Este mércores celebramos a festa do Magosto e do Samaín. Houbo disfraces terroríficos, exposición de cabazas feitas polos nenos e nenas, degustación de castañas coa axuda da ANPA San Xulián e ás familias do centro, que proporcionaron castañas, leña, asáronas e animaron a festa e sesións de xogos organizado polo profe Óscar: castaña quente, castaña equilibrista, lanza castañas, bosque tenebroso e circuíto do demo.
domingo, 31 de outubro de 2021
sábado, 30 de outubro de 2021
I LIKE HALLOWEEN
Na clase de 3º de Primaria, En Inglés, abordamos o Halloween cunhas cancións dramatizadas para festexar esta arrepiante festividade con música, versos e diversión. As cancións son "Knock knock, Trick or Treat?" e "I like Halloween" e tratan sobre as diferentes personaxes do Halloween, en Inglés.
venres, 29 de outubro de 2021
Ghostbusters
Ghostbusters, os cazafantasmas, é unha película estadounidense de 1984 do xénero comedia con algúns toques de ciencia ficción, A película foi un éxito e máis a súa banda sonora, composta por Elmer Bernstein. A canción "Ghostbusters" de Ray Parker Jr. gañou o premio BAFTA 1985 á mellor canción orixinal.
O alumnado de 5º de Primaria, canta e baila este tema en Inglés, e convértense en "ghostbusters" para capturar e conter ás pantasmas que poidan aparecer por Guláns neste Samaín, ao mesmo tempo que aprenden inglés escoitando, cantando, traducindo e practicando novo vocabulario.
xoves, 28 de outubro de 2021
MEDOS Á CAIXA DE CORREOS DAS EMOCIÓNS DE LEO LEÓN
Polo Samaín, os nenos e nenas de Primaria escribimos e pintamos os nosos medos para que saian do corpo e se amosen no papel. Despois, introducímolos na caixa de correos das emocións de Leo León, para que os garde baixo chave e afaste os temores a un lado e non nos limiten á hora de vivir novas experiencias. O feito de tomar conciencia deses medos, de verbalizalos e exteriorizalos é moi beneficioso.
Lembramos que os medos algunha vez poden escaparse, así que cando iso suceda, pediremos de maneira educada que volvan ao seu lugar, dentro da caixa. Cando desaparezan, sentídevos orgullosos e orgullosas de telo superado. Que alivio! Grazas por protexernos Leo León!
mércores, 27 de outubro de 2021
PODCASTS TERRORÍFICOS
Os nenos e as nenas de 5º de Educación Primaria escribiron varios contos de Samaín que fan tremer as pernas. Gravámolos e subímolos á plataforma Edixgal, en forma de Podcasts.
martes, 26 de outubro de 2021
LECTURAS SAMAÍN
Neste Samaín, na biblioteca expuxemos a nosa colección de contos e novelas de medo, terror e Samaín, libros cheos de sorrisos e terrorificamente divertidos para facer as delicias en Infantil e Primaria. Ademais incluímos unha listaxe dos contos de medo para que non vos quede ningún sen ler. Bo Samaín!
luns, 25 de outubro de 2021
Festa de outono 2021


domingo, 24 de outubro de 2021
Dia das bibliotecas escolares: "Conto de Leo León"
As nenas e nenos de 4º de primaria gravaron o conto de Leo León para que todos e todas poidamos gozar coas aventuras de Leo León. Comeza o proxecto Rei León, con este conto, para presentar a mascota da biblioteca.
sábado, 23 de outubro de 2021
PRESENTACIÓN LEO LEÓN A INFANTIL
Leo León, a mascota da biblioteca, visitou hoxe, polo Día das Bibliotecas, as aulas de Infantil e captou de inmediato toda a súa atención. Aprendemos un valor básico de comportamento dunha forma divertida: a ninguén lle gusta ser tratado con rudeza. Por iso a Leo León hai que tratalo ben e acariñalo suavemente. Que tacto tan agradable ten! Leo León é moi especial e consolará aos que estean tristes, acompañaravos nas tarefas e tamén bailará e xogará con todos e todas.
Ademais trouxo agasallos: novos carnés, pasaportes e marcapáxinas xigante para usar na biblioteca.
venres, 22 de outubro de 2021
NORMAS DA BIBLIO POLOS BIBLIOAXUDANTES
xoves, 21 de outubro de 2021
Recuncho da fala
mércores, 20 de outubro de 2021
Patio novo, vida nova
Xa están terminadas, de momento, as melloras no patio. Un pouco máis de verde, un pouco máis de cor... Hoxe estreamos a zona de horta e, por suposto, pasamos un bo rato buscando as ras, que non sempre se deixan ver. Estamos encantad@s con tódolos cambios e queremos agradecer á ANPA San Xulián a súa gran axuda en todo este proxecto, tanto a nivel económico como persoal, dedicando ao centro unha chea de tempo e traballo. Moitísimas grazas!!!
martes, 19 de outubro de 2021
Novidades de Outubro na Biblioteca
Temos novidades na biblioteca:
Este curso incluímos unha partida de libros de Lectura Fácil. A Lectura Fácil é necesaria para un acceso á lectura igualitario, sen exceso de tecnicismos, nin sintaxe complexa, nin presentacións pouco claras. Trátase dunha adaptación que permite unha lectura e unha comprensión máis sinxela do seu contido. Abarca ó texto, ás ilustracións e á maquetación.
As revistas de Reportero Doc están cheas de creatividade, humor e valores para descubrir o mundo no que vivimos con temas que apaixonan, como a ciencia, a tecnoloxía, a historia…
O Papagaio é un xornal 100% en galego para que a xente miúda se interese pola ciencia, a ecoloxía, a historia ou a arte, dunha forma amena e divertida.
A revista Caracola prepara aos nenos e nenas a aprender a ler, a crecer en tódolos sentidos, con ilusión e con ganas. Ofrece contos con marabillosas ilustracións, xogos para exercitar a habilidade e a creatividade, cómics con personaxes entrañables e divertidos, páxinas de ciencia, natureza e animais, ioga e filosofía… ademais un audioconto por mes!
I love English Junior é a revista para aprender e mellorar o inglés, de xeito divertido e estimulante. Inclúe audios Mp3 descargables para practicar a pronunciación e exercicios interactivos.
luns, 18 de outubro de 2021
A chegada das ras
No Feliciano Barrera continuamos traballando pola mellora dos patios, por crear lugares que conviden o xogo e tamén á calma e benestar. A última novidade é unha bonita poza, que hoxe, ao fin, recibiu ás súas novas inquilinas, dúas ras que os nenos e nenas de 5º de Primaria bautizaron como Sol e Lúa. Aproveitamos a ocasión para agradecer á familia de Ali a doazón das nosas novas amigas. Prometemos coidalas moi ben!
venres, 15 de outubro de 2021
Novo nome!
Temos noticias importantes no cole. Xa somos oficialmente o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera. Apoiando sempre a aprendizaxe da lingua estranxeira, este curso a educación plástica impartirase en inglés en tódalas aulas e, como novidade en educación infantil, os máis pequenos e pequenas terán dúas horas de inglés á semana.