xoves, 23 de decembro de 2021

Novidades de decembro

Continuamos coa achega de libros inclusivos. Libros que nos explican a nosa valía interior, que saibamos coidala e rodearnos de xente que nos respecte e nos queira de verdade. Libros que nos leva a unha viaxe que comeza en querer ser para o outro e ser coma o outro, alí onde nos desdebuxamos e perdemos ser nos mesmos no camiño, a causa dos estereotipos e as expectativas sociais. Por iso é tan importante a autoestima e aceptarse a si mesmo e aos demais, conto que nos ensina que non hai que cambiar para gustarlles aos demais.

Tamén temos unha aportación ao noso proxecto EmocionArte, un percorrido por 40 emocións expresadas con ilustracións, actividades, citas, xogos e reflexión para axudarnos a exploralas.

A Xunta de Galicia e a Academia Xacobea, achegáronos 5 exemplares de “Endrina e o segredo do peregrino” de Concha López Narváez, que nos servirá dun maior coñecemento do Camiño de Santiago e reforzará o seu vínculo coa lectura pracenteira.

martes, 21 de decembro de 2021

FESTIVAL DE NADAL 2021

O noso Elfo favorito coouse de novo no cole e deixou en cada clase unha chea de xogos e unha carta. Despois das actuacións, tocou baixar ó torreiro e outra sorpresa, dous elfos repartiron fermosos agasallos. Moitas grazas á Anpa San Xulian e ás familias do cole por regalarnos este marabilloso día. Por suposto, grazas tamén aos Elfos.

luns, 20 de decembro de 2021

ACHÉGASE O NADAL 2021

No mes de decembro traballamos a ALEGRÍA. Un decembro máis, a tecnoloxía axúdanos a manter a tradición do Festival de Nadal. Cancións, bailes, felicitacións... unha chea de sorpresas que, un ano máis, os nenos e nenas do cole preparan para vós con todo o seu agarimo. Poderedes ver o festival na páxina do cole mañá, martes 21, a partires das 10:00. Non volo perdades!!!

domingo, 19 de decembro de 2021

Audiolibro "Rosa caramelo"

 Con enorme tristeza despedímonos de Adela Turín, que faleceu recentemente. Pioneira no tratamento da Coeducación e a igualdade a través da Literatura Infantil e Xuvenil, quédanos o seu valioso legado creativo, que tanto agradecemos: "Rosa caramelo", "Artur e Clementina", "Unha feliz catástrofe", "A historia dos bononos con gafas"... libros ilustrados por Nella Bosnia que, desde os anos 70 e co lema "A favor das nenas", contribuíron, e seguen sendo aínda tan necesarios, a poñer en valor o rol feminino na sociedade, erradicar os estereotipos sexistas e a discriminación, cambiar mentalidades e construír un mundo mellor. Ata sempre.

O alumnado de 6º de Primaria creou un audiolibro de "Rosa caramelo", en Homenaxe a Adela Turín. É probablemente o seu conto máis famoso e foi editado por Kalandraka. Se aínda non coñeces a historia, non te perdas á elefanta Margarita e as súas compañeiras de manada, todas coa pel rosa menos ela.


En 1º de Primaria, limos o libro Artur e Clementina e escoitamos o conto Rosa Caramelo. Despois fixeron uns fermosos debuxos sobre os libros. Artur e Clementina é unha das catro obras reeditadas por Kalandraka da colección "A favor das nenas". Esta fábula reivindica o rol feminino na sociedade e fomenta a igualdade de xénero, denunciando a discriminación.

Maderalovers

 Feito de Pau déixanos un súper traballo para o CEIP Feliciano Barrera, unha mesa para os/as peques e outra para os/as maiores do cole. Non nos pode gustar máis o resultado. Moitas grazas!!!


sábado, 18 de decembro de 2021

Unha doce visita

 Este mércores, os nenos e nenas de Primaria recibiron na súa aula unha charla sobre o mel: a súa elaboración, datos curiosos... 

O mel de Galicia é un produto natural e fresco que se produce de forma artesanal. O clima de Galicia, o solo granítico e os ventos mariños, dan lugar a unha flora rica e variada, que permite  a produción de mel monofloral e de milflores. Esta mel acolle a denominación I.G.P. "Mel de Galicia".

Beatriz Riós, de Mel de Galicia, preparounos unha presentación moi divertida con toda a información e regalounos un pouquiño de mel e un caderno. Cómo nos gusta recibir visitas!





venres, 17 de decembro de 2021

I Carreira de Robots

Finalizando o trimestre, o alumnado de 4º de Primaria celebraron unha Festa de robótica. Souberon programalos para competir nunha emocionante carreiras de robots.


xoves, 16 de decembro de 2021

Noticias nevadas

 Esta semana chegaron noticias das nosas queridas amigas Noa e Nadia. Se pensades que en Guláns vai moito frío estades equivocados e e equivocadas. Cóntannos que na parte de Suecia onde elas viven están a 10 graos baixo cero. Abrigádevos ben, rapazas! Lembrámonos moito de vós e botámosvos de menos!

mércores, 15 de decembro de 2021

martes, 14 de decembro de 2021

Obradoiro de mosaicos romanos.

 Hoxe foi un día diferente en 1º e 2º de  Primaria. Os monitores e monitoras do Proxecto Terra fixéronnos viaxar ao pasado para converternos en castrexos, castrexas, romanos e romanas. Aprendemos como vivían e practicamos as súas técnicas de elaboración de mosaicos. 

Un mosaico é unha obra que se elabora con pequenas pezas irregulares, parecido a un quebracabezas. Úsanse diferentes materias de diversas formas e cores. Todas estas pezas denominadas teselas aplícanse sobre unha superficie para formar composicións xeométricas ou figurativas. Nesta ocasión o alumnado  representou a letra inicial do seu nome.

Un pouco de historia, de concentración e, sobre todo, moita arte! Ao final, que LEDICIA ver o noso traballo rematado!




luns, 13 de decembro de 2021

Asesoras de Nadal

As profes do equipo de biblioteca e de dinamización da lingua galega decidiron poñerse as orellas de elfo e aconsellar algúns libros; por se Papa Noel, os Reis ou o Apalpador andan este ano un pouco despistados. Nas imaxes podedes ver algunhas suxerencas.

Este ano, coma sempre, pedimos lectura!!!

domingo, 12 de decembro de 2021

Retos de animais. Proxecto Rei León.

 Continuamos co proxecto Rei León cunha busca de información e investigación. O alumnado de 5º de Primaria preparou uns retos sobre os animais, dirixidas a 6º de Primaria. Para iso utilizaron tódolos recursos que ofrece a biblioteca (ordenadores, libros de consulta, atlas...). Cada alumno ou alumna de 6º puido coller, no seu día de biblioteca, un reto no Happy Place e procurar a súa resposta, cos mesmos recursos. 6º tamén preparou retos a 5º. Despois os dous grupos, a través dunha gravación, corrixiron as súas respostas. Aquí podedes ver o resultado:








sábado, 11 de decembro de 2021

Mural pintado. Proxecto Rei León

 O alumnado de 5º, na clase de Plástica, continuando co proxecto Rei León, pintaron un mural xigante coas personaxes principais do Rei León.



venres, 10 de decembro de 2021

Día Internacional dos Dereitos Humanos

 Cada 10 de decembro celebramos o Día dos Dereitos Humanos. Confianza, esperanza, xustiza, saúde, igualdade, liberdade, dignidade, prosperidade, educación... con cada brazo, un neno ou nena, pediu que se respecten os seus dereitos.