venres, 11 de febreiro de 2022

Día das Mulleres e a Ciencia

 O 11 de Febreiro celebramos no cole o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Pretendemos visibilizar ás mulleres na ciencia e promover vocacións científicas entre as nenas, vital para avanzar cara a igualdade.

En primeiro lugar destacamos que, na biblioteca, toda a semana estivo exposta, unha colección de caretas, ilustradas por Marta Rivera, de mulleres destacadas en ciencia e enxeñería. A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo enviou o material ao noso centro.

Abordamos o estudo de mulleres científicas e o alumnado de 6º fixo unha exposición. Investigaron a biografía de distintas mulleres científicas e fixeron un mural coas súas achegas, empregando materiais descargados en The.teachersbag.

En ciencias da natureza, co alumnado de 5º e 6º de Primaria, quixemos xuntar a Ciencia e a Tecnoloxía co Día dos Namorados. Elaboramos un circuíto eléctrico. Puxemos luces led a corazóns de feltro, e recortando, cosendo, conectando fíos, atendendo aos polos positivos e negativos...conseguiron uns preciosos broches luminosos. Como din os románticos e románticas que o amor pode ser como unha corrente eléctrica que atravesa o noso corpo. Neste vídeo tedes o resultado!
Agardamos que con estas actividades, todo o noso alumnado, tanto nenos coma nenas, vexan as ciencias e a tecnoloxía, como dúas opcións máis nos seus itinerarios educativos e laborais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario