sábado, 30 de abril de 2022

Como cambia o conto: Os 3 porquiños

 Como cambia o conto! Pola semana do libro, en cada curso traballamos diferentes contos tradicionais en galego, variando e inventando algunhas partes do conto. En 4 e 5 anos decidiron cambiar o final do conto e este é o resultado.

Conto con monicreques: Eu son

 O alumnado de 6º curso preparou, en "Contos con monicreques", a continuación do libro de "Eu vou comigo": o conto "Eu son". Nace para completar a mensaxe de empoderamento e autoestima, pero se configura xa non só como unha segunda parte, senón como un complemento necesario que despexa unha realidade ben complexa, atada por expectativas sociais e presións económicas.

Vivimos na sociedade da imaxe. pero a estética non o é todo. Nesta historia Martín vai cargando ese peso, o seu peiteado á moda, a roupa que o fan parecer máis guai e o encaixan no grupo dos mellores. Así vai cargando sobre os seu ombros máis e máis etiquetas, que lle permiten a aprobación dos demais, perdendo a identidade, anulándose e converténdose nun obxecto de consumo.

Descubre con este conto como recuperar e aceptar o propio "eu".

Conto con monicreques: Eu vou comigo

 Para a Semana do libro, Contos con monicreques, o alumnado de 3º de Primaria, preparounos o conto "Eu vou comigo" de Raquel Díaz Reguera.

É unha lectura para educar en valores: “Eu vou comigo”, unha historia sobre a autenticidade e a autoestima. Non só para aceptarnos a nós mesmos, senón tamén para aceptar aos demais coas súas diferenzas. Traballar o respecto a un mesmo e aos demais, a empatía e a non deixar ninguén atrás.

Non é doado ser ti mesmo. Desde moi pequenos aprendemos a esquecer quen somos realmente para adaptarnos ao ideal que os demais teñen de nós, coa motivación de sentirnos queridos e aceptados.

Pero este camiño afástanos das nosas necesidades máis profundas e moitas veces fai que nos traizoemos a nós mesmos, xerando unha base de descontento, frustración e insatisfacción que contamina tódolos nosos actos. Non debemos esquecer que só se nos respectamos e nos aceptamos saberemos respectar e aceptar profundamente aos demais.

Conto con monicreques: O rei León

 Tócalle a quenda ao alumnado de 5º de Primaria, dentro da nosa sección de "Contos con monicreques" da Semana do libro. Prepararon o teatro "O Rei León" baseado no libro de cómic que temos na biblioteca. Cóntanos a historia do Simba, un xoven león destinado a converterse en rei da sabana africana. A súa feliz infancia chega ao seu fin cando o seu malvado tío Scar logra matar o rei quedando co trono e obriga a Simba a fuxir a terras afastadas. 

Unha historia que amosa valores como a solidariedade, a loita pola paz, o traballo en equipo e a unión familiar, que non debe perderse nunca e que convidan a transmitilos ás novas xeracións.

A vida é un ciclo e todo o mundo ten algo que aportar. Esa é a gran lección que Mufasa lle ensina a Simba sobre o ciclo da vida, e con esta sinxela idea promovemos o respecto, xa que ninguén debe considerarse mellor que outras persoas.

Din que "un amigo é un tesouro" e "O rei León" da boa conta diso. Inda que o longo da vida a soidade é inevitable, os amigos de verdade están aí para aconsellar e axudar ante calquera obstáculo. Quen vai negar a auténtica amizade entre Simba, Timón e Pumba, non?

O pasado pode doer pero hai que facerlle fronte, deixar de fuxir  e aprender do pasado para que este non condicione o teu futuro.

Non esquecer quen é cada un, ser un mesmo e aproveitar todo o potencial que temos dentro.

A frase máis orixinal "Hakuna Matata": ningún problema debe facerte sufrir. A actitude positiva de Timón e Pumba é abrumadora, pero teñen razón, cando hai ocasión nas que o agobio pode con todo e, en vez de buscar solucións, encerrámonos en nós mesmos, para estes momentos, a alegría e a esperanza son a mellor compañía.

xoves, 28 de abril de 2022

A Xanela do Maxín

26 de abril. A semana do libro, estivemos a celebrala coa visita, na biblioteca do cole, de Celtia Figueiras, da compañía profesional de teatro "A Xanela do Maxín. Desfrutamos de contos marabillosos, con monicreques, enfeitizámonos co "Ula Lúa?" e "Os libros da titiriteira", adaptado ás diferentes idades dos pequenos e pequenas. Ademais agasallounos un exemplar do libro. Foi moi entretido e divertido. Moitas grazas pola túa visita, Celtia. Pasámolo moi ben.




Máis vida na Poza Feliciana.

 Hoxe foi a primeira vez que moitos de nós puidemos observar detidamente ovos de ra. Temos que agradecerllo a Ali, de 5º de Primaria, e a súa familia, qeu doaron unha chea deles para o cole. Esperemos non ter problemas de espazo e que as ras (Sol, Lúa e Estrela) e os tritóns (Espagueti, CHampiñón e Cenoria) convivan en perfecta harmonía cos novos visitantes. Onde caben dous caben tres!



martes, 26 de abril de 2022

PROXECTO "A BIOSFERA"

 As nenas e nenos de 4º de primaria realizamos un proxecto sobre o noso planeta, tratamos de coñecer como funciona a biosfera e que necesitamos para que poida desenvolverse na vida na Terra. 

Ademais montamos a nosa propia biosfera e rematamos o traballo cun gran libro que recolle un resumo do aprendido. 





luns, 25 de abril de 2022

CONTO CON MONICREQUES: O MONSTRO DE CORES

 Hoxe, temos para celebrar o Día do Libro, o conto con monicreques que preparou o alumnado de 2º de Primaria: O monstro de cores. Un fantástico libro para comprender as emocións.

O monstro de cores non sabe que lle pasa. Enleouse coas emocións e agora toca desfacer a embrolla. Será quen de poñer en orde a alegría, a tristeza, a rabia, o medo e a calma? Poñendo unha cor a cada unha e explicándolle como nos sentimos, seguro que o conseguirá. 


venres, 22 de abril de 2022

PRIMEIRO CONCURSO DE CARTEIS INCLUSIVOS.

 Que lle dirías a un neno que non ten ningún amigo ou amiga no cole? Que lle dirías a unha nena que ves soa e triste no patio?

Destas cuestións trata o noso concurso de carteis, de que o alumnado escriba mensaxes de ánimo ou de axuda para esas hipotéticas persoas. A actividade está incluída no Programa Inclúe-T, da Consellería de Educación, e con el tentamos facer do Feliciano Barrera un centro cada vez máis inclusivo. Esperemos que moitos nenos e nenas se animen a participar!

Manualidades polo Día do Libro.

 En 5º de Primaria, abordan o Día do Libro coa manualidade dun muíño do vento, no que traballan aos grandes escritores da Literatura.


OS TRES PORQUIÑOS

 Hoxe temos o seguinte conto con monicreques: "Os tres porquiños", relatado polo alumnado de Infantil de 4 e 5 anos, coa axuda do alumnado de tres anos. 

xoves, 21 de abril de 2022

Procura do ovo. 5º e 6º

 "Weather showed mercy on us today", así que os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria participaron na "First Egg Hunt" do cole, prevista para antes das vacacións. Por pequenos grupos, tiñan que buscar os ovos de Pascua agochados, seguindo as indicacións do resto de compañeiros. "Go forward, go backwards, turn right, turn left"... 

Deste xeito divertido traballamos as direccións e indicacións en inglés, para así mellorar a súa autonomía e competencia comunicativa en calquera circunstancia.

mércores, 20 de abril de 2022

Semana do libro: Libros ao patio.

 Hoxe, aproveitamos o día de sol para facer a actividade da semana do libro: Libros ao patio!

Que mellor relaxación que desfrutar da lectura, ao aire libre, na natureza, en espazos que nos inspiran!

Bádminton en Ponteareas.

 O sábado pasado, 16 de abril, celebrouse o Campionato Zonal de Bádminton no Pavillón Municipal Álvaro Pino. O CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera contou con 6 representantes de luxo na competición, 3 nenos e 3 nenas de 6º de Primaria. Parabéns a tod@s, especialmete aos imáns Álex e Diego por conseguir o terceiro e cuarto posto. Grazas tamén ao profe Óscar por incluír tantos deportes nas súas clases de educación física e por ensinarlles ós nenos e nenas os valores que precisan para competir. Unha boa forma de celebrar o Día do Deporte.

Conto con monicreques: A Cebra Camila

 O alumnado de 1º de Primaria, preparounos o conto con monicreques: A cebra Camila. Agardan que vos guste moito!

martes, 19 de abril de 2022

Semana do libro: "UNHA EIRUGA MOI LARPEIRA"

Comezamos as celebracións da semana do libro co conto titulado "Unha eiruga moi larpeira" narrado polas nenas e nenos de 4º de Educación Primaria.

CONCURSO DE RELATOS CURTOS

 Leo León abre un CONCURSO DE RELATOS CURTOS. Seguide os consellos para facelo que nos ofrece o alumnado de 3º de Primaria.

Lembranzas da semana do libro

Libros ao patio, len os maiores e grupos pequenos de lectura. No curso 2016-17 celebramos desta maneira a semana do libro

 

ACTIVIDADES SEMANA DO LIBRO

 En abril... libros mil! A conmemoración do día do libro arranca esta semana con moitas actividades que temos preparadas no cole.

Este mes traballamos a emoción do Noxo e o Rexeitamento.

luns, 18 de abril de 2022

Luns de Pascua.

 Luns de Pascua e último día de descanso antes do sprint final dun curso bastante duro para todos e todas. Comezamos o trimestre lembrando os preciosos "rabbits" e "eggs" que os nenos e nenas de Primaria decoraron antes das vacacións na súa clase de Plástica Bilingüe.




luns, 4 de abril de 2022

Novidades de abril

 Novos libros, que inclúe unha partida de inclusión, e xogos para a biblioteca: carreira de letras, sombras e ABC.