 2º de Primaria debuxaron un monstro representante da rabia que, en ocasións, todos sentimos que nos fai ferver o sangue. Estes monstros viven agora na caixa da rabia e, segundo contan os expertos e expertas de 2º, entre eles lévanse ben e non hai problema mentres non saian da caixa.

Tamén viron unha lectura dramatizada do conto "Vaia perrencha", no que a rapazada puido identificarse un pouquiño co protagonista e o seu enorme enfado.