venres, 29 de xaneiro de 2021

 O alumnado de 2º de Primaria representou, para o Día da Paz, un teatro baseado nun corto que foi difundido en Thailandia, "A violinista xorda". Trata dunha historia moi edificante de superación persoal, pero tamén de amor á música e, sobre todo, de amizade delicada entre un ancián comprensivo e unha nena soñadora.

Ao inicio, vemos a unha nena que contempla a un violinista vagabundo. O relato céntrase no son: os primeiros acordes do Canon de Pachelbel, en ton baixo e apagado; os ruídos da rúa; a voz que berra da súa irmá que destrúe todos os seus soños... Entón descubrimos que a nena é xorda, e que abatida pola crueza do entorno, deixou o máis fermoso de todos os seus soños: aprender a tocar o violín. O vello vagabundo, que é moi sabio, é quen acende nela a chama da ilusión. "Xa non tocas o violín?", pregúntalle por xestos; e ela baixa a cabeza avergoñada. Máis tarde desafoga a súa pena con el: "Por que son diferente aos demais!?". E el responde: "Por que tes que ser ti como os demais?".

No silencio da conversación sen palabras, o vello confía o seu paradoxal secreto: "A música...é algo visible. Pecha os ollos, e poderás ver". Comeza entón o canon de Pachelbel, agora con máis alegría e vitalidade". É o que el tocaba, o que ela aprendeu antano do vagabundo. E vemos como medra o seu espírito, e a música, o seu afán de aprender. Vemos a súa mellora, o seu crecemento, a súa loita...

Esta historia dunha xorda que aprende a tocar o violín -contra todo prognóstico, contra a lóxica dos sentidos- é unha ensinanza vital. Fálanos de abrir o noso corazón á esperanza, de crer que os soños son posibles, e de loitar por conseguilos con todas as nosas forzas. O amor move montañas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario