mércores, 28 de setembro de 2022

Coñece o meu club

 Setembro de deporte.

Toca poñerse o chandal e as zapatillas deportivas, que setembro chegou cunha chea de actividades do programa “Coñece o meu Club”

Recibimos en primeiro lugar a visita de Nicolás, adestrador do Club de Baloncesto Condado, de Ponteareas, que ensinou a nenos e nenas de primaria fundamentos técnicos e tácticos deste apaixonante deporte.

Tamén o Club de Balonmán Cañiza programou unha sesión de iniciación ao balonmán para o alumnado de primaria e dos últimos cursos de educación infantil; na que Rocío, Laura e Ana prepararon xogos, exercicios técnicos e partidos amigables. 

Moitas grazas a ámbolos clubs en xeral e o adestrador e adestradoras en particular, por transmitirnos a paixón polos seus respectivos deportes e ofrecer alternativas lúdicas para unha infancia máis saudable e menos sedentaria.






xoves, 22 de setembro de 2022

Preparando a horta

Os nenos e nenas de 2º de Primaria demostraron que saben como preparar un terreo para plantar. Por moito que busquedes non atoparedes unha soa mala herba na xardineira do romeu. Máis adiante completaremos a colección de aromáticas e, quen sabe, quizais fabriquemos xabóns de diferentes fragancias.









mércores, 21 de setembro de 2022

A poza

 Pequenos estudos.

Parece que en quinto de educación infantil a algunhas nenas e algúns nenos dálles pola herpetoloxía. Podemos velos observar ás nosas ras, Sol e Lúa, con toda a atención. Asegúrovos que non é nada fácil velas asomar entre as plantas da poza!