mércores, 30 de decembro de 2020

 O Nadal en Guláns chegou cheo de fermosas sorpresas!!!🎄🎄🎄 

Coa actividade "My Secret Santa" organizada pola teacher Iria, recibimos unha postal escrita en inglés dun amigo ou amiga descoñecida. Todo o profesorado e alumnado do cole participamos e foi moi bonito, unha preciosa forma de practicar inglés e comunicarnos cos compañeiros e compañeiras doutras clases.

En quinto e sexto de Educación Infantil tiveron un precioso Calendario de Advento que cada día ofrecía un reto como adiviñas e que agardaban con moita ilusión!


No festival de Nadal, os nenos e nenas gozaron moito de ver aos seus compañeiros e compañeiras, aínda que fose a través da pantalla. 

 Agradecemos á ANPA San Xulián os preciosos agasallos que nos fixeron, especialmente a un elfo moi simpático que transmitiu moita maxia. 




Agradecer tamén ás familias por comentar as actuacións en directo. Todos os nenos e nenas quedaron encantados!!!

 O alumnado de 3º de Primaria realizaron un Proxecto sobre o Cine, coa profe Cris. Primeiro participaron na actividade "O meu Primeiro Festival de Cine", que deu orixe ao proxecto. Observaron un praxinoscopio, que foi un dos primeiros aparellos que conseguiu mostrar imaxes en movemento e realizaron o seu propio zoótropo, precursor tamén do cinematógrafo. Investigaron o cine mudo e os artistas cómicos máis relevantes como Charlot, o gordo e o flaco, Harold Lloyd e os irmáns Marx. Pasárono xenial!!!

                            

        
                      

martes, 29 de decembro de 2020

 O alumnado de 5º de Primaria realizou un traballo sobre os Xogos Tradicionais que foron cedidos o mes pasado pola Asociación "A Mandana", do Grobe. Agradecementos á Asociación polo préstamo dos xogos e a Óscar pola organización da actividade.


Con este traballo xa temos 3 libros escritos polo alumnado que quedarán na Biblioteca no recanto de "Libros escritos por Nós".



    Xa temos nome para o esqueleto! O xurado abriu o buzón e escolleu o nome máis votado.  E o nome gañador foi: PEPI.

venres, 11 de decembro de 2020

Hoxe temos unha visita moi especial, xa que entre os seguidores e seguidoras do noso Blog atópase Sarela, unha estudiante de segundo de carreira, en Santiago, futura profe, que nos recomenda este marabilloso libro: "Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes". Estade atentos!!!

Que ti tamén queres recomendar un libro? ese libro que é tan especial para ti e que cres que ninguén se debería perder? Se ainda non o fixéchedes, adiante, animaivos e mellor en galego!!!

xoves, 10 de decembro de 2020

Estade atentos nenos e nenas!!!! Temos un novo amigo e Leo León quérevos pedir un favor moi importante. Pinchade no vídeo!!

 E aquí van as recomendacións lectoras para esta época de Nadal da nosa biblioteca:

mércores, 9 de decembro de 2020

 Outro experimento polo mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas Escolares foi o realizado pola clase de Arts. Traballaron coas cores e as súas mesturas. A través do papel, a auga vaise transferindo aos vasos baleiros, e cando finaliza, despois dunhas horas, fórmase o laranxa, o verde e o morado, conseguindo as cores do arco da vella. Bo Traballo!!!

En Educación Infantil tamén fixeron experimentos con diferentes materiais e texturas. Comprobar se un alimento leva almidón ou non vertendo enriba dun alimento unhas gotas de tintura de iodo e mesturando. Se o alimento cambia de cor, significa que o alimento ten almidón. Noutro experimento fixeron unha masa sensorial máxica, que cando se colle coas mans e amasamos compórtase coma un sólido pero cando a soltamos é líquida!!! Que intrigante!!!

En Música tamén abordamos a Ciencia, facendo soar copas con cantidade variable de auga para crear sons de diferentes alturas.

O alumnado de Cuarto de Primaria animáronse tamén a realizar un experimento moi especial: Como medir a cantidade de choiva!!!





xoves, 3 de decembro de 2020

 Neste 3 de Decembro, queremos lembrarvos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O lema deste ano é "Un día para todos", co obxectivo de promover os dereitos  e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida e garantir a súa integración e igualdade.

                                                              Cuerdas

                                                      O cazo de Lorenzo

 Novembro foi o mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas Escolares. Por iso, durante todo o mes realizáronse diferentes experimentos.  Este é un exemplo: "Como peixes na auga".

Todo o alumnado participou na creación dun conto viaxeiro sobre a violencia de xénero. Comezou en Infantil e rematou en 6º de Primaria, e deu como resultado un conto cheo de imaxinación e reflexión.


luns, 30 de novembro de 2020

Lembramos unhas obras teatrais traballadas polos nosos nenos e nenas en anos anteriores, sobre a violencia de xénero, como "Pepuka e o monstro que lle roubou o seu sorriso" e "Cuando las niñas vuelan alto". Que ben o fixéchedes!!!                                        

Pepuka e o monstro que lle roubou o seu sorriso from Radio Televisión Leo León on Vimeo.

domingo, 29 de novembro de 2020

 O alumnado de Educación Infantil abordaron o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, cun mural, obra destes pequenos artistas. O CEIP Feliciano Barrera di NON á violencia de xénero. Día a día, nenos e nenas aprenden a convivir en igualdade e a condenar calquera tipo de violencia.



 Na loita contra todo tipo de desigualdade, discriminación e violencia contra as mulleres, temos presente as moitas cualidades que as mulleres teñen, e que as converten en Superheroínas!!

Traballamos a igualdade e a importancia de respectarse co conto Arturo e Clementina, un xeito de violencia de xénero silenciosa e moi dañina, aquela na que a descalificación contra a muller vai diminuíndo a súa autoestima e anulando a súa personalidade.


E as nosas recomendacións lectoras desta semana foron:

No cole de Guláns conmemoramos o 25N contra a violencia de xénero coas seguintes actividades que nos axudan a comprender que se nos educan por igual viviremos en igualdade. Concienciámonos coa canción pertencente ao grupo Tanxugueiras:
                          
O alumnado de 2º, analizando revistas de xoguetes e moda, un medio de comunicación (próximo proxecto) que reflicte uns estereotipos moi marcados para nenos e nenas, decidiron realizarse unha entrevista por radio, a radio Guláns!!

luns, 23 de novembro de 2020

 É momento de despedidas, xa que Noa e Nadia, marchan xa a Suecia. Que o mundo vos sorría compañeiras, canto vos imos botar de menos!!!  

No vídeo cantamos unha adaptación da canción Mamma Mía do grupo sueco ABBA, letra escrita pola profe Mónica.

 Finalizamos o Proxecto de Suecia cun traballo do alumnado de 4º e 6º de Primaria, no que crearon un libro de información sobre Suecia. 







                            


domingo, 22 de novembro de 2020

Continuando co Proxecto Suecia, o alumnado de 2º traballou o conto de Pippi Långstrump, ou Pippi Calzaslongas, a que foi unha serie de televisión sueca de 1969 que conta as aventuras de Pippi, a nena protagonista das novelas da escritora sueca Astrid Lindgren. Na serie, a protagonista, Pippi Calzaslongas, está interpretada pola actriz sueca Inger Nilsson.          

sábado, 21 de novembro de 2020

 O Proxecto Suecia preparou un reto matemático ao alumnado de 2º, para investigar que é o que precisamos para ir visitar as nosas compañeiras a Suecia. Utilizamos diferentes materiais co método ABN para resolver cantos nenos e nenas van á viaxe, cal é o prezo dos billetes, canto van pagar en total e canto dura a viaxe en avión. Fixemos unha gráfica para calcular os meses que faltan para a viaxe e practicamos mecanografía para poder comunicarnos con elas a través do correo electrónico. Ademais, interpretaron e pintaron un mapa a escala para calcular a distancia de España a Suecia, 2675 km!

martes, 17 de novembro de 2020

 Seguindo o Proxecto Suecia, o alumnado de 5º de Primaria ensínanos como bailar "Fjäskern", unha danza sueca.

 Existen poucos fenómenos tan espectaculares coma as auroras boreais. Unha aurora prodúcese cando as partículas procedentes do vento solar chocan co campo magnético da Terra e son guiadas cara os polos. Cando esas partículas alcanzan a nosa atmosfera libérase enerxía en forma de luz. 

Continuando co Proxecto de Suecia, desfrutamos da proxección dunha aurora boreal. O alumnado de Infantil pinta como senten cada un deles/as unha aurora e o alumnado de 1º e 2º realiza un experimento para plasmar en papel unha aurora boreal.

luns, 16 de novembro de 2020

 Co motivo de que dúas alumnas marchan a Suecia, iniciamos un pequeno proxecto para coñecer o lugar tan bonito no que van estar as nosas pequechas. Comezamos primeiro cunha procura de información de Suecia nos libros, revistas, internet...

xoves, 5 de novembro de 2020

 Damos por inaugurada a apertura da biblioteca ao exterior, ao aire libre, coa dotación de novo mobiliario. Le e respira con Leo León!!

domingo, 1 de novembro de 2020

 Como colofón final dunha semana de recomendacións literarias terroríficas, sesións de "Kamishibai" e de expresar os "nosos medos" nun esqueleto, a celebración do magosto foi o broche final de ouro desta semana.

Neste Samaín, no CEIP Feliciano Barrera, recopilamos os nosos medos, como as pantasmas, as arañas, os morcegos, a escuridade, a morte... e moitos máis.

O alumnado de 1º de Primaria preparou o conto "O NOSO SAMAÍN", de Loreta Birott Bermejo e Nuria Valdeón Balsas, da Editorial Galaxia, para explicarnos a orixe do Samaín.

xoves, 29 de outubro de 2020

Audioconto "Os esqueletos divertidos"

 O alumnado de 3º de Primaria preparounos un audioconto do libro "Os esqueletos divertidos", da editorial Kalandraka, escrito por Janet & Allan Ahlberg. Esperamos que vos guste!!!


Co alumnado de 2º aproveitamos este Samaín para aprender os ósos do noso corpo en Ciencias da Natureza. Que ben traballan!!!





Conxuros enfeitizantes

O noso Samaín provén dos nosos antepasados celtas. Eran pobos guerreiros que, coa chegada desta noite máxica, celebraban unha gran festa para conmemorar o final da colleita e do verán, e dar a benvida ao Novo Ano Celta. Tamén lles deixaban víveres e doces fóra da casa para que comesen algo despois da longa viaxe. Esta noite non era recomendable abrir a porta a ninguén, xa que os trasnos e fadas vagaban a doután polos bosques e as aldeas.

O alumnado de 4º de Primaria preparounos uns conxuros para enfeitizarnos nesta noite máxica:

domingo, 25 de outubro de 2020

 E aquí temos o marcapáxinas que Leo León ofreceu a todo o alumnado e que agarda que vos guste moooooiiito mooooiiito!!! Feliz Día das Bibliotecas Escolares!!!





 Os máis pequeniños e pequeniñas do cole, non coñecían a mascota da Biblio. Así que esta semana, recibiron a visita de Leo León. Que sorpresa!!!                      

Os biblioaxudantes de 6º explícanos cun vídeo-titorial as medidas de hixiene a causa da COVID-19 que son necesarias seguir para un bo uso da nosa Biblioteca.
Axúdanos a seguir estas sinxelas medidas polo ben de todos e todas.
                                                    

venres, 23 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas 2020

Hoxe, festexando o Día das Bibliotecas Escolares, Leo León ten un pequeno agasallo para todo o alumnado. Para ver a súa presentación escanea o código QR:
   
                     
               
E aquí vai o agasallo: Marcapáxinas LEO LEÓN SEMPRE AO TEU CARÓN.


LER É MOITO!!!

xoves, 22 de outubro de 2020

Leo León tamén trouxo o conto do "Sastreciño valente" ao noso alumnado de Educación Infantil, a través dun "Kamishibai" interpretado polas mestras de Infantil. Quedaron impresionados!!!                          




O alumnado de 3º de Primaria practicaron o "kamishibai". Que profesionais!!!